Villares rompe co grupo do que é portavoz e marchará con tres deputados ao Grupo Mixto

Con el van Paula Vázquez Verao, Pancho Casal e Davide Rodríguez. Outra deputada, Flora Miranda, vinculada a Compostela Aberta, anuncia que deixa a Cámara. Villares di que marchan de En Marea por "unha política imposta por Podemos, coa complicidade seguidista da dirección de Anova". Aposta por tecer lazos de colaboración co PSOE e co BNG para "botar ao PP" nas eleccións do vindeiro ano.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/06/2019 | Actualizada ás 17:33

Comparte esta noticia

O ata agora portavoz parlamentario de En Marea, Luís Villares, e os seus tres deputados afíns (Paula Vázquez Verao, Pancho Casal e Davide Rodríguez) anunciaron que abandonan o grupo do partido instrumental na Cámara galega e pasaranse ao mixto a consecuencia dos desencontros co resto de parlamentarios.

Rolda de prensa de Luís Villares cos deputados que continarán con el no grupo mixto
Rolda de prensa de Luís Villares cos deputados que continarán con el no grupo mixto

Deste xeito, póñense fin ás especulacións dos últimos días, consumándose así a ruptura definitiva de En Marea. Finalmente, Villares e os seus tres deputados afíns decidiron pasar directamente ao Grupo Mixto e deixar en mans dos críticos a marca da formación, xa queimada logo das numerosas crises.

ELECCIÓN DO SENADOR

A crise interna aberta coa elección do senador por designación autonómica que correspondía a En Marea como segunda forza no Parlamento de Galicia precipitou unha ruptura que existía 'de facto' desde hai tempo entre os deputados críticos con Villares e os afíns ao maxistrado lucense, que foi o encargado de anunciar a súa marcha ao mixto nunha comparencia de prensa celebrada este xoves na que estivo acompañado dos parlamentarios que o acompañarán ao mixto.

Con todo, sobre se este tema motivará que o Grupo Parlamentario de En Marea perda a posibilidade de presentar ao seu senador por designación autonómica ao deixar de ser a primeira forza da oposición, fontes do Parlamento de Galicia consultadas por Europa Press apuntaron que a Cámara "non se adiantará aos acontecementos".

Así, estas fontes sinalan que, unha vez se rexistre a marcha de Luís Villares, Paula Vázquez Verao, Pacho Casal e Davide Rodríguez ao grupo mixto, a solicitude "tramitarase conforme a dereito" e "con arranxo ao que indiquen os servizos xurídicos" do Lexislativo.

Na súa comparecencia e flanqueado polos parlamentarios que lle son afíns e gran parte da dirección de En Marea, Luís Villares asegurou que a súa marcha ao mixto débese a que o actual grupo parlamentario "xa non representa a En Marea, senón a Podemos e aos que deciden seguir os seus ditados", en referencia a Anova e Esquerda Unida.

O maxistrado en excedencia volveu a cargar con dureza contra Podemos e o seu líder, Pablo Iglesias, ao que acusa de "intentar facerse co control de En Marea, tratando de destruír a confluencia para fundar un proxecto alternativo que é a antítese de En Marea". O paso de Villares prodúcese en véspera do fin do prazo dado aos deputados críticos para que acatasen o nomeamento de Mariló Candedo (proposta pola dirección de En Marea) para o cargo de senador ou abandonasen o grupo parlamentario.

"Nada disto sucedeu e non é previsible que suceda. Pero non sexamos inocentes e asumamos a realidade política imposta por Podemos, coa complicidade seguidista da dirección de Anova", incidiu Villares antes de anunciar o seu pase ao mixto xunto con Rodríguez, Casal e Vázquez Verao.

Deste xeito, puxo o foco en que as "normas de convivencia" que "marcaban os estatutos de En Marea" permitían a coexistencia de "dúas sensibilidades" dentro do grupo, pero que esta realidade "xa non é así" pois están "aqueles deputados leais ao mandato" do partido instrumental e "aqueles que obedecen consígnalas dunha organización diferente: Podemos".

