Biohackers súmanse á loita contra a pandemia do coronavirus

Diversas iniciativas de hackers interesados na bioloxía buscan o desenvolvemento de ferramentas e solucións para combater o COVID-19, desde a análise, modelado e simulación de datos baseados ​​en datos dispoñibles publicamente sobre o virus, ata o desenvolvemento dunha vacina de dominio público.

Por Alberto Quian | Madrid | 17/03/2020 | Actualizada ás 09:56

Comparte esta noticia

Os biohackers son unha rama da comunidade hacker enfocada no desenvolvemento de ferramentas e solucións biolóxicas froito do traballo colaborativo en rede, do coñecemento compartido e do acceso aberto a este, á marxe dos circuítos pechados e endogámicos da ciencia. Trátase dun movemento de ciencia cidadá, ou “bioloxía de garaxe”, baixo a mesma premisa do “faino ti mesmo” que empurrou a revolución informática nas décadas de 1970 e 1980, cando centos de hackers informáticos, principalmente en Estados Unidos e Europa, desenvolveron en garaxes boa parte dos enxeños tecnolóxicos dos que hoxe gozamos. Apple ou Microsoft –os dous grandes monstros da informática–, por exemplo, foron empresas que naceron dese xeito de entender o progreso, da cultura  hacker –coñecemento compartido, traballo colaborativo, acceso aberto e libre á información polo ben común–, á que pertenceron os fundadores destas empresas e outros xenios da informática, aínda que moitos logo renunciaron a ela.

Biohackers
Biohackers | Fonte: Reason.com.

Como nova xeración da comunidade hacker, os biohackers seguen os mandamentos desta filosofía. E ante a emerxencia pola pandemia do coronavirus, organizáronse para sumarse á batalla contra o COVID-19.

Fóra dos circuítos científicos e dos focos dos medios de masas, son moitos os que están a traballar en ferramentas ou solucións que contribúan a frear esta pandemia.

‘Hack for Wuhan’ foi o evento máis grande, reunindo en liña hackers de todo o mundo para desenvolver ideas e solucións baseadas na cultura comunitaria de código aberto

HACKATÓNS

Morgan Meyer é sociólogo e director de investigación en Mines ParisTech ( PSL), no Centro de Socioloxía da Innovación, asociado ao Centro Nacional para a Investigación Científica de Francia. Parte da súa investigación actual céntrase na bioloxía DIY ('Do it yourself'; ‘faino ti mesmo’, en galego), que se relaciona cos biohackers. E precisamente observou que estes se están organizando en hacktóns (maratóns hackers) para desenvolver ferramentas e solucións que poidan contribuír á loita contra o COVID-19.

Meyer identificou, por exemplo, o grupo BioCurious, un laboratorio comunitario creado en 2010 preto de San Francisco (Estados Unidos), onde monitorizaron a epidemia, organizando o pasado 1 de febreiro –cando a crise estaba a emerxer, o 'Wuhan Virus Co-Learning Hackathon' ('Hackatón para a coaprendizaxe do virus de Wuhan'). O obxectivo: comprender como funcionan os virus en xeral, analizando o xenoma do coronavirus e examinando como se propaga este.

“A filosofía deste hackatón, como das actividades dos biohackers en xeral, é a dunha democratización da ciencia. O obxectivo, noutras palabras, é facer que o coñecemento científico e técnico sexa máis accesible para os cidadáns”, explica Meyer.

Na súa revisión dos distintos hackatóns sobre o coronavirus, sinala un celebrado na Universidade Simon Fraser, preto de Vancouver (Canadá), os días 18 e 19 de febreiro. O seu título: 'EpiCoronaHack', organizado polo grupo de investigación MAGPIE desta universidade, que se dedica ao desenvolvemento de ferramentas matemáticas que conectan datos de secuencia coa ecoloxía e a evolución, cun enfoque en enfermidades infecciosas.

Na súa presentación, chamaban así á participación:

“Tes curiosidade polo novo coronavirus que apareceu nas noticias? Pensas como de preocupado deberías estar? Queres saber como estiman os investigadores o período de incubación, a transmisibilidade e outras características claves deste brote emerxente? Queres facer as túas propias estimacións, modelos e prognósticos e ver que atopas?”.

Como explica Meyer, “os participantes traballaron na análise, modelado e simulación de datos baseados ​​en datos dispoñibles publicamente sobre o virus. Pero a idea non era só entender e reproducir o que o mundo médico xa sabe. A idea era producir as súas propias análises”.

Pero o evento máis grande deste tipo, polo menos dos sinalados por este sociólogo, tivo lugar do 6 ao 8 de marzo. O seu título: ‘Hack for Wuhan’, un hackatón en liña que reuniu hackers de todo o mundo. A idea desta iniciativa naceu dentro de Wuhan2020, unha comunidade hacker de código aberto fundada en xaneiro de 2020 que reúne varios miles de voluntarios e que se presentaba así:

“O que estamos a facer agora é: establecer un servizo de datos sincronizados e en tempo real para hospitais, fábricas, adquisicións e outra información, e convocar a todos aqueles que queiran contribuír á campaña antivirus, para que todos os que teñan habilidades relevantes poidan participar no desenvolvemento de temas relacionados e completalo de maneira autoorganizada e colaborativa coa cultura comunitaria de código aberto”.

Este evento contou, entre outros, co apoio dun dos monstros da informática, a empresa IBM.

“O obxectivo de 'Hack for Wuhan' é crear unha gama completa de novos deseños, prototipos, modelos de innovación social e empresarial, etc.”, describe  Meyer.

