A rehabilitación da praza de abastos de Ourense incluirá a construción dunha piscina termal

O Concello licitará os traballos nos próximos meses para que "complementen e sirvan como atractivo adicional para o tradicional mercado municipal", segundo explicaron desde a Casa Consistorial.

Por E.P. | OURENSE | 14/04/2021 | Actualizada ás 16:45

Comparte esta noticia

O Concello de Ourense rehabilitará a praza de abastos coa construción dunha piscina termal, anunciou o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, despois de reunirse cos arquitectos e visitar as obras de remodelación que se desenvolven actualmente no edificio do Mercado Municipal.

A rehabilitación da Praza de Abastos número 1 de Ourense incluirá tamén a construción dunha piscina termal e a reforma da contorna do edificio, indicou o rexedor. O goberno municipal encargoulle ao equipo de arquitectos, responsable da reforma, que elabore o proxecto dunha segunda fase que concretarán as intervencións que se realizarán.

Deste xeito, o Concello licitará os traballos nos próximos meses para que "complementen e sirvan como atractivo adicional para o tradicional mercado municipal", segundo explicaron a Casa Consistorial expondo que o investimento para a construción e a reforma será de aproximadamente tres millóns de euros.

A reforma do mercado "avanza a moi bo ritmo", sinalou. Con esta seguinte fase, explicou, transformarán e porán "en valor a contorna do edificio". "Ademais acondicionaremos, no soto, unha das mellores piscinas termais de toda Europa", asegurou Gonzalo Pérez Jácome para a continuación engadir que "no día de onte (martes)" déronlle "o OK aos arquitectos para que presenten o proxecto coa previsión de licitalo".

A finalidade de apostar por esta instalación termal é "darlle un salto de calidade ao termalismo de Ourense co obxectivo de que deixe de ser un bluff", apuntou o alcalde, quen refuga así idea de situar un supermercado nos sotos do edificio.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome.. CONCELLO DE OURENSE
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome.. CONCELLO DE OURENSE

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta