Por Serafin Pazos | Bruxelas | 12/04/2021 | Actualizada ás 14:00
Non acostumo a falar de traballo nesta miña columna mensual no GC. Ao longo destes cinco anos abordáronse moitos temas, algúns máis investigados ca outros, desde a perspectiva dun analista político galego que leva vinte anos emigrado e que co gallo de cada un dos asuntos tece un relato sobre o que é ser galego hoxendía.
Nos últimos meses, como ten dado conta este xornal e outras publicacións galegas e españolas, teño contribuído máis do xa habitual á reflexión pública sobre os fondos europeos post 2020. O último exemplo disto é o convite da Fundación Luzes o 9 de abril para un debate sobre o tema que titula esta columna (dispoñible en Youtube para quen teña interese). O que ven aquí fan o oficio das notas que preparei para ese encontro.
Para moitos semella que o chamado “Plan de Recuperación” é coma un novo maná do ano 1986 que nos vai sacar de pobres e solucionar todos os nosos problemas...ignorando que levamos 35 anos nada menos recibindo Fondos Europeos, tamén chamados Fondos Estruturais, Fondos de Cohesión ou fondos da Política Rexional da UE. Fondos xestionados na súa maioría pola Xunta de Galicia. Sen embargo, a memoria da opinión pública e da publicada é semellante á dun peixe e, coma os vagalumes, seguen á luz que máis brilla.
Galicia, quinto territorio da UE
Galicia é o quinto territorio europeo que máis fondos recibiu, 15.000 millóns de euros en trinta anos. Coma un orzamento e medio anual do Goberno galego. A inmensa maioría do gasto non corrente. Dos fondos asignados para Galicia 2014-2020 aínda quedan uns 1.400 millóns pendentes de gastar. Non só iso, a Consellería de Facenda ten que estar (supoñemos) a preparar o novo Programa Operativo de Galicia para os anos 2021-2027 algo menos dos 2.700 millóns asignados a Galicia nos últimos sete anos. Estamos a falar da maior parte do gasto de investimento (é dicir gasto non corrente como pagar nóminas e provedores) das dúas próximas lexislaturas galegas. E sen embargo non falamos diso, de cartos que Galicia si ten e terá garantidos. Gastáronse ben? En que? Quen se beneficiou? Existiu unha boa concertación (principio de Partenariado ou asociación) coas Deputacións, cos Concellos, co Estado, cos actores sociais e económicos?
Pedirlle diñeiro a “Europa”
Máis cómodo semella pedir aínda máis peras ao olmo europeo. A actitude española e por mímese galega respecto do chamado Next Generation EU (que é como se chama realmente o chamado fondo de recuperación post COVID) foi polo xeral, con excepcións (o non-paper do goberno Sánchez ao comezo da crise, por exemplo) e sobre todo a nivel de opinión pública ou partidaria, entre desinformada e lamentable. Pedir diñeiro a UE gratis, a cambio de nada, para gastar en gasto corrente ou xa veremos en que. E cando no norte de Europa, que de sobrados de prexuízos verbo dos moreniños do sur tampouco andan escasos, paran os pes, é que son uns insolidarios, uns cínicos, uns evasores fiscais e uns tristes que non saben vivir nin comer. Que a primeira ministra socialdemócrata finlandesa lle dixera a Sánchez no cumio de xullo de 2020 que como se lle ocorre pedirlle que o seu país (cheo de euroscépticos) se endebedara para darlle diñeiro sen saber para que exactamente, resulta que era mesquiño.
Paradoxalmente, se cadra o mellor que terían feito os contribuíntes netos era efectivamente dar diñeiro a Italia, España, etc. a fondo perdido para cubrir pensións e o oco temporal do déficit do 2020. No seu lugar creouse unha enorme criatura (xa veremos se monstro) de 750.000 millóns (máis do que a Política de Cohesión e a Política Agrícola Común xuntas) que a diferencia dos anteditos fondos europeos non se financia polas Facendas dos Estados ricos senón, a base de que a UE se endebede....ata 2058! E que os Estados Membros acepten. ben pagar o crédito ou que a UE teña impostos europeos por primeira vez (aceptado isto sen debate apenas no Congreso dos Deputados, a diferencia do que ocorre no parlamentarismo e tribunais do norte de Europa). Por que se fixo así? Pois para que os contribuíntes netos tamén sacasen tallada, porque eles normalmente non reciben moitos fondos estruturais (porque son ricos)...e porque saben que a maioría dos Estados do sur non van ser quen de gastar a maioría dos novos cartos prometidos.
