Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 07/12/2020
Pasaron corenta dende que morreu Franco e, polo visto, nos cuarteis, aínda sigue viva a memoria deste persoeiro que chegou ó poder coa axuda dos nazis e de Musolini. Pero, tales ditos son aínda máis terroríficos cando saen da boca dun uniformado militar e, representantes dun grupo político afirman, con toda tranquilidade, de que ises que así falan: “son de los suyos”
A España imperial e antidemocrática latexa entre os uniformados. Vive nos cuarteis e lembra ó ditador que se ergueu contra a república e que despois dunha cruenta guerra civil impuxo unha ditadura de corenta anos que deixou a milleiros de españois en Francia como apátridas. Iso e outra iniquidades que fixo aínda viven na memoria de moitos cidadáns. Máis o importante de todo iste asunto lévanos a facerse varias preguntas: Todos os militares e funcionarios cobran do Estado. E o Estado nútrese dos impostos que pagamos todos. Polo tanto si somos todos os que cos nosos impostos lle pagamos a esta xente, supoño que terán que estar ó servizo dos cidadáns que pensen dunha maneira ou doutra. E aínda que estean xubilados, teñen a obriga de gardar as formas e non dicir barbaridades e menos insultar ou fomentar o odio.
Que é iso de fusilar a 26 millóns de cidadáns por que istes son uns fillos de puta? Que é iso de culturizarnos coa súa forma de pensar? Que se ensina nos cuarteis ademais de técnicas en armas e de guerra? Que ideoloxías pululan por esas aulas militares?
Seguindo con estas preguntas, como é posíbel que despois de tanto tempo aínda acontezan estas cousas e, nin a ministra saia a dicir con rotundidade que isto non é de recibo e condenalo rotundamente? Como se pode permitir que unha carta que lle mandan ó rei ande a buscar adesións nos cuarteis? E que pensa o rei? Calará; ou será un monarca realmente consciente de que estas barbaridades que se din e os grupo político que afirma que “son de los suyos”, siga en silencio e non diga nada ó respecto. Por último o que dixo ise persoeiro acaso non é incitación ó odio? Polo que, actuará a xustiza de oficio? Noutros casos, contra rapeiros e outras persoas, si o fixo.
Pode que alguén diga que iso é unha broma, mais a cousa ten o seu aquel; sobor de todo cando un grupo político e tamén a dereita calan como se non fora con eles. Esteamos atentos a estes salvadores da patria que desprezan as urnas e a vontade dos cidadáns; que non cren na democracia e soñan con seren salvadores nun tempo no que mandan os votos e o dialogo político.