Continúa a campaña de vacinación contra a covid nas residencias de maiores de Galicia

Na área sanitaria de Lugo a vacina de Pzifer xa chegou a 7 novos centros.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/12/2020 | Actualizada ás 14:34

Comparte esta noticia

Do mesmo xeito que noutras áreas de Galicia coa chegada de novas doses, este mércores proseguiu a vacinación na área sanitaria de Lugo, onde se alcanzaron outros sete centros de maiores da provincia. Así o explicou o xerente da área sanitaria de Lugo, Ramón Ares, que precisou que se vacinou a residentes e persoal das residencias de Orpea e Albertis, en Lugo cidade, así como na Vivenda Comunitaria Miradoiro de Alear.

María Belo, a primeira muller vacinada da área sanitaria de Vigo. SERGAS
María Belo, a primeira muller vacinada da área sanitaria de Vigo. SERGAS

Ademais, as vacinas chegaron este mércores á residencia de dano cerebral de Castro Ribeiras de Lea (en Castro de Rei), á residencia de Paradela e ás vivendas comunitarias de Sarria e Samos. Son sobre "280 ou 300" persoas, calcula, que puideron ser inoculadas cunha primeira dose da vacina Pfizer, unha campaña que se "desenvolve con normalidade" na provincia. "Cada residencia ten un equipo composto por dous enfermeiros, que son os que realizan e fan toda a campaña. Imos seguir con esta vacinación en días sucesivos", engadiu.

Ramón Ares pormenorizou que "a programación faise semanalmente", cunha nova recepción de dose cada luns. Con iso, ao final do mes de xaneiro contan con ter vacinados a 7.500 residentes e traballadores da área. "Nas residencias grandes as vacinacións poden durar varios días e nas residencias máis pequenas facemos a vacinación de residentes e traballadores nun só día", sinalou Ramón Ares.

OURENSE

Os once equipos especiais de vacinación da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco completaron este mércores a segunda xornada da primeira fase desta campaña "sen ningunha incidencia destacada", tras vacinar a preto de 750 persoas de distintos centros. Así o explicou a coordinadora dos equipos, Verónica Civeira, que destacou que o persoal facultativo contou cunha "fantástica acollida" por parte do persoal e dos usuarios das residencias visitadas.

O xoves, último día de 2020, os equipos volverán ao traballo desde primeira hora para vacinar a unhas 700 persoas de 15 residencias de maiores e discapacitados, así como vivendas comunitarias, de diferentes puntos da provincia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta