O PP saca adiante unha proposición para que os concellos elaboren plans de emerxencia contra a seca

A oposición tira de ironía e recriminan aos populares que "por fin entenderon o cambio climático, non como ao comezo da lexislatura".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/05/2019 | Actualizada ás 14:03

Comparte esta noticia

Os votos dos deputados do Partido Popular de Galicia serviron para dar luz verde a unha iniciativa parlamentaria pola que a Cámara galega insta á Xunta a reclamar aos concellos a elaboración de plans de emerxencia contra a seca coa coordinación e asesoramento das administracións autonómica e provincial.

A proposición non de lei, presentada polo propio Grupo Popular, foi aprobada durante a sesión plenaria que este mércores continúa no Parlamento de Galicia. Os deputados do PSdeG abstivéronse, mentres que os grupos de En Marea e BNG votaron en contra.

Na defensa da iniciativa, o parlamentario popular Gonzalo Trenor denunciou que "ningún concello galego conta con plans de emerxencia" para episodios de seca, unha "obrigación legal" desde o ano 2001. Así, lembrou que as competencias en materia de xestión de augas recaen nas administracións locais, polo que, segundo Trenor, han de ser os concellos, independentemente do seu tamaño, quen elaboren os seus plans de emerxencia contando coa colaboración de deputacións e o propio Goberno galego.

Os grupos da oposición coincidiron en tirar de ironía para "felicitar" ao Partido Popular por recoñecer a existencia do cambio climático, algo que, en palabras da socialista Patricia Vilán, "negaban ao comezo desta lexislatura".

"É todo un avance que comprendan o que é o cambio climático", comentou Marcos Cal, de En Marea, grupo que expuxo unha emenda de substitución á iniciativa do PPdeG --finalmente rexeitada--. Nela propuñan a redución das especies con "gran cantidade" de consumo hídrico como o eucalipto ou as acacias e subir os impostos ás empresas con "alta" consumición de recursos acuáticos, entre as que situou á pasteira pontevedresa Ence.

Na súa quenda, Luís Bará (BNG) censurou que o Grupo Popular pretenda "dar leccións" aos municipios desde o Parlamento cando os fondos autonómicos para planificación hidrolóxica pasaron "de 38 millóns a 12" durante os anos de Alberto Núñez Feijóo á fronte da Xunta. "O problema é que vostedes presumen de eficiencia e non fixeron os deberes", incidiu o tamén concelleiro en Pontevedra Luís Bará, que criticou a "vagancia absoluta" dos populares en materia de xestión de augas, un ámbito no que, segundo o nacionalista, o Goberno galego "incumpre a normativa e os seus orzamentos".

Patricia Vilán (PSdeG) tamén puxo o foco na "falta" de iniciativa da Xunta para garantir "un dereito fundamental" como é o acceso á auga. "Pedímoslles un plan, e a resposta foi que non facía falta", subliñou a socialista, que reclama que a "transición ecolóxica" vaia acompañada dunha "transición enerxética" para que este proceso sexa efectivo. Na quenda de peche, Gonzalo Trenor criticou a actitude dos grupos da oposición. "Non son capaces de quitarse as camisetas dos partidos para porse a de Galicia. Son incapaces dunha proposta boa para que Galicia poida gañar", resolveu.

RESIDUOS NAS SOMOZAS

Por outra banda, neste pleno o deputado do BNG Xosé Luís Rivas, Mini, presentou unha iniciativa para que se fagan inspeccións a empresas xestoras de residuos nas Somozas (A Coruña), xa que alerta de falta de control con "cheiros pestilentes", verteduras e lixiviados que baixan ladeira abaixo desde instalacións do polígono industrial "ata parar no río Mera".

Esta iniciativa foi rexeitada polos populares, a pesar de ter o apoio de toda a oposición. O deputado nacionalista asegurou que no municipio existe "medo" a denunciar debido á existencia dun goberno local "monocolor" do PP, con todos os concelleiros populares, a pesar de existir un cheiro "insoportable" procedentes dos residuos de depuración.

Pleno Do Parlamento De Galicia Do 26 De Abril De 2017. CONCHI PAZ
Pleno Do Parlamento De Galicia Do 26 De Abril De 2017. CONCHI PAZ | Fonte: XUNTA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta