Música, cultura e mercados, tres atractivos para Semana Santa en Allariz

A vila ofrece a veciños, veciñas e turistas o programa “Semana Santa ao Vivo” que inclúe, música ao vivo nas rúas, mercados de artesanía e de gastronomía, xogos tradicionais, rutas interpretadas polo casco histórico e unha xuntanza de pintores.

Por X.M. Fernández | Allariz | 18/04/2019 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Quen se achegue a Allariz do 18 ao 21 de abril, en horario de 12:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 20:00 h. atopará música en directo polas principais rúas do casco histórico. Unha experiencia que se repite esta Semana Santa, ofrece diferentes estilos musicais e reúne aos seguintes grupos galegos: Adrián Timms, Banet, Iván Caride, Garmén Harper, Sheila Patricia, Os dous porquiños, Raiceira, Rubén Darío de Prado. Este ano únese á música un espectáculo de danza contemporánea a cargo da Licenciada Sotelo.

Igrexa de Santiago de Allariz
Igrexa de Santiago de Allariz | Fonte: GC

Para os interesados/as nas visitas guiadas, recomendable a “Ruta interpretada por Allariz”, que organiza a área de Turismo xunto coa empresa alaricana Xeitura. O obxectivo da mesma é amosar, durante unhas dúas horas e acompañados de guías especializadas/os na historia e patrimonio de Allariz, algúns dos recunchos con máis tradición da vila. Terá lugar os días 19 e 21 de abril ás 11:30 h.

Outras alternativas neste senso son o Roteiro de Armea o 18 de abril ás 11:00 h., San Salvador dos Penedos, programada para o día 21 ás 16:00 h. e as visitas ao Centro de Educación Ambiental O Rexo os días 18, 19 e 20 ás 17:00 h.

Ampliando a oferta de entretemento, e pensando máis nun público familiar, o concello organiza na Praza de Abaixo os días 19 e 20 en horario de 17:00 a 19:30 h. xogos tradicionais.

Para o domingo 21, como remate a estes intensos catro días de actividades, a vila do Arnoia estará ocupada por artistas do movemento “Urban Sketchers” de Ourense que chegan coa intención de retratar todo canto se lle poña a tiro no casco vello de Allariz. Tanto estes profesionais da pintura e do debuxo, como outros/as afeccionados/as que se queiran unir, celebrarán o Maratón de bocetos do Centro Histórico de Allariz.

MERCADOS E MUSEOS

O patio do Museo do Coiro acollerá, de xoves a domingo, o Mercado de Artesanía no que participan dez artesáns de Allariz que exporán as súas obras feitas en coiro, cerámica ou pedra, entre outros.

O Mercado da Reserva da Biosfera ampliará o seu horario e abrirá o venres e sábado de 10:00h a 14:00h. As persoas visitantes ademais de mercar os produtos da reserva da biosfera, como o queixo do Rexo, o pan artesán, leite ecolóxica, mel, hortalizas ou produtos elaborados con castañas, poderán degustar, de xeito gratuíto, pratos elaborados na sesión de cociña en vivo.

Os Museos da Moda, do Xoguete e do Coiro abrirán estes 4 días en horario de 11:00 a 14:00 pola mañá e de 17:00 a 20:00h. pola tarde.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta