Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/02/2019 | Actualizada ás 19:08
O histórico dirixente nacionalista e cofundador de Anova, Xosé Manuel Beiras, saíu en defensa do seu compañeiro de partido e parlamentario de En Marea, Miguel Anxo Fernán-Vello, un dos deputados que desatenderon as directrices da dirección do partido instrumental e apoiaron a tramitación dos orzamentos, finalmente rexeitados polo Congreso.
Nunha mensaxe na súa conta de Twitter, Beiras sinala que o seu compañeiro de partido e parlamentario de En Marea no Congreso, Miguel Anxo Fernán-Vello, "votou coa mente limpa e co corazón onde debe estar: abaixo e á esquerda: contra Atila!".
"Con Atila a piques de volver aniquilar as nosas liberdades cívicas, sociais e nacionais a 'afronta a Galicia' non é abrirlle as portas ao monstro, senón un diñeiro a faltar nos orzamentos españois. Popularmente chámase a iso 'confundir o cu coas témporas'", publicou Beiras.
O chío do histórico político foi respondido minutos despois pola parlamentaria Alexandra Fernández, integrada no sector crítico coa dirección de Anova e a única representante de En Marea no Congreso que votou en contra das contas.
"Se a posición era votar os orzamentos a calquera prezo, o honesto sería dicilo desde un inicio e non enganar á xente. O incomprensible é que se obvie que estes orzamentos caen porque o PSOE decidiu seguir a axenda da extrema dereita negándose a negociar co bloque progresista", publicou Fernández.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.