Un analista de Stratfor aconsellou facer un seguimento a Resistencia Galega

Segunda achega sobre os emails da compañía de intelixencia global aos que tivo acceso GC a través de WikiLeaks. Un informante de Stratfor advertiu en 2011 da crecente actividade de Resistencia Galega e a debilidade de ETA. Outro informe de Scotland Yard de 2007 informaba das accións do grupo armado galego. Descarga os documentos en GC Plus.

Por Alberto Quian | Madrid | 27/08/2012 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

A crecente actividade de Resistencia Galega e a debilidade de ETA fixeron repensar aos analistas de Stratfor a cuestión da loita armada no Estado español no ano 2011. Un analista desta compañía de intelixencia global, sita en Texas, aconselleu facer un seguimento ao grupo separatista galego, ao que se lle atribuían supostos vínculos con ETA.

Ataque de Resistencia Galega contra as obras do AVE
Ataque de Resistencia Galega contra as obras do AVE

O 18 de xaneiro de 2011, o analista táctico Ben West e a vicepresidenta de Marketing Internacional de Stratfor, Antonia Colibasanu, mantiveron un intercambio de correos electrónicos co departamento de Análises da compañía sobre as accións de Resistencia Galega nos que se advertía de ameazas terroristas a cargos políticos en Galicia. Así o sinalaban no propio asunto destes emails: "Blast targets political office in Spain's Galicia region".

West e Colibasanu enviaron unha recompilación de noticias sobre os últimos atentados do grupo armado galego. No seu email, Ben West comezaba a súa comunicación cunha sucinta explicación cos motivos polos que aconsellaba facerlle un seguimento a Resistencia Galega:

"Máis detalles sobre estes tipos a continuación. Eles foron responsábeis de polo menos 13 ataques en 2010. Parecen moi pequenos, pero supostamente teñen vínculos con ETA. Sería interesante se estes tipos repuntan a medida que ETA mingua".

Neste correo electrónico, Ben West achegaba unha información en inglés publicada en Ansa Mediterranean (ANSAmed), —sección da Agenzia Nazionale Stampa Associata— sobre as accións de Resistencia Galega, sobre a que xustificaba a súa recomendación de seguir os pasos do grupo separatista galego. Co título "Spain: Galician separitists new terrorism front" ("España: nova fronte terrorista de separatistas galegos"), a axencia italiana informaba o 20 de outubro de 2010 de que a Audiencia Nacional decidira incluír a Resistencia Galega na lista de grupos terroristas.

ANSAmed daba conta da actividade do grupo separatista, ao que se lle atribuía un total de trece ataques desde o inicio de 2010, "sempre co uso de bombas rudimentarias contra empresas inmobiliarias, obras de construción do tren de alta velocidade, sedes de partidos políticos e infraestruturas", describía a información.

Ola con explosivos incautada en Vigo na operación contra Resistencia Galega
Ola con explosivos incautada en Vigo na operación contra Resistencia Galega

A axencia tamén informaba de "ameazas a funcionarios públicos —xuíces, profesores universitarios e a presidenta de Galicia Bilingüe—", o que "motivou que a Audiencia Nacional elevara o nivel de alerta", comunicaba a axencia.

No que se refire aos paralelismos de Resistencia Galega con ETA, ANSAmed salientaba que "ao igual que a kale borroka, os mozos simpatizantes de ETA, os membros da organización galega son mozos de grupos de extrema esquerda e hooligans de fútbol dos equipos galegos, «manipulados polos veteranos do movemento separatista, que teñen coidado de manterse fóra dos actos violentos», segundo as fontes", explicaba a axencia italiana, que engadía: "Os membros máis antigos da organización son antigos membros do Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive, un grupo separatista creado en 1986 para importar o modelo da URSS a Galicia, responsábel darredor de 90 ataques e derrotado en 1993. Actualmente existen ao redor de 30 membros rexistrados de Resistencia Galega", máis "segundo as fontes da loita antiterrorista, «hai 200 membros como máximo» en toda a organización", sinalaba ANSAmed.

A axencia de noticias tamén destacaba que "a diferenza de ETA, o movemento separatista galego é marxinal, xa que non ten unha base social que o substente".

O analista Ben West utilizou esta información para aconsellar ao departamento de Análises de Stratfor iniciar un seguimento a Resistencia Galega.  

Ataque á sede do PSdeG en Carral

O interese dos analistas de Stratfor nas accións do grupo separatista galego xurdiu tras o atentado contra a sede do PSdeG en Carral con cócteles molotov na madrugada do 18 de xaneiro de 2011.

