Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/08/2020 | Actualizada ás 14:05
Era o 28 de agosto de 1880 cando a diócese de Ourense reprobou a obra de Manuel Curros Enríquez 'Aires da miña terra'. O libro de poemas, que fora publicado nese mesmo ano, supoñía unha aldraxe para a curia, que viu nel "proposicións heréticas" e "blasfemas encandalosas". O caso chegou á xustiza e ordenouse o secuestro -e destrución- da publicación, así como a imposición dunha pena de 250 pesetas e máis de dous anos de cárcere ó autor, que á parte resultou excomulgado.
Aínda que Curros foi finalmente absolto da pena de cárcere e a multa pola Audiencia da Coruña -que contradiciu o veredito da ourensá- a xornada da reprobación curial quedou para a memoria como un exemplo dos múltiples choques contra os estamentos da época dun autor caracterizado polo seu progresismo.
UNHA VIDA CONSAGRADA Ó PROGRESO
A traxectoria de Curros Enríquez non pode ser comprendida sen facer fincapé no seu estreito vencello político, que en moitos casos o levou a transitar por sendeiros perigosos. Deixou a casa natal sendo adoescente e marchou a Madrid, onde con só 17 anos, participou na Revolución de 1868. Os estudosos da súa vida ven nesas revoltas -que remataron co derrocamento da raíña Isabel II- un punto de inflexión que serviu para asentar os seus ideais democráticos.
Arrincada a súa carreira na prensa -que lle valeu unha ferida de bala na Terceira Guerra Carlista- Curros instalouse en Ourense, onde publicaría con apenas 29 anos Aires da miña terra, a súa obra máis representativa e famosa. O poemario, de inclinación profundamente anticlerical, sentaría un enorme precedente na literatura galega, ata entón cinguida ó costumismo e o intimismo que xermolaron co Rexurdimento.
IGNORADO POLA CRÍTICA
En certa medida, conciencia política do autor de Celanova valeulle a indiferenza e rexeitamento da intelectualidade galega da época. Diso dá proba a escasa traxectoria pública de 'O Divino Sainete', outra obra culmen que resultou ignorada pola crítica do momento debido ó seu ton anticlerical, segundo autores como Francisco J. Vicente Fernández.
O impacto de Curros Enríquez na lingua e literatura de Galicia foi posta en valor por varios tuiteros que hoxe quixeron lembrar o seu encontro cos poderes da época. A lembranza, por suposto, non foi exenta da súa dose de denuncia. "Menos mal que hoxe en día se protexe a liberdade de expresión", apunta un usuario con retranca.
Si eu fixen tal mundo
— AC. Alexandre Bóveda 🛰 (@ACBoveda) August 28, 2020
que o demo me leve
O 28 de agosto d 1880 o bispo de Ourense Cesáreo Rodrigo condenou e reprobou "Aires da miña terra" por conter "proposiciones heréticas, blasfemas, escandalosas”. Prohíbeselles aos fieis a lectura e posesión do libro e excomúngase a Curros pic.twitter.com/fLvWtzJMdf
Curros Enríquez foi denunciado en 1880 polo bispo de Ourense por considerar blasfemos tres poemas de "Aires da miña terra".
— Mundo azul 🛰 (@sardinhaderio) August 28, 2020
Foi condenado a 2 anos e 4 meses de prisión aínda que recorreu e foi absolto finalmente.
Menos mal que hoxe en día se protexe a liberdade de expresión! pic.twitter.com/nwxmh5W2aO
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.