REEDITAN

Así pois, rompe o único espazo onde aínda permanecía unido formalmente o espazo político da chamada unidade popular, tendo en conta que nas eleccións xerais escenificouse o divorcio coa división en dúas candidaturas que competiron entre si: a En Marea de Villares, que obtivo menos de 18.000 votos, e a coalición En Común-Unidas Podemos, integrada por EU e Podemos e que se fixo con dous deputados. Anova, pola súa banda, quedou descolgada e optou por non concorrer aos comicios do 28 de abril.

Ademais, En Marea revive o acontecido coa súa predecesora, Alternativa Galega de Esquerdas, que viu como tres dos seu nove deputados acababan a pasada lexislatura no grupo mixto tamén polas tensións internas.

A ruptura suporá que os deputados que quedan no grupo de En Marea serán os que renegan da súa pertenza ao partido instrumental, mentres que os parlamentarios que integrarán o mixto son leais ao proxecto nado na asemblea de Vigo celebrada en xullo de 2016, menos de dous meses antes das eleccións autonómicas nas que o proxecto rupturista logrou 271.418 votos e 14 escanos.

RELANZAR O "PROXECTO"

Así as cousas, Villares confía en que o traballo desde o grupo mixto sirva para relanzar un "proxecto renovado que recupera a ilusión perdida polas pelexas internas" con base "nunha coralidade republicana e progresista ampla" ao redor das ideas do "feminismo, ecoloxismo, xustiza social" e con "unha idea nacional inclusiva".

Así mesmo, incide en que é necesario aparcar os "enfados e as estridencias" que atribúe á dirección de Podemos con Pablo Iglesias á fronte. "Xa está ben de enfados, de discusións e leas. Cando alguén vén cunha solución, vén cun sorriso. E aquí está esta nova marea, que con humildade pero con determinación, abre un novo ciclo institucional cun sorriso á democracia social no noso país", resolveu Villares.

O maxistrado nega que a súa marcha ao mixto teña un transfondo económica --En Marea comezará en xullo a cobrar aos seus inscritos pola débeda contraida durante os procesos electorais dos últimos dous meses-- senón que se debe á "responsabilidade" co proxecto do partido instrumental para así "deixar de falar de cuestións internas" que impedían a "visualización" do traballo político.

O SENADOR, O ÚLTIMO DESENCONTRO

A elección do senador foi o último dos desencontros do grupo de En Marea, que viviu ao bordo da ruptura desde marzo do pasado ano cando o episodio da deputada Paula Quinteiro agrandou as diferenzas entre os dous bloques que convivían na Cámara galega: os afíns a Villares (tres máis o portavoz) e o resto, membros de Podemos, EU e Anova que apoiaron a continuidade de Quinteiro cando a dirección política de En Marea pedía a súa marcha.

A iso fixo referencia tamén o portavoz orgánico de En Marea, que afirmou que Quinteiro "foi amparada única e exclusivamente por ter o carné de Podemos". Así mesmo, Villares repasou os desencontros entre a súa dirección e o sector crítico que, tras as polémicas primarias de decembro de 2018, terminou por abandonar o partido instrumental.

"Gardamos silencio e aguantamos o que tiñamos que aguantar mentres outros se dedicaban a dinamitar o proxecto común. En Marea non é propiedade de Podemos nin doutra forza política. Non nos resignamos a deixarnos devorar", aseverou.

Por último, e a preguntas dos medios, Villares confesou que só comunicara a súa decisión a "algúns" dos seus ata agora compañeiros e que o histórico dirixente nacionalista Xosé Manuel Beiras (un dos que iniciou os movementos para que o maxistrado dese o paso á política en 2016) tampouco estaba ao tanto da súa marcha ao mixto.

Así as cousas, a dirección de En Marea, que encara este verán un proceso interno para a súa reconfiguración tras os malos resultados obtidos en xenerais e municipais, fixa a vista nas autonómicas previstas de 2020 porque cren que están "a tempo de parar a desilusión" e así "disputar a hexemonía ao PP no campo político galego".

"Todo o que temos que comunicar son as nosas propostas políticas", engadiu, para, a continuación, indicar que a articulación dunha "alternativa" á dereita "ten que ser cooperativa" pero "non só pensando en Podemos", senón tamén "no PSOE e o BNG".

FLORA MIRANDA DEIXARÁ O PARLAMENTO

Por outra banda, Flora Miranda, a última das deputadas de En Marea en chegar á Cámara, anunciou que tamen deixa a Cámara tras a finalización deste peridodo de sesións para reincorporarse á consulta de Atención Primaria no Centro de Saúde de A Estrada.

