A oposición pídelle a Feijóo o mesmo que el lle pide a Sánchez; que acorde as decisións da Xunta

O PSdeG ínstao a "comparecer no Parlamento" cada 15 días e a "clarificar" a situación das residencias e o BNG pídelle que faga "partícipe" á oposición das decisións para o "control do virus". C's pide máis información polos test rápidos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/04/2020 | Actualizada ás 22:24

Comparte esta noticia

Os líderes de PSdeG e BNG pedíronlle este domingo a Feijóo que acorde con eles as decisións que adopte a Xunta en relación ao coronavirus. É a mesma petición que o presidente galego lle trasladou ao xefe do Executivo español, Pedro Sánchez e que o líder de Galicia en Común lle fixo a el este sábado.

O líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, nunha reunión telemática co resto de partidos galegos. PSDEG
O líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, nunha reunión telemática co resto de partidos galegos. PSDEG

Así, o líder do Partido Socialista de Galicia, Gonzalo Caballero, instou ao presidente da Xunta a "comparecer de forma regular no Parlamento" cada 15 días e a "clarificar" a situación das residencias de maiores. Ademais, situou como unha "prioridade fundamental" que o presidente galego "clarifique" a situación "crítica" que se está vivindo nas residencias de maiores, onde "hai centos de persoas" afectadas por coronavirus, o que constitúe a "máxima preocupación" da Comunidade.

Ao seu xuízo, o titular da Administración autonómica debe aclarar a "nebulosa informativa" que formou e, "cal é o inventario de material dispoñible" de protección e "como se foi gastando". Neste sentido, Caballero cre que o asunto das residencias "non está a ocupar o lugar fundamental que debería" na axenda da Xunta e que é necesario "extremar medidas e mandar EPIs" a estes centros.

BNG

Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, trasladoulle ao presidente da Xunta a "necesidade" de que o Goberno galego faga "partícipe" aos partidos da oposición das "decisións" que se tomen nesta crise sanitaria, sobre todo para o "control do virus" e de "ámbito económico".

Despois da reunión que o titular da Administración autonómica mantivo cos líderes da oposición galega, Pontón reclamou que estes encontros "teñan maior calado" e sirvan para "algo máis que informar do que se trata" no encontro semanal entre os presidentes autonómicos e o presidente do Goberno, Pedro Sánchez. Así, cre que "o Goberno galego debe corresponder" ao "exercicio de lealdade" que está a demostrar a oposición e por iso pediulle articular un "mecanismo que permita anticipar e participar" nas decisións que tome a Xunta para "controlar o virus" e de "ámbito económico".

CIUDADANOS

Tamén a portavoz de Ciudadanos Galicia, Beatriz Pino, mostrouse "preocupada" por que tipo de test de detección do coronavirus enviará o Goberno central á Xunta. "Os que necesitamos son os rápidos", asegurou a responsable da formación liberal.

Tras manter este domingo unha reunión por videoconferencia co presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, e outros partidos políticos, Beatriz Pino uniuse á esixencia das probas rápidas "que realmente axuden á detección de casos", e "non as de confirmación".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta