Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 06/09/2013
E todos satisfeitos con ter unha media de 85 lumes diarios en toda Galicia e milleiros de metros cadrados arrasados; lugares onde a erosión deixará que aparezan ás pedras e o monte baixo. Desta maneira asistimos, un ano máis impasivos e desconcertados, ó rito de queimar o monte, dando a batalla por perdida, e aceptando que soamente nos movemos cando nos chega o lume ás portas da casa.
Tristeiro panorama que, ademáis de amosar un deterioro do medio natural brutal, debuxa unha sociedade que impotente, eu creo que enferma, acepta este mal como un castigo quasi divino. Pero, con todo o acontecido en tantos anos e, baixo o mandato de tantos gobernos, os que lembramos os anos sesenta do século pasado, cando todos apagábamos os lumes na parroquia, percibimos que agora arde o monte e xa nada importa. Polo que sentímonos sumamente desconcertados.
E despois de tantos anos, máis de 30, coa actividade incendiaria in crecendo, o noso presidente, o que iba arranxar todos os males que tiñamos nesta terra en cuestión de meses; o que cando estaba na oposición collía a mangueira para facer a foto, agora confórmase con afirmar que imos ben, pois hai menos metros cadrados queimados que no ano anterior. Estadísticas que lle dan os cociñeiros da información, e vai tu saber como están amañadas.
Supoño que, de agora en adiante, os galegos terémos que encomendar o futuro dos nosos montes, do medio natural, a algunha divinidade céltica. Pois, si a Xunta non é capaz de facer alguna actividade lexislativa, e de concienciación para tentar solucionar o grave problema que machaca a masa forestal que temos, e soamente nos conformamos con apagar os lumes, mal imos.
Todo o mundo intúe que tras os lumes hai cantidade de intereses económicos. Todos pensamos que neste asunto ten moito que ver a despoboación e abandono do sector primario e o mundo rural. Ten moito que ver o desmantelamento dunha sociedade agrícola que agoniza incentivada por mor da perda de servizos públicos. Pero diante un problema que ten moitos vectores, non é suficiente a política de apagar os lumes, pois noutras zonas do estado nan hai incendios. Poño por exemplo o Pais Vasco, Cantabria, Asturias e mesmo o norte de Galicia. Supoño que isto debera ser analizado, pois ó mellor atoparíamos luces e programas para aplicar na nosa aterra.
O bipartito puxo en marcha o Banco de terras, o mando único contra os lumes; pero o goberno de Feijoo esta desmantelando a prevención e deixando o rural ó pairo. Claro que mentres esto a contece na Galicia, o modelo de Banco de Terras do bipartito, con diferentes retoques e nome, ponse en marcha en Portugal.
Como tantos cidadáns indignados pola cantidade de incendios provocados na nosa terra, reclamo a acción do gobernó para rematar con esta plaga. Pois é a súa obligación abrir un debate para crear conciencia de que, queimar o monte, soio trae probeza e destrucción; e é obriga de quen goberna lexislar e presentar alternativas serías e cribles para que o sector primario e o mundo rural remonten e teñan un futuro máis prometedor. O demais, Sr. Feijoo, o de conformarse coa situación é seguir morrendo; é seguir con máis do mesmo, ou sexa: deixar ó rural sen alternativas e axudar a empobrecer ó país. E para iso non o necesitamos nin a vostede nin os seus conselleiros.