Por Galicia Confidencial | | 13/02/2019 | Actualizada ás 13:21
O Día Mundial da Radio celébrase este ano baixo o lema "Diálogo, tolerancia e paz", que reivindica o labor da radio para difundir perspectivas positivas e reunir persoas en torno a obxectivos e causas comúns. E, con ese motivo, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) quere lembrar a importancia do medio radiofónico no mantemento dun ecosistema informativo amplo, plural e democrático.
“Na nosa contorna, a presenza da radio faise palpábel especialmente no rural, onde continúa a ser un dos medios con maior penetración e credibilidade entre a poboación, ademais de ter unha especial importancia para a información de proximidade”, destaca o CXPX nun comunicado.
Neste sentido, saúda a volta ás ondas de emisoras como Radio Xallas que recuperan a información local, pero tamén lembrar que hai frecuencias concedidas en moitos concellos que non están a emitir e por tanto faltan á súa obriga de servizo público.
Ademais, destaca que a variedade de emisoras de radio é un elemento clave para a pluralidade informativa, “ese requisito indispensábel nun espazo mediático democrático”. Con todo, lembra que, aínda que este ano se anulou a resolución que prohibía a Cuac FM emitir nas ondas, as emisoras comunitarias aínda precisan dun desenvolvemento xurídico adecuado. “O espazo radiofónico é un dos máis plurais e influentes de todo o ecosistema mediático galego e a supervivencia de toda a súa variedade resulta esencial para a nosa sociedade”, engade.
O Día Mundial da Radio foi establecido pola Conferencia Xeral de la Unesco en 2011, a proposta da Delegación Permanente de España. A data escollida, o 13 de febreiro, conmemora o día na que se creou a Radio das Nacións Unidas no 1946. Os obxectivos desta celebración son concienciar acerca da importancia da radio, alentar aos encargados de tomar decisións a crear e ofrecer acceso á información a través da radio e mellorar a cooperación internacional entre os organismos de radiodifusión. En todo o mundo, realizanse actividades conmemorativas e programacións radiofónicas especiais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.