Nós, naquelas datas viviamos pensando no Entroido e facendo plans para a Semana Santa e o verán. Lembro tamén a morte dun veciño recén xubilado ó que non se lle coñecían patoloxías previas e que estivo na UCI case un mes. Segundo lle dixeron á familia, finou dun virus descoñecido. Pasados uns vinte días dese acontecemento, comenzamos a penitencia que hoxe temos. Ás nosas vidas chegou o Covid 19 pra poñer patas enriba esta sociedade.
Agora, cando estamos aturando un novo brote e a ringleira de contaxiados e mortes sigue medrando, sabedores de que os entes públicos somente poden dar normas e pouco máis, comezamos a preguntarnos como se pode atallar esta pandemia que ameaza con toda dureza este ano 21.
Nas poucas conversas que hai escóitase de todo, máis sempre nos atopamos cós que din que a culpa sempre é dos demais. Maiormente do goberno, das autonomías e dos que están ó mando desta sociedade. O argumento sempre é semellante: que poñan máis vixilancia e que sancionen máis. Mais en nada facemos autocrítica polos nosos comportamentos. As culpa sempre quedou solteira di un dito popular.
O domingo pasado na capital do reino, un grupo de xente reclamaba liberdade, pois entendían que todo o que acontecía era pouco menos ca unha montaxe pra coartar os dereitos dos cidadáns. Noutra parte do planeta o fanatismo relixioxo monta unha lea por non poder entrar a un colexio. E en moitas cidades do Estado e europeas os máis novos, pensando que con eles non vai o tema, montan festas e botellóns e atízanlle ás forzas do orden. Todo isto lémbrame un dito: que se pare o mundo que quero baixarme, dicía un famoso deportista hai anos. Ou sexa: uns cantos iluminados negan a evidencia e pra elo ampáranse na liberdade, mentres outros fano nunha crenza e outros non lle poñen límite a folganza. Non hai moitos meses a presidenta da comunidade de Madrid dicía: mentres este virus afecte soamente ó un por cen da poboación non se pode esnaquizar a economía do pais cos peches. E agora, que estamos a piques de cumprir un ano de pandemia, semella que pouco sacamos en limpo do acontecido e que tampouco nos lembramos dos milleiros de persoas que finaron. Xa sei que hai sectores que seguen a negar a existencia do virus e saen á rúa berrando liberdade e outras cousas semellantes.
Todos sabemos que, a diferencia do que aconteceu noutras pandemias hai moitos anos, pestes nas que a poboación quedou desamparada, hoxe a situación afróntase doutra maneira. Pois a maioría dos gobernos xogan a salvar a saúde da sociedade conxugando coas normas facerlle o menor dano á economía. Mais pra que iso teña un bo fin, é preciso contar co comportamento responsabel dos cidadáns. Pois do contrario será moi complicado saír desta situación. Hai un ano comezamos, por estas datas, a escoitar que un virus viña amolarnos. Pasamos confinados meses e aplaudímoslle ós sanitarios. Cando comenzou nesta lea é posibel que xa estivera o mentado virus eiquí e nós sen sabelo. Un virus que veu a dicirnos que a nosa sociedade é moi feble e que hai que tomar conciencia diso. E pra elo, temos que decatarnos de que hai ser consecuentes e respectar as normas se queremos deixar atrás este andazo que nos amola e esnaquiza a nosa forma de vivir.
Agora, que o Covid volve con forza, sería bo que todos tiveramos máis coidado e foramos consecuentes co que facemos a diario, claro, se non queremos amolar o ano 21 e as consecuencias que virán despois.