ESTRATEXIAS INNOVADORAS

Aínda que este sociólogo cre que “os hackatóns son estratexias innovadoras que poden dar lugar a ideas e colaboracións moi diversas e creativas”, considera que “sofren un problema crónico: como o demostrou a investigación en ciencias sociais, moitas aplicacións e proxectos non sobreviven máis aló da duración dos hackatóns, debido á falta de recursos ou de motivación, ou ambas as dúas”.

Con todo, resalta a “natureza optimista” dos biohackers. “Nos últimos dez anos, abordaron problemas ambientais e de saúde en varias ocasións. Desenvolveron contadores Geiger alternativos [instrumento que permite medir a radioactividade dun obxecto ou lugar], sondas de ultrasón de código aberto, dispositivos portátiles para detectar a malaria (proxecto Amplino), un protocolo aberto de produción de insulina (proxecto Open Insulin), biosensores para detectar a presenza de substancias tóxicas, colaboracións con empresas sobre datos sobre o cancro (proxecto Epidemium) e autoinxectores de epinefrina" (a inxección de  epinefrina úsase xunto co tratamento médico de emerxencia para tratar reaccións alérxicas que poñan en perigo a vida causadas por mordidas ou picaduras de insectos, alimentos, medicamentos, látex e outras causas).

"O obxectivo dos biohackers é democratizar o coronavirus á súa maneira, imaxinando e compartindo ferramentas, software, datos e modelos"

Todos estes proxectos mostran, para Meyer, que “os biohackers enfrontan problemas contemporáneos que afectan a saúde das persoas e o medio ambiente, e gústalles facelo dunha maneira pouco convencional”.

“Certamente, non desenvolverán unha vacina contra o coronavirus proximamente; isto requiriría recursos técnicos e financeiros que non posúen. Pero o seu obxectivo é democratizar o coronavirus á súa maneira, imaxinando e compartindo ferramentas, software, datos e modelos. As discusións actuais, por exemplo, viran ao redor da posibilidade e os perigos de desenvolver probas caseiras para diagnosticar o virus e a autoprodución de máscaras protectoras. A proliferación de ideas de biohackers afrontará agora a complexidade biolóxica e a realidade xeopolítica do coronavirus”, conclúe este investigador do Centro de Socioloxía da Innovación francés.

UNHA VACINA  BIOHACKER?

Fóra dos proxectos e eventos expostos por Meyer, outros grupos organizaron outras iniciativas para contribuír á loita contra o COVID-19, aínda que sen a transparencia dos anteriores. Por exemplo, un colectivo coñecido como CoroHope puxo en marcha unha campaña de crowdsourcing mediante doazóns de bitcoins (moeda virtual) para financiar unha suposta vacina de dominio público contra o coronavirus, informou o medio especializado Coindesk.

Este grupo, que di necesitar recadar entre 10.000 e 25.000 dólares para o seu proxecto de vacina, afirma que ten un biólogo no seu equipo cunha década de experiencia na fabricación de vacinas para a FDA (Food and Drug Administration; Administración de Medicamentos e Alimentos), axencia federal que depende do Departamento de Saúde do Goberno de Estados Unidos. Mesmo fixo público un documento no que expón o seu proxecto. Con todo, existen moitos receos sobre este proxecto, xa que non se revelou o nome do suposto biólogo nin de ningún membro –trátase dunha iniciativa anónima– e pretende saltarse os controis da ciencia que garanten a calidade, fiabilidade e seguridade da suposta vacina.

O grupo CoroHope di estar tentando crear unha vacina usando ADN sintético deseñado nun laboratorio, o cal, afirma, podería aforrar diñeiro e tempo

Segundo destacados membros da comunidade de bitcoiners, como Mark Friedenbach, cofundador da empresa Blockstream, “non se trata dunha estafa”, aínda que o proxecto carece da transparencia necesaria para ofrecer garantías a posibles investidores ou colaboradores.

Desde Reason –revista libertaria creada en 1968 que conta cun importante prestixio en Estados Unidos (foi considerada polo Chicago Tribune unha das mellores revistas do país)– aseguran que o seu xornalista Zach Weissmueller entrevistou a persoa que, segundo  CoroHope, desenvolvería a vacina, presentando incluso un vídeo no que se oculta a súa identidade por “temor a represalias da FDA”, afirman.

Este medio asegura que "verificou a súa identidade, así como a do seu socio comercial e a dun investidor de Silicon Valley que confirmou o seu interese no proxecto”.

Describen o entrevistado como un biólogo que “traballou no sector da biotecnoloxía comercial e que estivo involucrado durante moito tempo na comunidade biohacker”.

O que pretenden, segundo os impulsores do proxecto, é tentar crear unha vacina utilizando ADN sintético deseñado nun laboratorio, o cal, afirman, podería aforrar diñeiro e tempo, aínda que podería requirir un dispositivo especial para administrar un pulso eléctrico para axudar á vacina a penetrar nas membranas celulares.

Para o desenvolvemento da suposta vacina queren establecer unha rede “laboratorios comunitarios" de biohackers. De todos os xeitos, o biólogo anónimo calcula as probabilidades de éxito do grupo en “menos do 50 por cento”, aínda que cre que é mellor tentalo que non facer nada fronte a unha pandemia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Está ben que haxa moita colaboración á hora de loitar contra o virus... China está facilitando información e como vimos tamén aporta medios físicos para a loita contra a epidemia... https://twitter.com/ChinaEmbEsp/sta... Os políticos locais están centrados en encher de policía as rúas do país...! Esta é a diferencia entre os que saben que temos un problema e os que se encargan de crear problemas cada vez que abren a boca ! Políticos Bocazas !!!