Guitarra clásica galega

Como está a piques de rematar un ano sumamente malo, no que se refire aos recortes, dereitos laborais e sociais, ao paro, e un sen fin de cousas máis, quero falar, nas vésperas do Nadal, dunha nova distendida e amable que, para os que amamos e vivimos a música, resulta atractiva, agradable e positiva.

Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 27/12/2012

Comparte esta noticia
O sábado 14 do mes que andamos, no auditorio do Museo do Mar de Vigo presentouse  o disco Guitarra Clásica Galega editado por Ouvirnos. Nel recóllense unha serie de pezas de músicos galegos ou que sendo de fora de Galicia adicaron algunha partitura á nosa terra. Este é o  caso de Frederic Mompou que escribiu a coñecida Suite Compostelana que comeza cunha imitación ao son das campás da catedral  e remata cunha fermosa muiñeira  na que aparecen harmonías con rasgos impresionistas.  Presenta este compacto un percorrido pola música para guitarra que  autores descoñecidos, algúns guitarristas,  deixaron escrita para as seis cordas e que agora sae á luz, dando unha visión máis ampla do que neste lugar do noroeste peninsular se facía e se fai  para este  instrumento que, para o gran público,  so estaba adicado ao acompañamento de  solistas ou enclaustrado no  que  Francisco de Quevedo definía  nun poema como “Guitarra del mesón que hoy suena jota, mañana petenera, según quién llega y tañe, las empolvadas cuerdas. Guitarra del mesón de los caminos no fuíste nunca, ni serás poeta.” 
 
Esta  recompilación de temas musicais, que van dende os anos trinta do século pasado ate temas e arranxos do século XXI,  é un  traballo musical que abre portas cara a recuperación de partituras  para este fermoso e harmónico instrumento e, lanza, cara o gran público, unha visión moi distinta  á que ás veces se ten del.  No compacto  a parecen partituras de diversos autores entre os que reseñarei a   Bal y Gay e do mestre ourensán José Fernández Vide,   ademais do reseñado  Mompou.
 
A presentación,  ademais das verbas e aclaracións dadas polos autores do proxecto, tivo un fermoso apartado para o deleite dos presentes que enchían o auditorio pois, o novo  guitarrista galego  de proxección internacional Samuel Diz, interpretou un ramallo de pezas que remataron coa muiñeira da suite de Mompou e varias propinas con temas  tamén recollidos no disco. 
Foi este un acto realmente fermoso para os amantes da música e, sobre todo, para os que descoñecían as posibilidades e riquezas harmónicas  da  guitarra clásica. Pois nela, o virtuosismo, a depurada técnica e a sensibilidade interpretativa de Samuel,  puxo de manifesto que as melodías galegas e mesmo a música tradicional, arranxada e harmonizada para este instrumento,  gaña en forma e riqueza  pois está impregnada de beleza e sensibilidade.
Parabéns para os promotores e entidades que apadriñaron este proxecto, parabéns  para o tudense  Samuel Diz, guitarrista con grandes miras de futuro  e, en resumo, para a música galega pois,  con proxectos como este,  abre camiños, racha tópicos e  amplía horizontes. 
Felices Festas para todos os lectores de GC. E  que o 2013 veña cheo de boas novas para os habitantes desta nosa terra.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Manuel Herminio Iglesias Natural de Seixalbo, concello de Ourense 1949. Diplomado en Maxisterio (Ciencia Humanas) e Música. Comprometido coa labor social, cultural e política, fundou diversas asociacións. Foi, dende xuño do 2009 ate xuño de 2011 concelleiro de Infraestruturas, Mobilidade e Perímetro Rural no concello de Ourense. Preside dende o ano 1997 a Asociación Cultural Agromadas. www seixalbo.com