A primeira sorpresa é que hai bastante xente na sá, algo que me parece pouco habitual para ver unha película galega. En fin, comeza a historia e identifícome coa paisaxe e cos actores que aparecen. Son persoas mais ou menos coñecidas das series da TVG. E comeza o relato dunha historia sinxela que me transporta aos anos setenta cando, grupos de rapaces, deciden probar buscando outros modelos de sociedade, pois discrepan coa que teñen. Desta maneira, axiña aparecen dúas visións da vida: a primeira a tradicional das nosas aldeas representada pola desconfianza e o medo cara un futuro incerto e modelo de vida que racha co herdado dos nosos maiores e que está representado polo crego e a nai de Breixo o protagonista. E a segunda, a protagonizada a por un fato de mozos e mozas que buscan vivir dun xeito diferente ao establecido e pretenden formar unha comuna nunha aldea deshabitada, comida polo mato e as silvas.
Logo, a medida que se vai desenvolvendo a trama, aparecen os primeiros problemas xurdidos pola visión distinta da vida, das solucións aos atrancos do día a día e as relacións amorosas entre os componentes da célula social. A historia remata volvendo a xunguir pasado e presente unidos polo nexo do tempo transcurrido, como o recordo dunha historia fermosa que aconteceu anos atrás. Historia que vive no recordó dos protagonistas, agora máis maiores, como algo moi positivo.
Estamos diante unha cinta que incita a meditar sobre o comportamento da xuventude; de persoas mozas que sinten a necesidade de trocar unha sociedade na que se atopan incómodos e que, por tal motivo, pregúntanse moitas cuestións. E, ás veces, camiñan herradas, outras non, ate que atopan un lugar axeitado na sociedade. Pero, ademáis do dito, a historia incita a unha reflexión e a buscarlle contestación de moitas preguntas, por exemplo: é posible unha sociedade comunitaria ao cento por cento? Puido ser que as nosas aldeas naceran pola discrepancia hipotética inicial das comunas nacidas nos castros? Somos os pais os donos sempre do destino dos nosos fillos? A paternidade dos fillos pode ser descoñecida e soio teñen dereito coñecer a súa maternidade? O sexo é algo trivial, algo somente instintivo, ou ten tras de si outros valores ademáis o do logro do pracer? O aborto como tal é un dereito absoluto soio da nai? É posible vivir en comunidades sen nigun tipo de ataduras e normas?
Aínda que estes temas non teñen contestación nin un debate pleno no desenvolvento da trama, a historia abre á porta á discusión e a reflexión. Todos fumos mozos e un día soñamos cunha sociedade plena de liberdades. Pero pódese construir unha sociedade libre sin ataduras, obligacións e normas?
En fin, estamos diante unha película galega, que evoca tempos mozos, tempos pasados para moitos, e que abre a porta a cantidade de preguntas para os máis novos. O cine galego abre xanelas e mercados e avanaza con cintas como esta; cintas que amosan unha realidade palpable; que nos mostra paisaxes coñecidas e lugares fermosos. Que nos mostra unha realidade natural que temos perto de nós e que se chama Galiza. Pero, ademáis de todo o reseñado, tamén nos pon sobre a mesa o problema do noso rural sometido ao despoboamento e ao desleixo.
Saturado e mesmo cheo de incertidume polo que acontece a cotío no mundo, fun ao cine é, durante un tempo, perdín de vista a crise, e lembrei anos pasados vendo unha historia sensible e de amor moi interesante. Unha chata: empregar o idioma coa variante local sen eliminar os castelanismos, non me parece o máis acaído.