Renovarse ou morrer

Con moita frecuencia escóitase nas conversas de que hai que camiñar cos tempos; tamén de que é necesario ver e atender os problemas do momento no que nos tocou vivir pois, camiñar de costas á realidade social e política, e tanto como anclarse nos recordos e nas ensoñacións que impiden que vexamos os perigos que nos atinxen e as súas consecuencias que deles se derivan. As sociedades están formadas por persoas. Por iso son entes vivos e dinámicos que se moven e que evolucionan en función de moitos parámetros e cuestións. Son entes tan complexos que invalidan a quen vive permanentemente do recordo; do que noutro momento fixo e aspira a manterse nun posto sin facer ren. Dito doutra maneira: no momento actual hai que renovarse ou apartarse para que outros sigan co cometido.

Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 12/01/2013

Comparte esta noticia
Todo este comentario ben a conto pois, como tantos cidadáns, vin a entrevista que por mor de cumprir 75 anos  lle fixo o Sr. Hermida a súa maxestade  o rei; entrevista que case parecía unha conversa  onde, o entrevistador, mantendo un trato diferencial,  lle plantexou preguntas pouco comprometidas e que o monarca, con cativa dialéctica,   contestou  repetindo en moitos casos a resposta.  E despois deste acto, un tanto propagandístico, que trata de fortalecer a figura dun rei que perdeu moitos enteiros dende o asunto da caza dos elefantes e do afair que o  xenro mantén coa xustiza, un pregunta si a súa maxestade está en disposición e con tanta forza como dí para ser o rei de todos os habitantes deste noso Estado no século XXI. Eu, como tantos cidadáns, fago esta afirmación en base a tres  criterios que tomei como referencia: o primeiro é que vin a coroa un tanto distante da realidade social que vive este pais. Percibina distante dos problemas políticos, dos asuntos e tropelías que se cometen dende institucións e entidades que, por mirar para outro lado, permitiron e permiten a situación de indefensión dos cidadáns mais humildes. Polo tanto, non vin a un rei que fora máis alá da proclama de que lle preocupa a xente que o pasa mal. Pois entendo que, o rei, ademais de ser neutral na cuestión partidaria, debe ser un referente da ética  política e reivindicar á xustiza social en todos os estamentos que están ao servizo dos Estado   que nos demos democraticamente. Non pode, diante tanta inxustiza mirar para outro lado.
 
O segundo aspecto, refírese a que vin a unha persoa incapaz de facer unha autocrítica mínima do que leva sido o seu longo reinado. Pois, supoño, que habería algunhas cuestións que se fixeron ben,  pero outras que se fixeron mal ou moi mal,  pois, todo o mundo sabe que  ninguén é perfecto. 
 
E por último vin a un rei que fala da unidade de España como algo sacrosanto que hai que preservar por riba de todo. Pois si,  pero non hai que demonizar a quen pensa de maneira distinta.  Nos pobos, que conforman este mosaico que se chama España, hai diversas formar de ver  o Estado; hai distintas formas de entendelo e, a xente ten dereito a opinar e non so dende o conxunto, se non  dende a parte. Eu que non son arredista,  pero cóstame entender a férrea  e radical visión de que, neste pais, soamente é bo o nacionalismo español; as demais maneiras de expresar os sentimentos políticos das partes que conforman o conxunto,  son erradas, enfermizas, radicais e arredistas.  A unidade gáñase co respecto a diversidade,  con dialogo e non por imposicións preconcebidas dende un nacionalismo que menosprecia a outras expresións políticas.
 
En fin, para non estenderme máis, creo que a vida dos pobos evoluciona, é mutable e as institucións políticas teñen que estar ao servizo dos cidadáns, teñen que ser un referente ético que lle valga de guía. E como parece que a nosa monarquía  soamente  vive do recordo, do que se fixo; e non do que hai que facer, creo que chegou o momento de que a monarquía terá que anovarse ou fenecer como di a xente nas conversas. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Manuel Herminio Iglesias Natural de Seixalbo, concello de Ourense 1949. Diplomado en Maxisterio (Ciencia Humanas) e Música. Comprometido coa labor social, cultural e política, fundou diversas asociacións. Foi, dende xuño do 2009 ate xuño de 2011 concelleiro de Infraestruturas, Mobilidade e Perímetro Rural no concello de Ourense. Preside dende o ano 1997 a Asociación Cultural Agromadas. www seixalbo.com