Aquel día de tan gratas lembranzas, presentamos a edición da biografía de Ramón Verea que o benquerido amigo xa falecido, Olimpio Arca Caldas, escribirá por encargo do Foro E. Peinador, coeditada co Concello da Estrada. Ningún dos presentes sabía quen fora aquel veciño que inventara a calculadora, a quen lle eriximos un monumento en Curantes, a súa parroquia natal. Afeitos como estamos a ignorar a nosa propia historia e a contribución de moitos galegos ao progreso da humanidade, a memoria recuperada de Ramón Verea mudou o sembrante de todos os asistentes daquel encontro.
Na miña intervención,dedicada a explicarlles a prolífica nómina de galegos galeguistas que cos seus inventos cambiaran a calidade de vida da humanidade, faleilles do doutor Antón Beiras, un oftalmólogo que creou un instrumento denominado “Vigoscopio” para corrixir o ollo birollo, o extravismo, do que se beneficiou a humanidade. Antón Beiras convertérase no científico máis solicitado polos congresos médicos do mundo. Pois ben, el negábase a falar noutro idioma que non fose o galego. “Eu tiven que aprender moitos idiomas para chegar a deseñar este instrumento; agora os que queiran coñecer as miñas investigacións que aprendan o galego”, adoitaba dicir.
Poucas décadas antes, Ramón Obella Vidal, outro investigador galeguista creou Zeltía, a industria farmacéutica máis importante daqueles tempos radicada no Porriño. Entre os fármacos máis importantes que produciron nos comezos da actividade empresarial están: a efedrina, a dixitalina, os extractos hepáticos, a foliculina, as insulinas, o purpuripan, con representación de varias formas; e as vitaminas de todo tipo. Para promocionaren os seus produtos farmacéuticos para erradicar as enfermidades do gando e pragas do agro, publicaban o “Calendario ZZ”, editado íntegramente en lingua galega. Contemporaneamente, a importantísima frota de PESCANOVA levaba nos cascos dos seus barcos nomes de personaxes históricos e topónimos escritos correctamente.
Hoxe son moitos os profesionais –os máis deles mulleres- que cos seus coñecementos están a facer grandes contribucións á ciencia, aquí e alén das nosas fronteiras, como foi o caso de Ramón Verea no seu exilio americano .“Os inventores forman hoxe o exército da conquista.A súa forza é irresistible. O que non adopta as mesmas armas ten que pagarlles tributo”, escribía Verea pouco antes de morrer en 1899.
Cómpre artellar un programa pedagóxico para dar a coñecer nos centros de ensino os proxectos de investigación no que están a traballar eses científicos e a transcendencia dos seus traballos. Cando iso se faga os galegos recoñeceranse como unha comunidade máis do mundo transformadora dos progresos da humanidade.Daquela gañaríamos en autoestima e venceriamos ese humillante sentemento tan arraigado de almas rendidas como alguén nos calificou.
O futuro de Galicia conseguirase con audacia, imaxinación, coñecementos e constancia no empeño.