Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 08/04/2020
Mais, pra rachar con iste senvivir cheo de desacougo, vou na procura dos medios informativos, sabedor de que nada novo e positivo escoitarei. E así, refuxiado no lar, pra matar o tempo, comeza a sonar unha cantiga do desaparecido Aute: Aleluia. Nela a letra entre outras cousas di: Iste mundo que non sabe onde vai.
E neste momento de crise esa frase toma corpo, pois ten unha carga de razón importante que a xustifica. Certo é que un futuro incerto comenza a pulular polo maxin de todos os vivos.
Hai uns días, todos tíñamos máis ou menos uns plans feitos pra desenvolver nos vindeiros meses. Uns, xa tiñan programados actos importantes, oposicións, viaxes, visitas e asuntos familiares que marcan datas na vida individual e colectiva. Estaban previstas unhas eleccións e mirabamos ó futuro dentro dun certo orden e previsión. Sabiamos cando ian ser as festas dos lugares que nos interesaban; os actos deportivos e mesmo as vacacións estivais. Tiñamos programados eventos, ceremonias e encontros. Mais axiña decatámosnos que todo esnaquizouse e caeu ó chan como se fose un castelo de naipes. Un maléfico virus colleunos pouco menos que en pelotas. E agora estamos un tanto indefensos sen saber que vai acontecer para programar, a grandes liñas, o noso futuro inmediato. Pois, aínda que se levante o confinamento, a desconfianza en ser infectado seguirá por moito tempo ameazando a nosa saúde e polo tanto a nosa existencia vital.
Ben sei que non é a hora da crítica, sobor de todo da destructiva; da tóxica que o enmerda todo, non aporta nada e lévanos a autodestucción como sociedade e pais. Esa critica que practican moitos dicindo que todo é unha merda, pra que logo cheguen a mandar Jácomes ou elementos semellantes.
Pois ben, tratando de ser positivo, diante unha situación que ninguén esperaba, reclúome nesas cantigas dos chandos cantautores. Xente que como o desaparecido Aute deixaron pegada poética e musical nun tempo de cambio político. Letras con sentido fondo e literario. E músicas sinxelas, xeralmente acompañadas cunha guitarra, son o legado que il e outros autores deixaron e hoxe pululan polo vento.Cantigas con alma e mensaxe. Todas tiñan o obxectivo de darlle certo contido as nosas vidas que hoxe están enlamadas de consumismo acrítico. Meditar, reflexionar sobor do bo, do positivo e do que non o é; do que debemos facer ou non; do vivir en sociedade, mantendo uns vincallos de solidariedade, sempre resulta de agradecer, e sobor de todo nunha semana noutrora de reflexión. O demais ven a ser aborregarse e ser masa manipulable; masa manexada segundo o antoxo dos que moven os fíos da humanidade e están agochados baixo o nome mal entendido progreso e a chamada modernidade.
O virus de marras trouxo un silencio que abafa e deixou a nosa sociedade co cu ó aire. E, ademais do dito, mostrounos as feblezas que temos, que son moitas. Con todo, non nos rindamos e desta crise mundial saquemos algo positivo pra endereitar o rumbo da humanidade, rematar co confinamento e encetar un tempo novo.