Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/02/2021 | Actualizada ás 19:34
Un equipo internacional de científicos, liderado polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e da Xunta, xunto con investigadores da Universidade de Aveiro, determinaron que a colisión de buracos negros máis masiva xamais observada, que produciu a onda gravitacional GW190521, podería ser o resultado da fusión de dúas estrelas de bosones.
Esta sería, indica a USC, a primeira proba da existencia destes obxectos hipotéticos que constitúen un dos principais candidatos para formar a materia escura, a cal representa un 27% do Universo.
As ondas gravitacionais son ondas no tecido do espazo-tempo que viaxan á velocidade da luz e cuxa existencia foi predita por Einstein en 1916 dentro da súa teoría xeral da relatividade. Estas ondas orixínanse nos eventos máis violentos do Universo, levando consigo a información sobre a súa orixe.
Desde 2015, o ser humano pode observar e interpretar ondas gravitacionales grazas aos dous detectores Advanced LIGO (Livingston e Hanford, EE.UU.) e ao detector Virgo (Cascina, Italia). Ata agora, estes detectores observaron ao redor de 50 ondas gravitacionales, orixinadas durante as fusións de dúas dos entes máis misteriosos do universo: buracos negros e estrelas de neutróns.
Estas ondas gravitacionales, explica a USC, poderían permitir no futuro observar novos tipos de obxectos celestes e dar pistas sobre problemas fundamentais da ciencia como, por exemplo, a natureza da materia escura.
ONDA GW190521 E ESTRELAS DE BOSONES
En setembro de 2020, as colaboracións científicas LIGO e Virgo (LVC) anunciaron a onda gravitacional GW190521. De acordo coa análise realizada, este sinal era compatible coa fusión de dous buracos negros de 85 e 66 veces a masa do sol, o que deu lugar a un buraco negro final de 142 masas solares. Este ultimo é o primeiro dunha nova familia de buracos negros: os buracos negros de masa intermedia.
O achado reviste unha gran importancia, destacan os científicos, xa que ditos buracos negros eran considerados unha especie de elo perdido entre dúas familias xa coñecidas: os buracos negros de masa estelar que se forman polo colapso dunha estrela e os buracos negros supermasivos que se esconden nos centros das galaxias, incluíndo a Vía Láctea.
Nun artigo publicado este mércores en Physical Review Letters, un equipo de científicos liderado por Juan Calderón Bustillo e Nicolás Sanchis-Gual, propuxo unha nova orixe para o sinal GW190521: a fusión de dous obxectos exóticos coñecidos como estrelas de bosones.
O equipo comparou a GW190521 con simulacións por computador de fusións de estrelas de bosones e atoparon que estas explican os datos lixeiramente mellor que a análise realizada por LIGO e Virgo. O resultado implica que a fonte do sinal tería propiedades distintas ás preditas orixinalmente. Este resultado non só podería significar a primeira observación de estrelas de bosones, senón tamén a dos seus compoñentes fundamentais, un novo tipo de partícula coñecido como bosón ultraligero.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.