Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 16/09/2020
Mal pinta a solución pra sacar da cadeira municipal o ínclito Jácome, dixo o alcalde. Ó que lle contestei: algunha responsabilidade terán os teus compañeiros que o apoiaron e o puxeron na alcaldía. Mais a resposta foi pra min sorprendente: a culpa non é do meu partido, a culpa é dos cidadáns que o votaron.
Pra non discutir sobor do tema, despedímonos e camiño da casa empecei a cavilar na mentada resposta, pois tiña, e aínda ten, o seu aquel. Logo lembrei outra conversa que tiven cun veciño, boa persoa que me dixo: eu voteino, referíndose a Jácome, con toda idea de castigar ó PP e, mira o que fixo, pactou con eles. Un tanto abraiado, pensei: pero que pasa na nosa sociedade que unha parte importante dela, máis de 12000 veciños viron neste persoeiro unha solución ós problemas de Ourense?. Como foi posíbel que a xente confiara nun grupo que soamente propón ocurrencias e solta insultos contra todos os demais? Como se pode ser tan inxénuo?.
Non sei que dicir. Polo que lembrei os tempos nos que loitabamos pra acadar uns concellos onde todo funcionara mellor e houbera máis cultura e mellores servizos. E mira o que acontece nesta vella Auria. Todo caíndo a cachos, e dando un espectáculo lamentábel, e por riba aturando a un persoeiro pintoresco que non distingue o que é publico do privado. Que mestura a súa empresa que busca beneficios, cunha obra colectiva como é o Concello.
Pois ben, todo iste acontecer levoume a facer unha reflexión: onde están as forzas vivas da cidade?. Onde están as asociacións, colexios profesionais, entes veciñais, entidades cívicas e deportivas, etc. pra posicionarse e esixir que no concello haxa seriedade, rigor e decencia, onde? Acaso non ven como se deteriora toda unha istitución mentres parecen estar agochadas nun silencio que as fai cómplices do que acontece.
Onde está aquela cidadanía que noutos momentos saíu a rúa pedindo certas reivindicacións para voltar de novo e pedir que no concello haxa un goberno e un alcalde á altura da terceira cidade de Galicia?.
A culpa ninguén a quere. Sempre quedou solteira din os máis maiores. Mais en Ourense todos sabemos quen puxo a iste señor na cadeira municipal, e que o fixo en detreimento da lista máis votada. Pois que asuma erros e dea a cara. E como o rexidor non dimite, que facilite unha moción de censura entre as dúas forzas que a poden facer PP e PSOE. Ter a unha persoa letal, como dixo o Sr, Feijoo na cadeira do noso concello, pode cortanos a todos moi caro.
En fín, por moito que nos toque o nabo o actual alcalde, a culpa non é dos cidadáns. Eles, conscientes uns e outros inxénuos, votaron o que lles pareceu o mellor. Asi que, como as contas dan, adiante coa moción de censura e que goberne a lista máis votada. E axiña pechemos dunha vez iste capítulo escuro na vida do concello de Ourense.