A época Baltar, que ten, de momento, continuidade con outro Baltar, pasará á historia como un periodo de moitos anos nos que o favoritismo persoal, coa aquiescencia dos dirixentes do seu partido, acentuouse en detrimento de políticas colectivas que tiveran unha visión de conxunto do que debía ser o entramado provincial e o seu papél dento da política xeral da Xunta e do Estado. Por iso, este periodo tan longo, pouco ou nada pode deixar positivo no seu haber. Cecais quedará o triste recordo dunha política clientelar que atendeu a aquiles que pasaron polo Pazo provincial a pedir a solución dun problema particular e se ataron politicamente como militantes a prol do seu patrón e por extensión do Partido Popular. O demais, a visión de conxunto da provincia non tivo peso, pois case todos os que rodearon ao cacique asintiron ou foron convencidos con prevendas de que o que facía o presidente era o único que se podía facer. Desa maneira os famosos plans para relanzar Ourense, O novo milenio, etc. todos foron papel mollado e non valeron para nada. Todos foron promesas feitas a bombo e platillo, contos para distraer á xente.
Son dos que detesto recurrir ao pasado, sobre todo cando nel persoeiros fanquistas gobernaron dunha maneira antidemocrática. Pero agora lembro a David Ferrer cando se amosaba contario a unión das caixas provinciais. As caixas que agora desapareceron. Si, as caixas que eran unha boa ferramenta para apoiar proxectos nestas zonas deprimidas.
E todo este comentario lévame a unha reflexión e a unha pregunta: Para que serven as Deputacións e moitos organismos que dependen delas e onde están colocados os que aspiran ao poder soamente para manterse nel? Penso, francamente, que coa chegada das autonomía que lle dá a Galicia unha unidade política, para nada. As deputacións, non teñen lugar nin espazo na política provincial ao carecer de poder económico e non ter ferramentas que lle axuden a darlle unha visión completa e unitaria a unha provincia. E esto lévame a outra pregunta: Para que serven as provincias? Pois para pouco. Cecais soamente serven para ser o soporte electoral das inútiles deputacións.
En fin, agora que tanto se fala dos favores de Baltar pai; agora cando a xustiza decidiu actuar despois de moitos anos de silencio; agora cando este popular político xa é pasado, penso que é o momento de que, todas as forzas políticas, presenten alternativas aos grandes problemas que ten esta desta provincia. Pois a vida continúa e Ourense estase convertendo nunha provincia cos índices de poboación, emprego, e industrialización peores de Galicia e do Estado e polo tanto nunha provincia sen futuro.