As idas e voltas na política

Cando aínda se lembran as verbas de Rajoy na oposición denunciando e calificando negativamente as negociacións ocultas de Zapatero co presidente catalán Mas, aparece a nova da xuntanza segreda que o primeiro mantén co segundo na que lle lanza un envite para negociar, claro, si se separa de Esquerra Republicana.

Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 06/04/2013

Comparte esta noticia
Este feito que parecería normal pois, a primeira razón de ser da política é a de buscarlle solución aos problemas dende as diferentes formas de velos; ou a de conxugar as diferencias  nos criterios económicos e ideolóxicos que existen para  chegar a acordos e arranxalos, non deberá ser criticada, se non fora pola contrariedade na forma de actuar en función de si se está na oposición ou no goberno; de si se está en campaña electoral ou non.
 
As hemerotecas  son como as escrituras nos notarios. Son crónicas  tercas que   serven para cotexar o que se dicía co que se  di e fai. Daquelas o PP criticaba duramente que Zapatero falara con Mas e tildaba aquelas negociacións de impresentables, mentres ofrecía transparencia, claridade e non sei cantas cousas máis. Transparencia que agora se torna en segredo e ocultismo. En dame e, a cambio, douche.
 
Algo semellante acontece coas fotos que saíron a luz estes días  do presidente Feijoo con un contrabandista de vacacións; fotos  que se fixeron hai bastantes anos. Asunto que lembra as fotos nas que o vicepresidente Quintana aparecía nun barco cun importante empresario desta terra.  Claro que estas segundas publicáronse en plena campaña electoral e axudaron a que os populares acadaran o escano da maioría absoluta. Polo que  influiron negativamente en moitos cidadáns para que lle retiraran o voto á formación do político de Allariz. Cousas veredes. Sí, cousas e contrariedades. Mentiras e medias verdades  que diariamente saen á luz.
 
Pero, con todo o que está chovendo, hai varias cuestión que nos deberían levar a unha reflexión. A saber: a primeira está referida ao peso que teñen os votos. Pois en política ter representación nas esferas do poder significa poder influir nas decisións. E neste asunto algo está moi claro: con Mas hai que negociar pois ten moitos votos tras de si, e iso pesa moito. Polo que faise bo o dito de que,  en política  ¡Canto tes, canto vales!  Nese senso, nesta terra ao carecer dunha representación importante ao marxe dos dou grandes partidos estatais, nada pintamos no xogo diario do poder. Pois os nosos deputados e senadores actúan mecánicamente seguindo as instruccións dos xefes na capital do reino. 
 
A segunda cuestión está referida as incoherencias, bravatas, mentiras  denuncias e promesas que se fan estando na oposición. Pois, os profesionais da política confían máis nos aspectos negativos que lle causan ao rival nun determinado momento (Campaña electoral),  que os castigos que recibirán pasado un tempo por facer o contrario do prometido. E neste caso enmarco as fotos de Quintana viaxando nun barco cun empresario. Estas fixeron dano en campaña electoral. E agora as de Feijoo son moi negativas para imaxe dun presidente. Sí moi negatrivas pero non estamos nun proceso electoral. Neste senso percíbese con claridade os intereses dalgúns medios de comunicación, que tamén xogan en función de asuntos expúreos.
En fin, as idas e voltas que da a política son moitas. Pero máis cás idas e voltas, moitas veces resulta máis pernicioso o momento no que saen á luz as cousas. Agora, que Rajoy negocie con Mas ou que as fotos de Feijoo saían á luz, pouco importa. Axiña se esquecerá o asunto, pois non estamos en campaña electoral e o dano en votos é nulo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Manuel Herminio Iglesias Natural de Seixalbo, concello de Ourense 1949. Diplomado en Maxisterio (Ciencia Humanas) e Música. Comprometido coa labor social, cultural e política, fundou diversas asociacións. Foi, dende xuño do 2009 ate xuño de 2011 concelleiro de Infraestruturas, Mobilidade e Perímetro Rural no concello de Ourense. Preside dende o ano 1997 a Asociación Cultural Agromadas. www seixalbo.com