O BNG estala contra o "centralismo" de que Galicia só poida xestionar o 50% dos seus fondos europeos

Esixen poder dispoñer do 100% dos orzamentos para a reconstrución.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/10/2020 | Actualizada ás 12:52

Comparte esta noticia

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, aposta por que Galicia xestione "a totalidade" dos fondos europeos de reconstrución "e non só o 50 por cento", como anunciou o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, na conferencia de presidentes. Para a nacionalista, trátase dun "grave problema de centralización" da repartición dos máis de 140.000 millóns de euros que lle corresponden ao Estado, dos que 72.000 millóns correspóndense con transferencias directas.

"Por que Galicia non pode xestionar o 100 por cen dos fondos que lle corresponden? Con só a xestión do 50 por cento, Galicia perde boa parte da capacidade na toma de decisións sobre como impulsar a saída de Galicia da crise", expuxo Ana Miranda, quen reiterou que "Galicia debe ter voz propia na negociación e na xestión dos fondos europeos para non quedar atrás na súa repartición", algo que, ao seu xuízo, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Fejóo, "non está a defender".

A portavoz do BNG en Europa tamén manifestou que a súa formación "ten medo de que sexan as empresas do Ibex as que se beneficien maioritariamente dos fondos europeos fronte ás pequenas e medianas empresas que conforman boa parte do tecido económico galego.

Doutra banda, Miranda criticou "a falta de transparencia e escurantismo" do Goberno galego na "suposta selección de proxectos que poidan optar aos fondos europeos". "A Xunta fala de 108 proxectos que poden mobilizar 9.400 millóns como candidatos aos fondos Next Generation, pero non sabemos en función de que criterios foron seleccionados nin se quedaron proxectos fóra", manifestou.

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, no Parlamento Europeo. © EUROPEAN UNION 2019 - SOURCE : EP / JAN VAN DE V / Europa Press
A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, no Parlamento Europeo. © EUROPEAN UNION 2019 - SOURCE : EP / JAN VAN DE V / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta