O PPdeG reivindica a "anticipación" e "transparencia" da Xunta na xestión da crise

O presidente da Xunta anuncia que se aprazan as autoliquidacións dos impostos de transmisións patrimoniais, sucesións e xogo e que impulsará un plan específico para dotar de liquidez a tesouraría de Galicia. En Marea cre que fai "falta máis feminismo" e "máis autogoberno" para superar a crise. O BNG volve esixir "blindar" Galicia e parar toda a actividade económica non esencial e G. Caballero pide que a "acción pública" sirva de "escudo de protección" a todos os galegos vulnerables.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/03/2020 | Actualizada ás 13:33

Comparte esta noticia

O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, destacou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, é o "terceiro" mandatario autonómico en comparecer a pesar de que a Cámara está disolta e destacou que Galicia se "anticipou" en tomar medidas, a pesar de que o primeiro caso coñecido de positivo por coronavirus foi un dos máis tardíos en toda España. Foi "das primeiras en tomar medidas", reivindicou.

Na súa intervención, o político popular mostrou a súa "solidariedade" coas familias dos falecidos, enfermos e con todos os traballadores, á vez que fixo un chamamento a "valorizar a política" e a unión das forzas públicas e privadas "polo ben común e o ben de todos".

Puy dixo que é tempo para a "unión" e destacou as medidas adoptadas pola Xunta, como o teléfono de atención á cidadanía, o reforzo de persoal e material con 2 millóns de euros antes de coñecerse o primeiro contaxio. Tamén destacou que Galicia decretou o estado de emerxencia sanitaria un día antes de que o Boletín Oficial do Estado (BOE) recollese a declaración do estado de alarma para o conxunto do Estado.

O parlamentario popular tamén destacou as medidas en contratación de persoal e no ámbito social e lembrou que cando xa se falaba de suspender as eleccións, outros "o día 13 non vían necesidade" de adiamento dos comicios e que aludiron a que houbo eleccións en situacións como o 11M, en referencia velada ao líder socialista, Gonzalo Caballero. Pedro Puy tamén apelou á "transparencia" do Goberno galego, que xa se reuniu tres veces cos grupos parlamentarios, de forma virtual, desde a declaración da emerxencia sanitaria.

Hemiciclo do Parlamento de Galicia na votación de María Dolores Fernández Galiño como nova valedora do Pobo. PARLAMENTO - Arquivo
Hemiciclo do Parlamento de Galicia na votación de María Dolores Fernández Galiño como nova valedora do Pobo. PARLAMENTO - Arquivo

FEIJÓO

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou este xoves a "anticipación" coa que actuou Galicia fronte á crise do coronavirus, á vez que instou os partidos a "estar á altura" dos galegos e fixo un chamamento "á unidade", sobre todo --dixo-- porque "o peor está por chegar".

"O peor está por chegar", precisou Feijóo, no plano da asistencia sanitaria --lembrou a estimación de 4.000 camas que fixo o Sergas coa vista no pico--. Pero tamén recoñeceu que o confinamento "deu os seus froitos". "Un contaxio menos hoxe son tres contaxios menos mañá", aseverou o presidente galego. E incidiu en que, a diferenza dos contaxiados e falecidos, os contaxios evitados e as vidas salvadas non se poden cuantificar. "Pero tamén forman parte da verdade", igual que os profesionais sanitarios e os traballadores de servizos esenciais "que cumpren co seu labor" día a día.

Dito isto, e tras repasar as distintas medidas adoptadas e as novas que se tomarán, Feijóo reafirmouse en que "veñen semanas moi duras". Aludiu á presión asistencial "tanto en urxencias, como nas plantas de hospitalización como nos coidados intensivos". Iso si, lanzou unha mensaxe de esperanza: "Galicia recuperarase, como toda España". 

