Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 29/11/2012
Os gobernos deben ser exemplo e garantes da legalidade que emana das leis e dos tribunais
de xustiza. Pero, a realidade, non é así. E como é moi visible, deseguida pon ao descuberto
que, nesta terra, a arrogancia e a mentira son as escusas para afirmar que, non se modificará
nada do mencionado decreto. Ou sexa: non se vai a corrixir ren. Que ven a ser o mesmo que
dicir: nós imos seguir facendo o que nos da a gaña, pois as eleccións revalidáronnos no poder
e a nosa folla de ruta quedou aprobada polas urnas. Claro, neste caso, fálase de promesas
que se queren cumprir, aínda que hai moitas máis e moi importantes que se incumpriron e
incumpren día a día.
A verdade é que neste noroeste peninsular, dende que goberna Feijoo, a legalidade é
conculcada de maneira continuada e segundo a comenencia do momento, polos que din
traballar polos intereses xerais desta terra; polos que din defender a nosa cultura símbolo de
identidade a cal ten o seu legado máis importante no idioma. Idioma que está esmorecendo
coa aquiescencia destes fariseos que din defender a lingua e logo fan todo o contrario e
pretenden que morra nas lareiras ao igual que morren as nosas aldeas e pobos.
Supoño que moitos lectores lembrarán o que aconteceu co concurso eólico, que puxo en
marcha o bipartito e que os conservadores chimparon abaixo co pretexto de que non era legal.
Logo o tribunal superior de Galicia, a instancias das empresas que gañaron o concurso, fallou
que se axustaba a dereito e que era completamente legal. Agora, o goberno dos recortes
sociais contra os máis débiles, terá que asumir os gastos derivados das compensacións ás
empresas privadas da concesión que gañaran, e todo por darlle acubillo a intereses escuros
descoñecidos para a grande maioría dos galegos. Pero isto que ven sendo habitual nun
goberno que conculca a legalidade, volve acontecer de novo co decreto do galego. E o señor
Feijoo e o conselleiro do ramo esquecen que intencionadamente en Galicia, co galego
non había ningún problema. Había un consenso de todas as forzas políticas. O problema
único foron vostedes que animaron a pequenos sectores ultras para que fixeran ruído e así
xustificar a fobia que parte de vostedes teñen contra un legado herdado dos nosos maiores.
En fin, si a lei está para ser cumprida, entendo que o goberno da Xunta terá que modificar
un decreto que lle da unhas atribucións aos pais onde non as teñen. Terá que cambiar a
un conselleiro que minte ao valorar a sentenza e que é un perigo para a normalización do
noso idioma. E buscar de novo o consenso pois, o idioma, non é patrimonio exclusivo dos
populares. É un patrimonio da sociedade. E debera estar por riba dos intereses partidarios e
das contendas electorais do momento.