O churrasco con patacas fritidas e xeado, o menú preferido pola rapazada de Ames

O departamento de Educación do concello deulles a posibilidade a todos os nenos e nenas que comen na rede de comedores de elixir o menú de fin de curso, unha comida que este ano se celebrará o 20 de xuño.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 10/06/2019 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Nin peixe, nin verduras; churrasco con patacas fritidas. Iso é o que máis lle gusta á rapazada das escolas públicas de Ames. Por cuarto ano consecutivo, os rapaces e rapazas que son usuarios da Rede Municipal de Comedores Escolares elixiron este plato e o xeado de xeo como menú de fin de curso. 

Churrasco con patacas
Churrasco con patacas | Fonte: Le coq

Unha iniciativa que foi posible grazas ao departamento de Educación do Concello de Ames que lles deu a posibilidade a todos os nenos e nenas que comen na rede de comedores de que elixiran o menú de fin de curso, unha comida que este ano se celebrará o 20 de xuño. Estes peculiares comicios leváronse a cabo nos comedores do CEIP Agro do Muíño, CEIP A Maía, CEP de Ventín, CEIP de Barouta e na EEI do Milladoiro. E o churrasco con patacas fritas e o xeado de xeo (polo de limón ou laranxa) proclamáronse como os gañadores con 345 votos e 448, respectivamente, dun total de 1.042 participantes.

A pizza de xamón e queixo quedou con 312 votos; as albóndegas con arroz e salsa de tomate con 185 votos; os espaguetes á boloñesa con queixo con 103 votos; a peituga rebozada (nugets) con arroz e salsa de tomate con 77 votos e, finalmente, a pescada rebozada con pasta tricolor, 26 votos. Na sobremesa, o polo de xeado impúxose con 448 votos ao xeado de corte de tres sabores, que obtivo 292 votos. Os amorodos con nata acadaron 146 votos; o iogur de chocolate 109 votos, e o flan con nata, 41.

Dende o 2011 o churrasco con patacas fritas gañou en sete ocasións e a pizza de xamón e queixo dúas veces. En 2011, 2012 e 2013 gañou o churrasco, mentres que en 2014 e 2015 impúxose a pizza. Os catro últimos anos volveu a gañar o churrasco como o prato favorito dos nenos e nenas da Rede municipal de comedores escolares.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta