O primeiro é que para divertirse non vale todo. Sempre hai límites que non se poden sobrepasar. Pois, ao buscar soamente a diversión pola diversión xogando cos experimentos para probar novas sensacións sen saber cara onde te levan, poden aparecer consecuencias imprevisibles que afecten a terceiros que, sen ser partícipes ou por ser meros expectadores, sufran as consecuencias dos excesos doutros que naquel intre transgreden todo ou andan flotando incosnscientes sen saber o que fan.
O segundo, está referido a creación de ídolos e iconos que son hoxe modelo dunha xuventude preparada nas cuestións técnicas, pero un tanto pobre na valoración das capacidades artísticas e que camiña un tanto despistada ou carente de normas éticas e incluso morais. E que, endiosando a calidade dos seus ídolos, coa crenza de que estes os levan a paraísos momentáneos onde todo é diferente e sumamente fermoso, actúan como masas manipuladas que danzan ao son do decibelio festivo ate que soltan toda a adrenalina acumulada nunha sociedade na que lle faltan obxectivos, ideais e metas polas que traballar.
A xuventude é basicamente o froito da vida familiar, da educación e en consecuencia dos problemas que ten a sociedade na que vive. Pero á vista de quen foi mozo anos atrás, as formas, os medios e as modas vixentes sobre a maneira de pasar o tempo asistindo á macrofestas e botellóns poñen de manifesto que a manipulación das masas, nunha sociedade como a nosa, é algo real que se pode comprobar.
A época da mocidade é consustancial co nacemento da rebeldía contra toda norma; é o tempo de querer ser autónomo sin ser manipulado. Pero tamén é a época na que, inconscientemente, se é máis manipulable.
Non oculto que eu son da xeneración dos güateques e das festas dos arredores de Ourense que tiñan a súa máxima expresión de asistencia nas verbenas do Xardín do Posío. E que tamén daquela todos queríamos estar presentes nos concertos das estrelas do momento. Pero aquelas macrofestas sin botellón, si así se podían chamar, eran nun recinto aberto no que sobraban portas e no que non se enlouquecía berrando e bailando como malditos. As imaxes mostradas nos medios de comunicación sobre a maneira de divertirse actuais son unha boa mostra.
Por iso, o caso acontecido no recinto madrileño pon aos descuberto que a valoración do risco por parte de todos e sobre todo das administracións públicas, a diversión sen límites e o afán desmesurado de empresarios que soamente buscan beneficios económicos, son elementos que aliándose crean a traxedia e traen a morte.
Sei que é sumamente difícil facerlle comprender a un adolescente ou a moitos mozos que en todos estes asuntos hai que aplicar o sentidiño. Pois, non é a primeira vez que as consecuencias tráxicas páganas os que xa non lles interesaba o espectáculo e saían. Pero así son as cousas da vida.
Non pretendo censurar a maneira de divertirse, pero non podo compartila. O triste é que todos temos algo de culpa neste asunto.