Villares di que o senador por designación autonómica de En Marea sairá da elección de 'primarias'
Villares di que o senador por designación autonómica de En Marea sairá da elección de 'primarias'

Miranda fixo este anuncio a través de FB:  "Quero anunciar que, despois de finalizado este período de sesións, marcharei do Parlamento e reincorporareime á consulta de Atención Primaria no Centro de Saúde de A Estrada.  Ante a fractura do grupo parlamentar consolídase a quebra do proxecto político polo que apostei e no que estaba disposta a traballar: un proxecto que superase minifundios con altura, responsabilidade e madurez para traballar pola/coa xente. Entendo que non procede a toma de posicións, dado o contexto. O fracaso é colectivo.  Dadas as circunstancias quero retomar o meu proxecto profesional, onde me sentirei máis útil e construtiva. Seguirei desenvolvendo traballo no lugar de onde proveño: o activismo social e a prol da sanidade pública".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 21 comentarios

2 Xanc

A culpa é da UPG!

1 Gamela

O mesmo resultado de AGE cando as troulas dirixidas por CERNA abandonaron e marcharon ao grupo mixto... Neste caso Os catro magníficos deberan outorgarlle un premio ao muñidor da desfeita https://enmarea.gal/persoas/mario-l... (o home na sombra, que fixo posible a ruptura de En Marea / o mesmo que fixo con AGE no seu día / ¿Canto lle paga a UPG para desfacerse da competencia no espazo nacionalista? // Ananos mirándose o embigo con Paco Rodríguez ao fondo rindo a cachón... /// https://i.gal/gamela03

1 Tabú

Duvido que a UPG pague nada para "desfazer-se da competência no espaço nacionalista". Por duas razons. Em primeoro lugar, que já se desfam, disolvem e refundam eles soinhos continuamente. Em segundo, que este projeto do 'ruturismo' cada vez distancia-se mais de calquera cousa que se asemelhe a um projeto nacional autónomo para ser nada mais que umha sucursal do binómio Podemos-IU. Os deputados dignos que rexeitam fazer de mordomos do espanholismo fam moi bem em separar-se deles, como tamém o fariam todos os nacionalistas que haja no espaço do ruturismo. Cómpre aprender das experiências destes anos: coa esquerda espanhola, NUNCA MAIS. Si quando haja que chegar a acordos, obviamente, porque nom haverá outro remédio, pero nom em coligaçons das que se fam donos e senhores. Cómpre UNIDADE e ensanchar um projeto nacional autónomo. Os que escolham o ghetto ou o carnet da Complutense serám responsáveis dos seus atos e consequências, coma todos.

2 Alpinista

Precisas lentes, mellor olfato, afinar ouvido, tocar sen luvas... E, sobre todo, orientarse antes de predicar, abonda de repetir odios, fobias personais e outros males enfermizos internos. Ti, Gamela, odias o que non hai tanto amache: defendeches todo o que fóra contra o BNG sen considerar que detrás estaban os trepas do PCE (igual ou peor que os da UPG), anxos caídos eran os líderes no teu altar, mesmo a obsesión coa xente de Cerna (tamén con Lidia Serna e asesoras, para quen pediches o voto?). Logo, por favor, un pouquiño de humildade, que xa cansa tanta sabedoría de quen é parte da propaganda españolista e constitucional. O vello postureo de sempre para enganar despistados. Metílico e matute.

3 Gamela

Alpinista, seica tí es o único que estás es posesión da verdade? Os demáis non temos problema en rectificar: crín que Podemos ía dar a volta á política de "parcelas" que defendía o BNG-UPG dende hai 40 anos... E logo de Galapagar mudou o conto: especialmente pola entrada da Señorita Irene Montero & Yolanda Díaz & Eva Solla (EU na sombra capitalizando os votos de Podemos!) // Non teño problema en recoñecer a miña inxenuidade... Pero de aí a estar CEGO aínda vai un bo cacho! ¿Quen é CERNA? Algún día teredes que explicar tódalas maniobras que levaron a cabo para desfacer En Marea !!! Amén. (Do metílico falamos cando queiras!)