E en vez de gastarse para cubrir os ocos da crise (ao máis que se aceptou e que os Estados Membros poidan pedir créditos de baixo interese á Comisión para pagar ERTEs e ao Banco Central Europeo para cubrir o déficit, lonxe está o Estado de Benestar Europeo polo que pía a esquerda, a esquerda do sur, enténdese) hai que gastalo en investimentos a futuro.
A indixestión de fondos
Cal é o problema? Que sobran máis cartos ca bos proxectos. O Reino de España ten garantidos nada menos que 20.000 millóns dos fondos tradicionais para 2021-2027. Ten aínda outros tantos por gastar do período 2014-2020. E resulta que agora o Next Generation EU lle asigna uns 72.000 millóns máis, subvencións a comprometer en tres anos e a gastar en seis! E iso que non contamos os 50.000 que lles corresponderían de créditos dentro desa tan cacarexada cifra dos 140.000 fondos NGEU para o Estado Español.
As reformas adiadas
A opinión pública e publicada tamén se rompe as vestiduras pola suposta aldraxe que a UE che esixa que mudes o Estatuto dos Traballadores para evitar seguir expulsando á poboación ao estranxeiro e á precariedade namentres que unha minoría afortunada está quentiña nos apaños do Palco do Bernabeu, as profesións protexidas e o funcionariado de por vida (ese que non existe na socialdemócrata Finlandia). Por certo: a “Europa” dálle igual como o fagas con tal de que non lles crees problemas a eles. Gobernos de ámbolos dous principais partidos levan comprometéndose ante a UE a cambiar as normas do mercado laboral cada ano, no chamado Semestre Europeo. Resulta que agora che dan 72.000 millóns de razóns para facer algo que, unha vez máis, Finlandia fixo sen que ninguén lle regalase cartos para convencelos a facer reformas-sacrificios longamente adiados.
Gordos e pedreas
Pero nada disto semella importar ante o espellismo deses fondos que van sacarnos da crise, se ben, en 2021 coma moito chegarán a España 5.300 millóns dos primeiros 40.000 prometidos. Do resto xa se verá no Plan de Recuperación do que, a un mes de ser enviado á UE, todo o mundo fala pero do que, a diferencia de Alemaña, Portugal, ou Francia, ninguén fóra do Goberno e semella, varias grandes consultoras viu, aparte dun borrador de boas intencións hai catro meses e un moi discutido polos xuristas pero no fondo nada clarificador Real Decreto Lei o mes de decembro pasado. Tamén moita comunicación política coma o goteo de anuncios coma un preacordo bilateral coa Volkswagen (os chamados proxectos estratéxicos coas grandes empresas, ou PERTE) para o coche eléctrico (os cínicos dirán tamén o Plan E de Zapatero prometía algo semellante), os concursos de ideas desde varios ministerios para a dixitalización, a enerxía ou o reto demográfico, este último no espazo duns meses pasou de prometer 2.500 millóns a 10.000.
O risco de recentralización
Pouco semella importar que o Next Generation, a non ser que o Plan de Recuperación, cando saia, sorprenda, vai na liña contraria á da Política de Cohesión tradicional. Suporá unha centralización das decisións no goberno central (se ben, a participación das CC.AA. e mesmo concellos se anticipa superior a de estados descentralizados comparables) con consecuencias imprevisibles a medio prazo para a estrutura territorial do poder no Estado Español. Sen embargo, lonxe destas consideracións o que prima é “o euro é o euro” sen importar de onde veña e a cambio de que. Resulta lamentable ver a web do goberno galego, www.nextgenerationgalicia.gal en vez de explicar as propostas do noso goberno e conter o listado de proxectos coma por exemplo fixo o Goberno Vasco, se limita a dar parte as convocatorias dos ministerios madrileños, coma se fose a ventanilla dunha deputación provincial.
Canto lle tocará a Galicia?
Mais vaiamos polas propostas do goberno galego. A Xunta propón 108 proxectos para optar ao Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da UE (MRR, que é parte maior do Next Generation). Entre eles os proxectos tractores de plantas de hidróxeno, biogás e fibras téxtiles a partir da madeira. Pero iso era en outubro e era por valor de 9.400 millóns. Para marzo xa eran 354 por valor de 20.000 millóns. Por pedir que non sexa. É dicir que Galicia, 6% da poboación e do PIB estatal pide para si 1/3 das subvencións do MRR dispoñibles para todo o Estado. Curiosa solidariedade dun goberno que se gaba de constitucionalista. Iso si, a lista dos proxectos, a memoria económica e plan de viabilidade de cada un, a descrición e compromiso dos parceiros, a avaliación de impacto social e ambiental, etc. esas cousiñas, detalles que xa se coñecerán máis adiante, se tal.
O BNG, semella que non quería ser menos ca Euskadi e pediu 12.000 millóns. Sen embargo, hai que recoñecerlle ao seu plan Next Generation Galiza que alomenos dá propostas e cifras orzamentadas nun grao de detalle que ata o momento se descoñecen do propio goberno galego e mesmo do “Plan España Puede” de Moncloa. Se ben hai que agradecer que non caia nos lugares comúns da parte máis vermella da súa parroquia (tipo pedir cartos á maligna Europa para facer gasto corrente ou facer nacionalizacións a dedo), tampouco é que busque unha coherencia de conxunto, cos Fondos europeos tradicionais ou simplemente xustifique como chegaron a cada partida que están a pedir. A finalidade non é esa, senón a de crear un relato de solvencia económica do equipo de Pontón na carreira a 2024, do mesmo xeito que John Swinney botou moitos anos na oposición petando na porta do empresariado escocés cun PowerPoint para que desen o beneficio da dúbida ao SNP.
Menos comprensible é a postura do PSdG. Como se viu no, por certo, cordial e construtivo debate anterior da Fundación Luzes dos tres partidos sobre este mesmo asunto do NGEU, a postura semella a de pedir tranquilidade que xa o goberno amigo se encarga de todo en Madrid e coa Comisión Europea. Actitude pouco xustificable xa que Leiceaga é un economista en exercicio, que segue a publicar malia ser voceiro parlamentario, e Caballero sobriño é un dos principais economistas neoinstitucionalistas na academia española. Capital de sobra para facer pasar algunha idea estrela ao equipo técnico na Moncloa que está a cociñar o Plan, e que poidan eles logo presentar coma propia.
Polo demais, non é un mal galego, en xeral todo o mundo pide, e a granel. Os concellos piden 14.5% dos novos fondos, sen importar para que, ou se se pode gastar en custes elixibles polas normas europeas, senón simplemente porque esa e a parte que teñen dos orzamentos do Estado. O sector turístico pedía 20.000 millóns así a pelo, coma se estes cartos fosen para compensar as súas perdas. Ou o chamado I Foro Industrial de Fondos Europeos de Recuperación pide outro tanto para o seu sector.
A realidade Galicia recibirá do Next Generation EU, uns 441 millóns do chamado REACT EU, que son coma fondos estruturais adicionais. Os Orzamentos Xerais do Estado de 2021 prevén que a Galicia cheguen polo menos 249 millóns do MRR, polo que é razoable estimar que pode optar a uns 1.500 millóns do total español. Á provincia de A Coruña tocoulle ademais unha pedrea de coma moito uns 20 millóns do Fondo de Transición Xusta. É dicir dos 140.000 millóns poderían “ser asignados para gastar en Galicia” (non necesariamente para que Galicia gaste no que queira, ollo) uns 2.000 millóns do NGEU. Cifras importantes, pero non eses 9.500, 12.000 ou 20.000 millóns dos que se fala en Galicia. E lembremos que Galicia si ten seguro uns 2.000 millóns dos fondos tradicionais para 2021-2027.
Sen embargo, os 2.000 millóns “galegos” do NGEU dependen de moitas variables: son cartos que non existen, senón que os fondos NGEU serán pedidos aos mercados financeiros pola Comisión en función do que vaia sendo necesario en función dos gastos xa feitos polos Estados Membros. Porque, tanto cos fondos tradicionais coma co NGEU a UE non dá os cartos (agás un pequeno anticipo) senón que devolve a gasto xa feito...cos teus propios cartos.
Plan de país
Por iso, e para rematar, hai que volver ao fundamental. E ese fundamental non cambiou co COVID, nin co NGEU, é o mesmo que nos enfrontamos desde que desde 1986 adiante “Europa” nos dá diñeiro para que os galegos decidamos que país, que sociedade queremos ser. Sexan 4.000 ou os 2.000 de sempre, estamos a falar da principal fonte de investimento desta e das próximas dúas lexislaturas. Non só os Programas Operativos deberían ser aprobados polo Parlamento Galego (cousa que non ocorre) senón que as prioridades de gasto galega para o Next Generation EU debería saír do informe do comité de expertos está a ser discutido na Comisión de Reactivación do Parlamento galego, onde están os principais voceiros parlamentarios.
E esas prioridades son en certa medida doadas de atopar. “Europa” tamén nos aporta eses datos, moitos deles resumidos na miña anterior columna “Galicia e os Feitos” (10 de marzo de 2020). Por exemplo: “A nova Directiva de Residuos da UE aprobada en 2018 establece que, todos os membros da UE deberán reciclar polo menos o 55% dos residuos municipais ata o 2025 En Galicia nin sequera chega ao 20%. En banda longa ADSL a taxa de cobertura a máis de 10 megas é de 52% cando a media española é xa do 70%. Galicia está na parte media baixa nos indicadores de innovación europeos a nivel rexional, así coma nos índices da UE de competitividade rexional. A OCDE ponos na mesma liga ca Sicilia ou o Oeste de Irlanda, comparacións por outra parte acaídas en moitos máis sentidos cós dos fríos números. Destacamos con eses territorios na calidade de vida e capital social (as familias, as tradicións, os amiguismos) pero malia iso e pola falta de servizos e oportunidades non pasamos da metade da táboa no Índice de Progreso Social da UE.O Índice Rexional de Calidade de Goberno, financiado pola Comisión Europea, pon no seu ultimo informe de 2017 a Galicia coma un dos territorios de Europa Occidental onde máis empeorou a calidade do goberno, a transparencia e o bo goberno na ultima década.” Galicia leva perdendo -1% anual de poboación en boa parte do país, xusto a definición de territorio en risco de despoboamento e merecente de investimentos prioritarios que tiven a enorme honra de apadriñar no Regulamento do Fondo FEDER 2021-2027. ¿Cales son os plans do Goberno galego para usar os Fondos FEDER nese senso?
Pero alén de cifras e datos, vaiamos a algo máis esencial, algo máis transcendente, que poidamos todos entender. A economista Mariana Mazzucato falaba en “El Estado Emprendedor” (RBA, 2019) e no inminente “Misión economía” (Taurus, 2021) do rol do Estado e do investimento público para conseguir grandes cambios: desde o cambio climático, á aterrar na lúa, que deu lugar ao internet e ao iphone.
En conclusión
Galicia ten 4.000 millóns para decidir o seu futuro. En vez de fialo a Xacobeos, trens a Madrid ou entelequias do hidróxeno, hai que deixar de pensar en proxectiños-tallada e en clave de sistema, en clave de país. Un obxectivo ambicioso e razoable sería usar eses 4.000 millóns en facer de Galicia un dos 50 territorios europeos cunha riqueza por habitante por enriba da media da UE daquí a 2035, e facer tódalas outras variables e iniciativas dependentes desta. Non é tanto nin tan doado. Xa estamos no 82% da media da UE, pero, deses 50 territorios, 27 son as capitais dos Estados Membros que sempre están na media europea ou preto dela, polo que se trata de meter cabeza nesoutros 23 territorios puxantes da UE.
Ambicioso? Si. Realista? Si. Posible? Depende de que uns e outros partidos e tódalas parroquias que conforman a descohesionada sociedade galega asuman ese obxectivo común. Diñeiro non é o que falta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.