Dende o confinamento

Rachar coa rutina diaria sempre foi algo interesante, mais facelo por estarmos sometidos a unha confinación ou peche dentro nas nosas vivendas, esnaquiza todas as previsións que tiñamos para esta primavera e tamén para o verán. Con todo, sendo consciente de que estas normas son precisas, non queda outra que aceptalas. Por iso, a situación que vivimos obríganos a unha reflexión sobor da nosa forma de vida e da fraxilidade que temos como seres humanos nesta sociedade.

Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 28/03/2020

Comparte esta noticia

Erguerse á mañá abrir a fiestra e non ver ningún movemento no teu entorno, nin escoitar o saúdo dos veciños que pasan pola rúa  ós distintos quefaceres; nin escoitar a campá que chama  ós actos relixiosos é indicativo de que algo  malo esta a acontecer no mundo.  Logo comezar a xornada  engulindo as novas da  radio a xeito de parte diario,  pra logo escoitar  o número de infectados e mortos pola pandemia, aviva a sensación de estarmos nun lugar  onde non hai vida e, onde pasa o tempo con certo temor.

Un home con máscara na crise sanitaria do coronavirus. María José López - Europa Press
Un home con máscara na crise sanitaria do coronavirus. María José López - Europa Press

Mais desta situación inimaxinabel días atrás; diante iste imprevisto que nos tocou vivir, deberiamos aceptar  que, neste  mundo globalizado todos dependemos de todos;  e que a nosa sociedade é moi fraxil. Pois, calquer tema sanitario que chegue a ter a calificación de pandemia, pode ferir duramente a  forma de vida, a economía do país e tamén a nosa existencia.
Mais como de toda calamidade  hai que quitar algunha cousa positiva, poñámonos a cavilar  e reflexionemos. O primeiro que podemos ter en conta nesta  sociedade; sociedade  na que sempre  prima o individualismo, é a necesidade de ser solidarios e actuar como un conxunto de cidadáns que pecisan uns de outros. Pois, as condutas individualistas e insolidarias  nun caso como o de agora, non axudan. Hoxe, a ciencia e todos os que traballan nela, loitan pra que podamos  sobrevivir  a esta pandemia. Outros traballan pra que teñamos  os bens precisos pra ir tirando pechados na casa.

Hoxe temos que valorar e moito ó persoal sanitario, e nesa valoración temos que incluír a esas profesións chamadas menores pero que son tan precisas como a do panadeiro, a persoa que despacha no super, o condutor de bus, o farmaceutico,  e  poderiamos seguir citando moitas máis.

O segundo é matinar  sobor do modelo de vida que levamos. Vivimos o presente sen decatarnos que, calquer acontecemento deste tipo, condiciona a nosa existencia. Pois pensamos que istes asuntos somente acontecen en  países pouco desenvoltos. Máis, agora que temos o mal dentro, decatámonos que non é así, pois temos moitas máis  debilidades e carencias da que parecía.
O terceiro tema  é o asunto da economía e  a conservación do medio. Hoxe dependemos uns dos outros e uns países tamén dos utros, tanto na economía como na conservación do medio natural.      Por iso  ó parar a roda de dar voltas  a vida desfaise como se fose un castelo de naipes. En fin, a incerteza invade as nosas vidas e supoño que,  desta crise global,  deberíamos quitar conclusións moi impotantes. Deberíamos aprender que non somos tan fortes como nos pensabamos. Por iso, temos que valorar e defender os servizos públicos que mantemos todos cos nosos impostos.  Tamén  debemos saber que, a vida de eiquí en adiante, será diferente. Pois as crises xa non viran polos métodos tradicionais. Incluso os conflitos bélicos xa non se farán da maneira tradicional coas armas coñecidas. No mundo, a partires desta data,  ábrese un novo tempo: o das pandemias. E estas ate poden ser provocadas por interese inconfesabeis.
Hoxe no mundo atopámonos diante un fenómeno que ninguén esperaba. Aprendamos dos erros e reflexionemos sobor o modelo de vida que temos, claro,  pra correxir aquelo que se poda, e estar máis seguros diante situacións futuras como a presente. Hoxe, vivimos unha grande anormalidade.

Estamos confinados e un tanto temerosos. Esperemos que escampe axiña  e que  esta situación sexa nada máis ca  un mal recordo.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Manuel Herminio Iglesias Natural de Seixalbo, concello de Ourense 1949. Diplomado en Maxisterio (Ciencia Humanas) e Música. Comprometido coa labor social, cultural e política, fundou diversas asociacións. Foi, dende xuño do 2009 ate xuño de 2011 concelleiro de Infraestruturas, Mobilidade e Perímetro Rural no concello de Ourense. Preside dende o ano 1997 a Asociación Cultural Agromadas. www seixalbo.com