No plano económico, garantiu que a Administración tamén cumprirá cos galegos, e anunciou que "se dotará de liquidez" a 32.000 persoas e empresas, tendo en conta que se suspenderán os prazos de presentación de tres impostos: Transmisións Patrimoniais, Sucesións e tributos do xogo.

Tamén se activará "un plan específico para dotar de liquidez" a tesouraría de Galicia. O obxectivo deste plan será compensar o descenso da recadación debido á suspensión dos prazos para tributos autonómicos e tamén "axilizar os pagos de facturas" a todos os provedores da Xunta, "aliviando os efectos negativos" que provoca a crise do coronavirus. Non en balde, Feijóo subliñou que a Xunta é "a principal entidade pagadora de Galicia", con case 200.000 facturas abonadas no que vai de ano, que acumulan un importe que ascende a 941 millóns de euros.

Aínda que non avanzou máis datos, Feijóo prometeu que o seu Executivo seguirá incidindo nas medidas económicas xa anunciadas a semana pasada e tamén nun colectivo que lle "preocupa especialmente" e que "debe ser clave para a recuperación": os autónomos. Na súa intervención, o presidente galego repasou as medidas xa anunciadas en clave económica, como os "préstamos ponte" por uns 250 millóns de euros activados para autónomos e pemes na última reunión do seu Executivo, o venres da semana pasada.

GONZALO CABALLERO

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballaro, pediu que a "acción pública" sirva de "escudo de protección" a todos os galegos vulnerables. "Non van ser as grandes empresas, os grandes poderes, non van ser os grandes relatos os que van dar unha saída. A saída desta situación está a dala o persoal sanitario e os traballadores do común", subliñou.

Gonzalo Caballero, que iniciou a súa intervención lembrando aos afectados e ás vítimas e pondo en valor o labor de todas as persoas que traballan para facer fronte á crise, subliñou que unha das leccións que haberá que aprender desta situación é a "importancia de fortalecer o Estado do Benestar".

Así mesmo, despois de que Feijóo reivindicase a anticipación de Galicia ao decretar a declaración de emerxencia sanitaria, asegurou ter que "lamentar" que dicir que isto "non foi así". "Gustaríame poder dicirlle ao presidente que Galicia que ten razón cando di que Galicia se anticipou e que o fai mellor, pero así non foi, porque nin vostede nin ningún dos portavoces parlamentarios desta Cámara nin ningún dos portavoces do Congreso dos Deputados tivemos a capacidade de dúas semanas antes predicir o que estaba a ocorrer", sostivo.

Por último, volveu a trasladar a "lealdade" do PSdeG á Xunta para combater esta situación e propuxo ao máximo mandatario autonómico un "plan de acción histórico" con medidas no ámbito sanitario, en política social e na economía para facer fronte á crise derivada da pandemia.

GRUPO COMÚN DA ESQUERDA

O portavoz do Grupo Común da Esquerda, Antón Sánchez, reclamou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, elaborar uns novos orzamentos autonómicos tras a crise sanitaria derivada do covid-19 e esixiu ao mandatario autonómico que explique as doazóns de material sanitario a Madrid nun momento no que o propio Goberno autonómico está a reclamar ao Executivo central que o envíe a Galicia e que os sanitarios tamén acusan a súa falta.

Na súa intervención ante a Deputación Permanente da Cámara galega, Antón Sánchez, que mostrou o seu "orgullo e admiración" cara ás traballadoras sanitarias e servizos sociais e esenciais, apelou ao mandatario autonómico a comparecer na Cámara autonómica con maior frecuencia, como tamén esixe o seu xefe de filas, Pablo Casado, ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez.

O deputado dos 'comúns' recoñeceu as dificultades para conseguir materiais sanitarios cando hai "moita demanda e a oferta é limitada", pero preguntouse como aos dous días de decretarse o estado de alarma Feijóo xa reclamaba material, despois anunciou que había un stock de 500.000 máscaras "mentres sanitarios se queixaban de que non chegaban" e a "última noticia" é que se "vai doar material a Madrid". Así, apelou a que aclare esta situación.