A vicepresidenta de Marketing Internacional de Stratfor, Antonia Colibasanu, enviou ese mesmo día un correo cunha breve información de Expatica.com na que daba conta dese ataque.

Sete horas despois, West respondía co correo no que copiaba a información da axencia ANSAmed sobre a actividade de Resistencia Galega e no que suxería un seguimento ao grupo separatista ante a expansión das súas accións e o declive de ETA.  

Scotland Yard

Na enorme base de datos que creou WikiLeaks cos máis de cinco millóns de correos electrónicos de Stratfor atopamos tamén un documento de Scotland Yard sobre a situación do terrorismo no mundo. Neste documento tamén se dá conta da actividade de Resistencia Galega.

O documento foi creado o 21 de maio de 2007 polo oficial de Intelixencia Tim Anderson. Cinco días despois xa circulaba nas comunicacións privadas de Stratfor. En concreto, estaba en mans de Fred Burton, vicepresidente de Intelixencia da compañía, quen enviou o documento o 22 de maio a unha lista de contactos vip, entre os que se atopaban o director executivo e xefe de Intelixencia, George Friedman —fundador de Stratfor— e Don Kuykendall, presidente da xunta da compañía.

Titulado 'Terror Times' ('Tempos de terror'), o documento é un informe semanal do The Metropolitan Police Service Counter Terrorism Command, coñecido tamén como o SO15, creado para protexer a Londres e o Reino Unido da ameaza terrorista.

O informe semanal 'Terror Times' recolle informacións publicadas en distintos medios de comunicación sobre accións terroristas en todo o mundo e pretende ilustrar sobre os métodos e as estratexias empregadas polos terroristas para axudar aos axentes británicos a prepararse para as ameazas do terrorismo actuais e emerxentes, segundo explica o propio Tim Anderson ao comezo deste documento.

Neste caso, trátase do informe da semana do 14 ao 20 de maio de 2007, no que as informacións se dividen en varios apartados: Top stories; General, Internaconal & Internet; United Kingdom, Northern Ireland & Eire, Germany, Netherlands, France, Spain, Italy, Bulgaria, Montenegro, Albania, Greece, Russia, Turkey, Lebanon, Israel, Yemen, Saud Arabia, Kuwait, Iraq, Afghanistan, Pakistan, India, Bangladesh, Nepal, Burma/Myanmar, Thailand, Malaysia, Philippines, Australia, Morocco, Algeria, Ethiopia, Somalia, Nigeria, United States of America, Mexico, Colombia e Peru. 

Neste documento, Tim Anderson recollía unha información de thinkspain.com, do 16 de maio de 2006, titulada 'Radical separatists claim responsibility for industrial estate bomb' ('Separatistas radicais reivindican a responsabilidade da bomba nunha nave industrial'). A información facía referencia á desactivación por parte dos TEDAX dun artefacto explosivo no polígono industrial do Ceao, en Lugo. No mesmo texto se informaba tamén de que unha semana antes "o grupo radical Resistencia Galega se atribuíu a responsabilidade da colocación dun dispositivo moi similar nunha obra de construción en Pontevedra".

Como se pode observar en ambos os dous casos —nos correos de Stratfor e no informe de Scotland Yard—, a metodoloxía dos analistas é semellante: recompilar e distribuír internamente informacións publicadas en medios de comunicación que poidan ser de interese para os seus axentes.

Descarga os correos de Stratfor e o documento de Scotland Yard en GC Plus.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 7 comentarios

6 James Bond

O das películas de espías eche un timo, polo visto collen as informacións de noticias da prensa fabricadas nas comisarías e na Audiencia Nazional...

5 Chapuzas a domicilio

Los de Resistencia Galega son muy relevantes para ser noticia. Tengo miedo.

4 Xanti

Son catro monos aos que hai que vixiar e tentar non darlles publicidade, que é o que andan a procurar.

1 Hermerico

Já estás ti no assunto

3 Hermerico

200 membros!? Serei eu?

2 JMPB

Meu deus. Ok, GC, dérom-vos acesso aos mails da Stratfor. Ótimo. Mas nom tedes por que fazer matérias como churros, com umhas matérias primas que som PURO LIXO. Por exemplo, na notícia anterior havia um mail da Stratfor que dizia que a Galiza tinha 10,000,000 de habitantes. Agora o de RG que nem sequer a polícia espanhola se pom de acordo em se existe ou nom. Um pouco de visom crítica, por favor, que acabades dando umha informaçom tam má como a da própria Stratfor por vontade de andar com "exclusivas"