Por Galicia Confidencial | Ordes | 12/06/2019 | Actualizada ás 14:50
A Rede de Plataformas Medioambientais Salvemos a Comarca de Ordes. Aire, Auga e Terra Limpas reclaman a nulidade do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e do estudo de impacto ambiental da Liña de Alta Tensión (LAT) 220 KV Campelo-Mesón do Vento. Un proxecto que contempla atravesar ao longo de 40 km os concellos de Coristanco, Carballo, Tordoia, Cerceda, Ordes e Carral, para evacuar na estación eléctrica das Travesas a enerxía producida polos parques eólicos de Campelo, Bustelo e Monte Toural.
Por iso, chaman aos veciños das comarcas afectadas (Ordes, Bergantiños, O Xallas e A Coruña) a mobilizarse e presentar alegacións a este promovido por Greenalia Power SL. O prazo para que calquera persoa ou colectivo poida presentar alegacións no rexistro da Xunta de Galicia remata o próximo martes 18 de xuño ou, no caso de ser propietario de terreos ocupados, en dez días hábiles a contar desde o día que recibira a notificación no seu domicilio.
“Denunciamos a total opacidade do proxecto e que ningún organismo público nin privado se puxo en contacto coas persoas afectadas para informar, consultar ou valorar a conveniencia de semellante infraestrutura, o que incumpre a Lei 21/2013 de Avaliación ambiental e a Lei 39/2015 de Procedemento Administrativo Común”, apunta a rede nun comunicado.
Tamén critica que, segundo o proxecto sectorial, a liña está “totalmente sobredimensionada”, pois contempla unha capacidade moi superior á necesaria para evacuar a enerxía eólica dos tres parques que teoricamente a xustifican.
EFECTOS AMBIENTAIS
Por outra banda, apunta que os efectos desta liña sobre o medio ambiente, a paisaxe rural, o patrimonio cultural ou benestar social serán “enormes” tendo en conta ademais que esta LAT transcorrería practicamente paralela á xa existente LAT 220KV Vimianzo-Mesón do Vento. “Estamos ante un proxecto que é totalmente contrario á Lei 10/1995 de Ordenación do Territorio de Galicia e contrario á normativa de liñas aéreas de alta tensión, que obrigaría ao desdobramento da LAT xa existente en lugar de construír esta nova”, engade.
Por iso, desde a Rede Aire, Auga e Terra Limpas reclaman responsabilidade ás Administracións para “non empeorar aínda máis unha zona que xa está totalmente saturada de liñas eléctricas, como é o Mesón do Vento”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.