"Temos que loitar contra a pandemia deste virus e os recortes dos últimos anos en sanidade. Como non imos estar de acordo se os propios profesionais o están reclamando?", manifestou, noutro punto da súa intervención, respecto da contratación de persoal. Feijóo anunciou que se van contratar máis de 350 profesionais que aínda están en formación.

BNG

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, trasladoulle ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a necesidade de gobernos capaces de "anticiparse" aos problemas como o derivado da pandemia do coronavirus e propuxo a posta en marcha dunha mesa económica e social na que os axentes sociais e os partidos políticos "encaren o futuro". "A cidadanía espera que en situacións como esta os gobernos respondan, non só reaccionando senón con previsión e anticipación", manifestou a líder do BNG na súa comparecencia na deputación permanente do Parlamento de Galicia.

Nunha intervención na que asegurou que "non é o momento de analizar a xestión da crise" por parte da Xunta e de pedir "responsabilidades polos erros" que, segundo indicou, "hóuboos", Pontón apostou por "sumar esforzos" e volveu a trasladar a vontade do BNG de colaborar coa Xunta para saír desta crise.

Así mesmo, fixo fincapé na necesidade de tomar medidas como o peche dos focos de contaxio, "blindar" Galicia e parar toda a actividade económica non esencial. Ademais, avanzou que, unha vez superada a crise, o BNG pedirá que se reactive a comisión de investigación sobre a situación da sanidade pública galega.

Por último, propuxo a posta en marcha dunha mesa económica e social na que o goberno, os partidos, os sindicatos e a patronal poidan "encarar" xuntos "o futuro".

EN MAREA

O deputado de En Marea Davide Rodríguez asegurou que, para superar esta crise sanitaria, é necesario "máis autogoberno" e "máis feminismo" e lembrou que a maioría de profesións que están a actuar como servizos esenciais neste momento están ocupadas por mulleres, e son "o puntual" neste momento. Ademais, lamentou a "covardía" de non "pechar" Galicia.

Na súa intervención ante a Deputación Permanente do Parlamento, tamén apelou ao lema "sen coidados, non hai vida", do 8M, e referiuse ás máis de 122.000 persoas que viven soas no rural, a maioría mulleres, o cal se converte "nun factor que fai máis duro o día a día das persoas maiores".

Davide Rodríguez reivindicou que o 70 por cento das traballadoras do sistema sanitario son mulleres, "aínda que se segue falando de médicos"; o 89 por cento das persoas que atenden en caixas de supermercado; e o 97 por cento das empregadas do fogar tamén o son. "É necesario recoñecer o feminismo, ás veces estigmatizado, fai falta máis feminismo como resistencia a este virus", aseverou.

Davide Rodríguez tamén advertiu ao presidente da Xunta de que o Goberno galego "non pode escudarse na mala xestión de Madrid" e, aínda que reproduciu as palabras de que "non é o momento de atacarse", engadiu que Feijóo "non pode escudarse unha e outra vez en Pedro Sánchez". "Necesitamos máis autogoberno e responsabilidade", incidiu o deputado de En Marea, que referiu que "o desmantelamento" de servizos nos últimos anos "non é un problema de Madrid, senón de Galicia".

Tamén lamentou a "covardía política do PP" para "non pechar Galicia" e preguntouse "onde están as medidas da Xunta para blindar o estado de benestar". Para o parlamentario, esta crise "destapou o mellor", a "capacidade de reacción do conxunto de profesionais", e o "peor", que as "costuras mal rematadas se descoseron, especialmente en saúde pública".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 hai que ser un enorme .......

Anticipaaaaaa queeeeeeeeeeeeeeeeeeeeee.................... pero serán h de la gran p... m q los ...........................

1 Gamela

Sabedes se as RR.SS. tamén están infectadas polo virus ? https://twitter.com/00Gamela/status...