Feijóo: suma e sigue

Feijoo sucedeuse a si mesmo nun acto gris no que, a comparanza de Fraga, diante a vicepresidenta Soraya, soamente soou unha gaita chorona e lastimeira. Pasou o proceso electoral e chegaron de novo os ritos da investidura e posteriormente a toma de posesión, onde Feijoo, volveu a dicir que, diante outras comunidades estamos ben e que avoga pola unidade de España. Claro, falou así, como se en Galicia a unidade das Españas estivera en entredito, cousa que non é máis ca unha falacia, ou tal vez unha mensaxe indirecta na que pretenda postularse como o sucesor de Mariano Rajoy cando chegue a portunidade, cuestión que aconteceu con moitos políticos conservadores galegos.

Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 11/12/2012

Comparte esta noticia
E, ao lembrar este feito do  pasado e a determinadas  figuras galegas da política, pensemos e Fraga, Cabanillas, por citar a dous,   de novo, neste noroeste peninsular, aparecen os pantasmas dos  que ven o paso pola política nesta terra  como un trampolín  cara a metrópole. O que deixa a Galicia e a solución dos  seus problemas  nun segundo ou terceiro plano. 
 
Pero, a foto da toma de posesión, deixou unha imaxe de relax, de continuísmo e, sobre todo,  de conformismo  e submisión coa aceptación dos  recortes  que se impoñen  por orde de Madrid e a súa vez da kaisser Merkel.
 
A verdade é que vivimos un tempo de certo desconcerto e desvarío político. Pois a nosa sociedade está asimilando que non hai alternativa ós recortes que se impoñen dende Europa e que os nosos gobernantes axenlloados  aceptan amablemente. Vivimos un tempo que debera ser propicio para unha reflexión que nos levara a pensar no futuro desta terra,  que morre a pasos axigantados coa aquiescencia dos que, con boa fe, apoiaron programas ambiguos que agora son incumpridos sistematicamente e  empregados contra a sociedade que os apoiou. Vivimos un tempo que debera ser, para todos cidadáns e institucións políticas, motivo dunha análise fonda que dera as claves para buscar consensos que, no fundamental, foran máis alá da loita partidaria e antepuxeran os intereses xerais da xente e  desta terra por riba das ambicións das persoas e ideolóxicas.
 
E, neste senso, penso que, os grupos da oposición, deben entender que si Feijoo está de presidente é pola única razón de  que, a masa social, non viu alternativa crible fronte as súas políticas. Pois, hoxe no  chega con afirmar que “Hai que paralos” e mensaxes de resistencia similares. Non chega con dicir que “hai futuro” pois hai que debuxar  o proxecto que  tes para tal afirmación e pedir o voto en función do mesmo.
 
Galicia morre paseniño pois, a pesar da maioría social que ten o seu goberno, carece de peso político diante a corte madrileña que nos sigue a ver como de provincias. E, Por iso, neste ano que fenece, perdemos as nosas entidades bancarias; a nosa agricultura morre; o noso rural esmorece e a a nosa industria desvalixase. E como carecemos de futuro,  só temos para ofertarlle aos nosos fillos a emigración. E a todo isto hai que sumarlle que, estamos a piques de perder as nosas sinais culturais de identidade. Estamos sendo globalizados para ser un número nun mundo despersonalizado. Polo que, xa somente falta que, como no franquismo, os nosos nenos asimilen que o noso idioma é un dialecto e que so vale para andar pola casa.
 
En fin, tomou posesión o presidente Feijoo. Suma e sigue. Logo viran máis recortes para seguir empobrecéndonos, pois as crises, segundo a dereita,  páganas sempre os mesmos. Os de abaixo. E agora, parece que é  o que toca.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Manuel Herminio Iglesias Natural de Seixalbo, concello de Ourense 1949. Diplomado en Maxisterio (Ciencia Humanas) e Música. Comprometido coa labor social, cultural e política, fundou diversas asociacións. Foi, dende xuño do 2009 ate xuño de 2011 concelleiro de Infraestruturas, Mobilidade e Perímetro Rural no concello de Ourense. Preside dende o ano 1997 a Asociación Cultural Agromadas. www seixalbo.com