E facía estas afirmacións pois, lembraba a transición democrática e o seu papel no asunto do 23-f, aínda que non esquecía que fora o ditador Franco quen o puxera para sucedelo. Inxenuo de min, tamén pensaba que soio o ditador andaba de pesca nos salmóns, no Azor e cazando algún venado que lle poñían a tiro. Pero, a sorpresa foi que o rei, coa crise económica que estamos pasando, crise que nós non creamos pero que pagamos, fora de cacería a matar elefantes. As fotos co rifle ao lado do gran animal caído no 2006, e o asunto da cacería nestes días, amosan que o Sr. Anasagasti tiña moita razón cando falaba no seu libro “Unha monarquía protexida pola censura” na que acusaba e denuciaba os excesos que teñen os monarcas, os trapos sucios e inmoralidades que agochan, e non sei cantas cousas máis que dicía dos Borbóns reinates en España.
E diante os meus fillos, no xantar familiar do domingo, quedei sen argumentos para xustificar algo que, por moi privado que sexa, é inxustificable. O noso rei de cacería nun país africano, disfrutando e pegándolle tiros a animais separados da manada. Son dos que penso que o cargo público leva consigo unha serie de ataduras e comportamentos que obligan a dar exemplo escrupuloso. E a familia real, sempre tan protexida e ben tratada pola prensa, anda a dar moito negativo que falar nestes últimos tempos.
Cando esto escribo o Sr. Conde Roa xa presentou a dimisión por ter contas pendentes coa facenda pública, e aínda que é un chisco tarde, dá exemplo e vaise para a súa casa. Por eso, coas restriccións económicas que estamos a soportar: co paro galopante que afecta, sobre todo, á xuventude, por moi privado que sexan os viaxes da súa Maxestade, o exemplo que lle amosan aos cidadáns é moi pobre. Eu diría que é un gran fiasco. E lembro cando Franco, segundo Arias Navarro último presidente do goberno co xeneralísimo dicía: “mientras los españoles duermen, una lucecita en el Pardo trabaja para nosotros…” referíndose ao ditador. Eran outros tempos, pero agora, cando a moitos persoeiros se lle enche a boca falando de España, das bondades e do que lle debemos “a el rey” moitos somos os que pensamos que, todo eso, resulta ser a xustificación para debuxarnos o cadro o máis fermoso posible, cando en realidade o lenzo esta arrugado e é mais ben feo. Por eso somos moitos os que pensamos que a monarquía ten que someterse ao control e xustificación das contas públicas. Ten que actualizarse e ser modelo no ámeto privado e no público.
En fin, admito que, para min como para a gran maioría das xentes do Estado, este asunto da cacería foi unha sorpresa negativa inesperada. Por eso, apartarse da vida pública cando se mete a pata podería ser unha boa saída; podería ser un bo colofón para unha época que está superada polos tempos. Deixar paso a unha persoa moza para que airee á Zarzuela e lle dea un impulso novo a unha monarquía que cada día ten menos sentido de existir pode resultar ilusionante. E si eso non se fai, cada día que pase seremos máis os que pidamos sin rencor, pero sen medo, referéndum sobre Monarquía ou República.