Así chegou a vespa velutina a Galicia

Un novo estudo mostra que a invasión da avespa asiática no territorio galego se produciu pola combinación de poboacións distintas que se adentraron de xeito natural polo leste, desde o País Vasco e Navarra, e polo sur, desde Portugal, introducidas polo transporte terrestre de madeira.

Por Alberto Quian | Madrid | 02/04/2019 | Actualizada ás 21:45

Comparte esta noticia

Polo leste, percorrendo a franxa cantábrica desde o País Vasco e Navarra, e polo sur, desde Portugal, a vespa velutina foi invadindo case toda Galicia desde que se fixo oficial o primeiro rexistro deste insecto invasor no noso país, en 2012. Dúas vías distintas e con diferentes características, xa que se polo norte chegou por expansión natural, desde o país veciño a colonización comezou polo transporte humano.

Avespa velutina fotografada por Danel Solabarrieta e localización dos niños en Galicia en 2017, mapa elaborado por Rodríguez-Flores, M.S., Seijo-Rodríguez, A., Escuredo, O. et al. J Pest Sci (2018).
Avespa velutina fotografada por Danel Solabarrieta e localización dos niños en Galicia en 2017, mapa elaborado por Rodríguez-Flores, M.S., Seijo-Rodríguez, A., Escuredo, O. et al. J Pest Sci (2018).

A comunidade científica sitúa en Francia, no ano 2004, o primeiro rexistro de velutina en Europa. Desde entón, o insecto invasor expandiuse polo territorio galo e cruzou a outros países. En 2010 chegou a España e en 2011, a Portugal. Un ano despois, rexistrábase o primeiro exemplar en Galicia e tamén en Liguria, Italia.

Un novo estudo científico realizado no Instituto Politécnico de Bragança (Portugal) suxire que a propagación da Vespa velutina nigrithorax desde Francia aos países da contorna aconteceu de dúas maneiras diferentes. Mentres que a avespa asiática penetrou en Italia e no norte de España (a través do País Vasco) por dispersión natural local, o proceso invasivo en Portugal comezou con raíñas fundadoras que ingresaron a través dun salto mediado por humanos (os informes apuntan ao transporte terrestre de madeira), como aconteceu recentemente no Reino Unido.

Por esas vías, foi avanzando de leste a oeste desde País Vasco e Navarra, até alcanzar o norte galego, mentres que a poboación de fundadoras introducida en 2011 en Minho (Portugal) se expandiu rapidamente cara ao norte, adentrándose en Galicia, e cara ao sur do país veciño, e actualmente está distribuída ao longo da maior parte da costa atlántica ibérica.

Andreia de Oliveira Quaresma, autora do estudo, salienta que a expansión cara ao oeste desde o País Vasco introduciu unha nova diversidade en Galicia e, máis recentemente, en Portugal, como o revelan seis exemplares migrantes identificados no seu traballo. 

"Como en calquera evento de fundación, houbo unha severa perda de diversidade. Con todo, esta perda non foi suficiente para evitar unha colonización exitosa de grandes extensións dos territorios portugueses e galegos. A xeneralización da dieta e a preferencia dos sitios de anidación ampla, así como, as condicións climáticas similares ás atopadas no rango nativo, facilitaron o establecemento exitoso e rápido da avespa asiática", engade a investigadora do Instituto Politécnico de Bragança.

O obxectivo de Oliveira Quaresma foi testar os patróns xenéticos de colonización desta especie invasiva no litoral atlántico da Península Ibérica e en Italia. Para isto, capturáronse un total de 246 individuos, cada un dunha colonia diferente: 190 en Portugal, 45 en España e 11 en Italia, que se compararon con mostras de Francia, Vietnam, Corea do Sur, Indonesia e de duas provincias chinesas.

As análises xenéticas mostraron que as poboacións de avespa asiática en Europa se separan en dous grupos: un que contén as poboacións de Francia e Italia, e outra cos individuos portugueses

"A expansión da vespa asiática difire nos tres países. España e Italia mostran unha propagación natural da vespa, mentres que a poboación portuguesa mostrou unha dispersión mediada polo ser humano, xuntamente cunha expansión natural da especie invasora", esclarece a científica.

"Das tres poboacións estudadas, a española posúe a maior diversidade xenética", salienta Oliveira Quaresma, quen remarca a existencia de dúas introducións independentes en España: unha, que ocorreu en 2010, cando a avespa asiática se estendeu naturalmente polos vales do norte dos Pirineos, e a segunda introdución, en 2012, a través da expansión da poboación portuguesa.

"A agrupación e os patróns de diversidade (haplotipos e alelos compartidos), xunto coa baixa diversidade xenética observada na poboación portuguesa, suxiren a aparición dun efecto fundador en Portugal orixinado nunha poboación de orixe francesa", engádese no estudo.

Deste xeito, a colonización da velutina en Galicia produciuse pola mestura de poboacións distintas: a entrada natural polo leste e a invasión polo sur mediada pola acción humana, desde o norte de Portugal.

A MARIÑA E A RÍA DE VIGO, OS PRIMEIROS FOCOS

Outro traballo previo realizado por científicas do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencia do Solo da Universidade de Vigo motra como a Galicia occidental e costeira é a máis castigada por esta infesta, sendo as provincias da Coruña e de Pontevedra as máis afectadas, aínda que a distribución da velutina avanza imparable cara as zonas interiores e "a ameaza socioeconómica está a aumentar". 

Os mapas presentados polas investigadoras evidencian a rápida expansión da velutina no territorio galego. Se en 2013 era apenas anecdótica a súa presenza, focalizada na zona da Mariña luguesa (vía de entrada polo leste) e escasa na zona sur da ría de Vigo (vía de entrada desde Portugal), un ano despois a súa presenza xa era significativa no norte da provincia de Lugo e no sur de Pontevedra, pero tamén comezaba a expandirese por outras comarcas próximas da Coruña e puntos do interior de Galicia.

En 2015, a velutina xa era unha praga en todo o norte galego e en toda a franxa costeira e sur da provincia pontevedresa. Un ano despois, os niños de avespa asiática xa ocupaban practicamente toda a provincia da Coruña, case toda Pontevedra e a especie expandíase cara as zonas interiores de Galicia.

E en 2017 pódese dicir que xa era un problema nacional, unha praga, con A Coruña, Pontevedra e norte de Lugo totalmente colonizados, e avanzando por Oursense e o interior lugués, sendo as terras ourensás máis orientais as únicas limpas desta infesta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta