Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/03/2021 | Actualizada ás 15:16
Diversas campañas e unha gala virtual foron as opcións escollidas pola Federación Down Galicia para conmemorar este domingo 21 de marzo, un Día Mundial da Síndrome de Down marcado pola pandemia da covid-19.
O acto, iniciado ás 11,30 horas e emitido través das redes sociais, mesturou unha parte lúdica e outra institucional, pero sempre co foco posto na súa principal reivindicación: "Merecemos as mesmas oportunidades que o resto da sociedade e que nos deixen desenvolver as nosas capacidades. Queremos vivir nunha sociedade que respecte a diversidade e que inclúa a todas e todos, sen excepción".
A gala, tal e como informa Down Galicia, contou con dous mozos con trisomía 21 como condutores. Irene Rodríguez-Toubes e David Aldrey encargáronse de dar paso ás distintas persoas convidadas, entre elas o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; e actuacións musicais a cargo da Orquestra Cinema e o trupo Tanxugueiras.
A benvida do acto correu a cargo do presidente de Down Galicia, Delmiro Prieto, quen explicou que o Día Mundial da Síndrome de Down "é un día de celebración, pero tamén de reivindicación daqueles dereitos que, por un motivo ou outro, ven vulnerados".
FEIJÓO DESTACA A SÚA "ENORME FORZA DE VONTADE"
Pola súa banda, o presidente da Xunta interveu a través dun vídeo no que lembrou que o mundo pasa por "un dos momentos máis incertos da súa historia recente", como é a pandemia do coronavirus. Por iso, Feijóo ve "fundamental sentir a ilusión e a enorme forza de vontade das persoas con síndrome de Down e as súas familias".
"O voso esforzo diario convértese nun exemplo a seguir para toda Galicia nun momento en que necesitamos referentes de superación", dixo o mandatario autonómico. "Especialmente este ano, temos unha oportunidade para seguir rompendo os prexuízos e conseguir unha Galicia máis integradora, máis plural e unha sociedade mellor",engadiu.
PREMIOS DOWN GALICIA
Igual que en anos anteriores, a Federación Down Galicia aproveitou a conmemoración do 21 de marzo para entregar os Premios Down Galicia, co obxectivo de recoñecer o labor a favor da igualdade e a autonomía das persoas con trisomía 21.
Neste ano tan singular, só se concedeu un galardón extraordinario. Recaeu en todas as familias, profesionais e persoas usuarias do movemento Down en Galicia, pola súa "gran capacidade de adaptación e polo esforzo mostrado durante a crise sanitaria", o que permitiu evitar "un prexuízo maior" que o propio confinamento, destaca a Federación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.