Pois ben, moi perto de nós, na nosa cidade amañouse un matrimonio de intereses composto por dúas organizacións: unha política e outra individual coa apariencia de política. E nese pacto de interses somente se perseguiu un obxectivo compartido: manter o poder provincial e chegar á alcaldía da cidade. Ou sexa: mandar nun espazo xeográfico en declive moi concreto e satisfacer o ego persoal de quen quería campar na cadeira do concello. Desta maneira, dous inimigos que antes non se aturaban e que se chamaban todas as lindezas habidas, xuntábanse pra manter un poder e acceder a outro.
E chegou o intre de facer o primeiro balance anual, polo que comparece o alcalde e os seus para porse así mesmo unha nota dun nove. E como xustificación dixo que se atopara cun concello paralizado e noqueado e que il o puxera a camiñar. Evidentemente, esqueceu que il fora o culpabel da paralise. Días despois o cabeza do grupo que sutenta ó sr. Jácome, ou sexa o do PP, sae dicindo: que lle da un aprobado raspado; e afirma que hai que facer cousas tanxibeis que a xente precisa. Tamén di que as grandes obras ás veces pouco ou nada arranxan e que o alcalde e o seu grupo deben ter altura de miras e un proxecto para a cidade.
Estas afirmacións, tan claras e rotundas, veñen a amosar que cada grupo deste goberno ve a realidade dunha maneira moi distinta. E percíbese que discrepan abertamente e que atúranse por pura comenencia. Mais vese que esta xuntanza de intereses non funciona.
Se hai uns meses a concelleira de infraestructuras dicia que no urbanismo o alcalde nada tiña que dicir, agora sae o cabeza dos populares deixando co cú ó aire ó rexidor.
Mentres, cantidade de cidadáns abraiados, asistimos a un esperpento que ven a demostrar que os populares, por manter a Deputación e con elo o control da provincia, entregaron á alcaldía a un persoeiro do que sabian de antemán que con il as cousas non irían ben.
A política fai compañeiros de cama sumamente extraños e que non cadran. Desta maneira, día tras día, sae a luz unha mentira por boca dun alcalde que soio fala de ocurrencias e ten que tragar sapos e sapos amargos como o das torres na ribeira do Miño. Un alcalde que enche o concello de liberados con soldos estratosféricos que carecen de poder e non son máis que parásitos.
Máis parece que non queda outra, agora os dous grupos teñen que aturarse, mentres a cidade cae a cachos no desleixo máis absoluto.
En fin, estas son as consecuencias deses matrimonios forzados e de comenencia que soamente buscan poder.