Nadia Calviño acusa á multinacional Alcoa de ter unha actitude "pouco responsable" en Galicia

A ministra de Economía, Nadia Calviño, defendeu o "compromiso claro" do Goberno para tratar de garantir un "proxecto estable a longo prazo" para as factorías de Alcoa na Coruña e Avilés.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/03/2019 | Actualizada ás 18:43

Comparte esta noticia

A ministra de Economía, Nadia Calviño, defendeu o "compromiso claro" do Goberno para tratar de garantir un "proxecto estable a longo prazo" para as factorías de Alcoa na Coruña e Avilés, pero criticou a actitude "pouco responsable" da compañía norteamericana por "sementar dúbidas" sobre o futuro da planta de San Cibrao.

"A min paréceme que é pouco responsable por parte dunha empresa que está en proceso de peche dalgunhas plantas sementar dúbidas e xerar incertezas aos traballadores, é pouco serio, imos centrarnos en buscar solucións, que é no que está o Goberno", asegurou, en entrevista na Cadea Ser.

En todo caso, aínda que confirmou que "hai ofertas" para as plantas de Galicia e Asturias, eludiu responder se Alcoa está a mostrarse colaborativa porque "unha das características deste tipo de procesos é que é importante gardar a discreción". O que si quedou " claro", segundo Calviño, é que o Goberno neste dez meses "non" se puxo "de perfil" e tomou "as rendas" ante un "asunto tremendamente complexo que vén arrastrando moitos anos".

A ministra de Economía tamén puxo en valor o "paso fundamental" adoptado no Consello de Ministros deste venres para a construción das novas fragatas F-110 en Navantia en Ferrol, cun "orzamento moi importante" de 4.300 millóns de euros e unha previsión de manter "8.000 postos de traballo" que supón "moi boa noticia para Ferrol e para Galicia". Calviño sostén, ademais, que non hai marcha atrás porque o "calendario é moi claro".

"BOA NOTICIA" O GASTO DO SUPERÁVIT EN SANIDADE

E sobre a autorización á Xunta para gastar o superávit en sanidade, a ministra de Economía valora que é unha "boa noticia" que o Ministerio de Facenda contemple que unha "das posibilidades é o investimento no ámbito sanitario", en especial en Galicia onde apunta a que é "consciente" das "numerosas protestas" por falta de investimento.

"En Galicia, eu son consciente, escoitei as protestas dos cidadáns por falta de investimento no ámbito sanitario. Ese é un tema de primeira necesidade, é fundamental para o noso Estado de Benestar, así que haberá que ver, e cónstame que o Ministerio de Facenda contempla como unha das posibilidades o investimento no ámbito sanitario, é unha boa noticia".

No entanto, puntualizou que, en termos xerais, hai que tratar de responder as necesidades do cidadáns pero logrando un "bo equilibrio" coa decisión de destinar o superávit a "investimentos produtivos, por tanto non gasto corrente, investimentos para rendemento económico e social a longo prazo, como é o caso da sanidade". Nadia Calviño tamén defendeu que é preciso continuar reducindo a nivel nacional o déficit e a débeda, pero sen que isto se asocia coa redución do gasto público, senón a través dun axuste polo lado dos ingresos.

PREOCUPACIÓN POLO BREXIT, SUBA DE SALARIO MÍNIMO E PENSIÓNS 

Unha das maiores preocupacións actuais no ámbito económico é o Brexit, que afectará a "moitos galegos" que viven no Reino Unido, pero tamén ás exportacións de sectores como o téxtil, do automóbil ou á pesca. Ante isto, lembrou que desde o Goberno estase a "apoiar" ás empresas para enfrontar unha saída que "non é desexable". Por outra banda, a ministra de Economía fixo fincapé na evolución económica de España "moi positiva", cun crecemento en 2018 dúas décimas por encima do previsto e cunha perspectiva de que se alcance o 2,2% este 2019.

Pero trátase, remarcou, dun escenario que ten que acompañarse dun "crecemento robusto, inclusivo" e defendeu a subida do salario mínimo interprofesional como "necesaria", porque España estaba "á cola" en termos de relación entre soldo mínimo e medio no OCDE. E precisamente, lembrou, ante o reto da igualdade e a eliminación da brecha salarial, que o 70% dos perceptores do SMI son mulleres, co que a medida tamén se enmarca nas políticas para tentar atallar as diferenzas salariais.

Alcoa.- Nadia Calviño acusa á multinacional de ter unha actitude 'pouco seria. RADIO GALICIA CADEA SER
Alcoa.- Nadia Calviño acusa á multinacional de ter unha actitude 'pouco seria. RADIO GALICIA CADEA SER | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 uu1

Dinheiro, o demais são contos!