O sector pesqueiro comeza a colapsar pola falta de actividade e de venda de produtos

A pesca galega afronta unha situación "inviable", co marisqueo xa case que parado.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/03/2020 | Actualizada ás 10:28

Comparte esta noticia

O sector da pesca galega afronta unha situación "inviable" ante a crise polo coronavirus cunha caída acusada de prezos, á vez que o marisqueo está "parado" porque "ninguén o compra xa". Mentres, o sector primario no rural traballa a pleno rendemento, pero atópase con diferentes trabas para producir.

En conversación con Europa Press, o presidente das confrarías galegas e patrón maior de Ribeira (A Coruña), José Antonio Pérez Sieira, avisa da situación "complicada". "O sector moito máis non vai resistir", sentenza.

A modo de exemplo, lamenta que "baixaron moitísimo os prezos" no "peixe que máis se come nas casas" como o xurelo, congro, maragotas ou pintos, entre outros. Apunta que se esperaba unha caída "importante" en especies máis vinculadas á restauración como sargo, linguado ou rodaballo, pero "non se contaba" a baixada das que teñen un consumo máis habitual.

En canto ao marisqueo, a situación é aínda peor, pois especies como o percebe, ameixas ou ourizo están "paradas" en rías enteiras como a de Arousa "ao non haber" nin restaurantes nin vodas nin eventos, resalta o presidente da Federación Galega de Confrarías. "O marisqueo xa nada, é inviable; pero na pesca se non gañas para gastos é mellor amarrar o barco e quedar en terra", reflexiona. Con todo, subliña que se está mantendo o abastecemento de supermercados.

A Asociación Mulleres do Mar de Arousa e a confraría de Vilanova de Arousa informan de que as 1.300 mariscadoras a pé da ría, a metade de Galicia, "están a optar por quedar en casa", a pesar de ter permiso para manter a súa actividade, debido ao descenso "considerable" da demanda.

O Grupo de Acción Local de Pesca (GALP) Ría de Arousa destaca que, en cambio, hai unha "importante" actividade en conserveiras pola elevada demanda deste tipo de produto para as corentenas, aínda que existen "contrastes". Algunhas empresas fan quendas dobres, mentres a presidenta da Asociación de Produtores Mexilloeiros de Rianxo (Aspromeri), Dolores Gómez, sostén que os pedidos baixaron pola pandemia e porque esta é unha época de desova.

"DIFÍCIL" SEGUIR PROTOCOLOS EN BARCOS

Ademais, Pérez Sieira resalta que nos barcos "é moito máis difícil" garantir os protocolos de hixiene contra a epidemia, con "dúas ou tres homes" en barcos de cinco metros de eslora. "Non estamos seguros, a xente ten moito medo", relata.

Precisamente, o Goberno galego pediu ao Executivo central que habilite axudas directas e indirectas para o complexo mar-industria co obxectivo de superar as dificultades derivadas da alerta sanitaria actual e a modificación do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) para optimizar o uso dos seus recursos.

Barco galego, mar, pesca, cotas. XUNTA - Arquivo
Barco galego, mar, pesca, cotas. XUNTA - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta