Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/06/2019 | Actualizada ás 19:03
A Xunta, a través da directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Blanca García-Señoráns, responsabilizou á Administración central do proceso aberto contra Cuac FM, radio comunitaria asentada na Coruña á que o Goberno galego prohibiu emitir en frecuencia modulada por non contar con licenza pero que finalmente recibiu o apoio dos xulgados.
A deputada do PSdeG Patricia Vilán levou este caso ao Parlamento de Galicia a través dunha pregunta formulada na Comisión 1ª Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior, celebrada este venres.
A parlamentaria socialista afeou a ausencia na comisión da secretaria xeral de Medios, Mar Sánchez Sierra, que, ao seu xuízo, "debería responder a unha decisión que se tomou no seu departamento e que é a súa responsabilidade".
"Calquera responsable da Xunta que veña a comisión está a falar en nome do Goberno", respondeu García-Señoráns, que defendeu que a Xunta "se viu obrigada a incoar un expediente sancionador en cumprimento da lei estatal", pero quen "levantou a acta de infracción" foi a Administración central.
Vilán censurou que o Goberno galego "interprete" a sentenza do TSXG --ratificada meses despois tras a non admisión a trámite do recurso de casación presentado ante o Supremo-- e que trate de "botar balóns fóra".
"Vostedes contra Radio María, que está na mesma situación, non foron. Contra Cuac FM si", espetou a parlamentaria socialista, que lamenta que os 1.000 euros de costas que terá que abonar a Xunta "saian do peto dos galegos" cando a decisión de recorrer partiu da Administración por razóns "políticas".
CASO DE CUAC FM
O pasado 4 de xuño, o Tribunal Supremo tombou o recurso presentado pola Xunta de Galicia contra o fallo xudicial emitido o pasado mes de outubro pola Sección Segunda da Sala do Contencioso-administrativo do TSXG, que anulou a resolución da Secretaría Xeral de Medios que prohibía emitir en frecuencia modulada á radio comunitaria Cuac FM, radicada na Coruña.
A decisión de non admitir a trámite o recurso de casación da Xunta converte en firme a sentenza do tribunal galego que deixaba sen efecto o expediente sancionador que pesaba contra a emisora, á que fora prohibida a emisión en FM a través dunha resolución ditada polo Goberno galego en febreiro de 2018.
Ademais, a providencia do Supremo tamén impón á Administración autonómica o pago das costas procesuais ata un máximo de 1.000 euros. Fontes da Xunta consultadas por Europa Press indicaron que aínda non recibiron a notificación xudicial.
A través dun comunicado publicado na súa web, Cuac FM mostra a súa satisfacción pola decisión do Supremo e censura "a utilización de recursos públicos na persecución dunha iniciativa de comunicación cidadá, e en contra dunha interpretación expansiva dos dereitos fundamentais e as liberdades públicas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.