Por Xurxo Salgado | Compostela | 13/12/2019 | Actualizada ás 08:10
As palabras do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, moi crítico co informe do Consello de Europa sobre o galego e a súa insistencia en que se aprenda máis inglés que galego foron duramente constestadas polo presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira. "O seu cinismo non se sostén. A non ser que considere que ser galego e falar galego é unha limitación, por que cre que saber galego é incompatíbel con coñecer outras linguas?", dixo en declaracións a Galicia Confidencial.
Este xoves o presidente galego manifestou que "o coñecemento do galego está garantido, non así o do inglés e estamos intentando garantir o seu coñecemento con maior intensidade". Era o seu xeito de contestar ás conclusións dun informe do Consello de Europa sobre o cumprimento dos compromisos do Goberno galego respecto da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minorizadas.
Este estudo apunta a que caen drásticamente os falantes, fallan as medidas para facilitar a atención desde a administración e a presenza do galego no sistema educativo é insuficiente, especialmente, en preescolar e en primaria. De feito, alerta sobre a ruptura da transmisión interxeracional deste idioma e como algúns pequenos falan millor inglés do que galego.
"Sorprendeme que se critique o plurilingüismo. Se hai informes que din que os nenos non poden falar, estudar ou conversar en inglés alá os autores do informe. Nós temos moi claro que os galegos debemos coñecer para falar e escribir o galego, o castelán e o inglés e, por iso, imos insistir nas políticas de plurilingüísmo porque son moi procedentes na Europa actual", respondeu Feijóo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta.
Unhas declaracións que Marcos Maceira considera "vergoñentas" e impropias dun presidente galego. "Os datos oficiais da incapacidade para falar galego son os máis altos da Historia e, desde que entrou en vigor o decreto, non paran de subir: 1 de cada 4 menores de 15 anos non o poden falar", asegura.
De feito, lémbralle a Feijóo que o que lle leva anos dicindo "nin máis nin menos que o Consello de Ministros do organismo europeo para garantir a democracia e os Dereitos Humanos", en alusión ao Consello de Europa, é que a introdución dunha lingua extranxeira "non pode ser en detrimento da propia". "E esta vez, a terceira, os expertos falan aínda con máis claridade: o decreto é contrario ao galego e debe ser derrogado inmediatamente", engade.
"Non sei se é pior que Feixoo se faga o parvo ou que crea que os expertos do Consello son parvos. Nos dous casos a quen avergoña é ao pobo galego, que é a quen representa como presidente da Xunta, ademais de amosar un desprezo absoluto polo dereito a vivir na lingua propia, un dereito humano imprescindíbel para a democracia", conclúe.
O seu cinismo non se sostén. A non ser que considere que ser galego e falar galego é unha limitación, por que cre que saber galego é incompatíbel con coñecer outras linguas?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.