O Sergas segue ampliando as listas de selección temporal, con máis de 4.500 sanitarios

Rexistrouse un crecemento do 7% con respecto á anualidade pasada.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/04/2021 | Actualizada ás 13:19

Comparte esta noticia

O Sergas publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) as listas de selección temporal de diversas categorías de persoal estatutario, que xeraron un total de 4.573 inscricións, entre as do anterior proceso e as de nova xeración. Segundo informou a Consellería de Sanidade, na edición deste xoves do DOG dáse publicidade á relación provisional de admitidos e excluídos e os resultados provisionais de baremación, no proceso de actualización das listas de selección temporal de diversas categorías de persoal estatutario.

A categoría con maior número de solicitudes é a de fisioterapeuta, con 1.519 inscricións. Sanidade puntualiza que resultan excluídas do proceso o 0,83 por cento das solicitudes de participación. O 7,06% foron novas realizadas despois da data límite de presentación do anterior proceso.

Agora ábrese un prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte día da publicación, para que as persoas interesadas poidan formular alegacións con relación á súa admisión e aos resultados obtidos na baremación provisional. A estimación ou desestimación, tras a súa análise e valoración, incluirase na resolución pola que se publiquen as listas definitivas, que determinará a data de entrada en vigor de tales listas.

Sanidade avanzou que proximamente se publicarán as listas definitivas de varias categorías como celador, celador no turo de discapacidade intelectual, grupo auxiliar da función administrativa, persoal de servizos xerais, técnico en farmacia, técnico superior en anatomía patolóxica e citología, técnico superior en dietética e nutrición, técnico superior en documentación sanitaria, técnico superior en hixiene bucodental e técnico superior en laboratorio de diagnóstico clínico e técnico superior en radioterapia.

Profesionais sanitarios traballando nun hospital. FRANCISCO HAVIA
Profesionais sanitarios traballando nun hospital. FRANCISCO HAVIA | Fonte: UNIVERSIDADE DE VIGO - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta