O posicionamento que as autoridades desta comunidade estan a facer é un tanto cicateiro e chusco, dado que pretenden aproveitar a pandemia pra ter unha cancha política que a día de hoxe lle permita afianzar un liderazgo para seren unha alternativa ó actual goberno. A segunda, que é a máis importante, deixa entrever unha maneira de afrontar a pandemia que, ainda que non se di abertamente, pon a economía diante da protección da saúde.
Isto que afirmo lévame a aseverar que, en política, moitas veces non se fala con total franqueza. Ou sexa: non se di o que realmente se pensa. Pois o que propoñen as autoridades madrileñas diante diste problema mundial é que economía importa máis ca saúde. E as mortes son o tributo que hai que pagar pra seguir existindo, pese a quen lle pese.
Vivimos en Europa e todos os gobernos da UE tomaron como primeira medida a protección da saúde e das persoas. E, na comunidade de Madrid, parece que gobernan os negacionistas. Pois, aínda que non se atreven a dicilo con claridade, actúan de maneira moi semellante a do presidente dos EE.UU.
Madrid, din que é España, e parece que sin Madrid nada se pode mover na península. Esta afirmación lémbrame unha frase dun madileño que con certa soberbia un día díxome: Vosotros los de provincias... Ou sexa: como non somos da capital do reino, pois somos menos ca eles. Polo tanto, nada me extrraña de que a súa presidenta actúe con certo grao de prepotencia. E dígoo, pois parece unha muller sen personalidade que sigue os ditados de Casado. Vamos: un maniquí que obedece sen rechistarlle o xefe; mentres parece feliz dándolle leña ó goberno do Estado.
Cando nun país hai dúas visións sobre unha pandemia mundial e ignóranse os consellos dos entendidos no asunto, mal imos. E si, ademais deso, aprovéitase o momento pra ir contra o goberno, semella que certos líderes políticos son uns inconscientes, pois antepoñen os intereses paridarios e persoais por riba dos intereses de milleiros de seres humanos. Esta maneira de actuar resulta noxenta e perigrosa. E iso é o que acontece hoxe na capital do reino.
O chauvinismo do gobernantes da comunidade madrileña lévaos a dar a murga permanentemente e facer todo o contrario do que fan os demais gobernos europeos. Ben sei que a economía non se pode parar plenamente; mais tamén sei que os problemas hai que arranxalos escoitando e dialogando. Pero neste pais aínda hai moita visceralidade que emana desa visión cutre herdada da ditadura franquista. En fin, que en política hai que falar con claridade e buscar acordos pra acadar solucións os problemas. Do contrario imos por mal camiño.