Aquel ensino que estaba manipulado dende o seu inicio na escola primaria, onde os nenos e nenas, estabamos en colexios distintos; onde se estudiaba a filosofía de José Antonio Primo de Rivera e nos contaban que España fora saqueada polos roxos. Claro, enaltecendo ao ditador Franco. Aquela na que recibíamos o queixo e o leite dos americanos, razón pola que lle tíñamos que estar moi agradecidos ao Caudillo. Aquela onde se menospreciaba a todos os que falaban en galego incluso á hora dos xogos. Aquela, onde viña o crego todos os venres a darnos leccións de integrismo relixioso e se nos catalogaba con nota como bos ou malos cristiáns.
Pois ben, moitos anos despois daquela escola e da chegada da democracia, un goberno conservador que arrastra un tufo imperial e unha saudade de tempos pasados, aproba unha lei do ensino sen o consenso, coa maioría dos sectores implicados no campo educativo, e co desacordo coas principais forzas políticas parlamentarias. Pero esta maioría quere deixar moi claro que, a vontade do goberno imporase custe o que custe. Desta maneira quedan á luz as estratexias mantidas polos populares cando era ministro o Sr. Gabilondo, ministro que reclamaba e buscaba un consenso ao que, os agora gobernantes, non querían chegar. Pois, prevendo a súa maioría, esperaban pagar os compromisos acadados coa xerarquía relixiosa.
Pero con todo o que poida acontecer, o máis probable é que o poder dos populares non dure eternamante, e como os custes para poñer en macha este proxecto son elevados, ate pode acontecer que se volva a modificar esta lei que mira ao pasado e rememora a España en branco e negro.
Con todo, desta forma de actuar do goberno de Rajoy pódense extraer varias conclusións. A primeira radica nos fortes tentáculos que manten a dereita española coa igrexa católica e organizacións relixiosas ultraconservadoras. Este feito, que puidera parecer algo nímio, ten a súa importancia pois, estas relacións impídenlle aos populares deixar atrás parte do seu pasado franquista, e convertirse nunha dereita moderna, laica e liberal que é capaz de chegar a acordos coas demais forzas políticas nos grandes temas de estado.
O segundo radica, no seu afán de amosar que o poder lle pertence a eles por tradición, por iso buscan impor a súa única e excluínte visión de España. E isto queda visibilizado no asunto e trato dos idiomas distintos ao castelán. Neste senso debuxan unha España que se sinte ameazada pola pervivencia, potenciación e conservación das outras linguas oficiais da península, esquecendo que, o principal adversario do castelán, hoxe non é o galego, o catalán e menos o vasco. O principal competidor do castelán é o inglés que vai enchendo o idioma de Cervantes con cantidade de barbarismos.
Desmenuzar os aspectos negativos da lei Wert sería moi longo pero, unha lei de educación que contente á pluralidade da sociedade sen o consenso básico augura un sitema educativo condenado ao fracaso e, consecuentemente, terá que ser modificada.
Dixen ao principio que, esta lei significaba un grande retroceso e ten tufos daquela escola triste e autoritaria á que tivemos que asistir durante o franquismo. Pero a diferencia daqueles anos escuros, os tempos son distintos e, por moito que se queira volver ao pasado, todo parece indicar que será imposible. Polo tanto, outra reforma que se antoxa inútil, dado que , de non haber un acordo coas demais forzas da oposición, cando gobernen outros será modificada para daptala aos tempos dun país laico e democrático como corresponde.