2014 trouxo malas novas para os autónomos. Principiou a vixencia do réxime de caixa do IVE para aqueles que o escollan, que supostamente cumpriría a promesa electoral do 2011 de que os autónomos e pemes só pagarían o IVE cando o desen cobrado. E non hai tal, porque o sistema é impracticábel, ao vencellar tamén ás empresas que pagan as facturas. Aturan de bo grao as grandes empresas que a súa peme provedora lles vincule en todas as súas relacións coa mesma? Xa saben a resposta. A opción polo réxime de caixa conleva na práctica o carimbo de “empresa problemática”. Velaí a inutilidade deste sistema, cando pola Europa adiante había exemplos abondo de sistemas operativos. Das resultas desta mentira, menos dun 8% dos 2,3 millóns de autónomos e pemes que poderían optar por este sistema ( restrinxido aos que facturan menos de 2M€ /ano) poderán usalo.