Por Europa Press / Redacción | MADRID | 26/04/2021 | Actualizada ás 14:21
Inditex creou unha filial enerxética para xestionar os seus proxectos de renovables baixo o nome de Inditex Renovables, con sede en Arteixo (A Coruña) e presidida por Francisco Javier Losada, segundo publica este luns o Boletín Oficial do rexistro mercantil (Borme).
A nova sociedade, que se crea cun capital de 3.000 euros e que comezou as súas operacións o pasado 16 de abril, ten como obxecto social a realización de toda clase de actividades, obras e servizos propios ou relacionados cos negocios de produción e comercialización de enerxía térmica ou eléctrica mediante instalacións que utilicen fontes de enerxía renovables.
A publicación da creación desta nova filial prodúcese despois de que o pasado xoves o grupo fundado por Amancio Ortega presentase á Autoridade Portuaria da Coruña unha solicitude de concesión administrativa para desenvolver un proxecto de instalación de tres aeroxeradores na zona de Levante do Porto Exterior da Coruña.
O obxectivo é que estes muíños eólicos xeren enerxía sustentable para o autoconsumo colectivo das instalacións portuarias de Punta Langosteira e da sede de Inditex en Arteixo (oficinas, fábricas e centro de distribución), segundo informou a compañía.
ENDESA
Por outra banda, Endesa lanzou un plan integral de impulso e mellora da competitividade no que participan unhas 500 pemes e grandes empresas, 33 delas radicadas en Galicia. O obxectivo, segundo explica a compañía enerxética nun comunicado remitido aos medios este luns, é favorecer a aposta "pola sustentabilidade ambiental" destas empresas, así como "reforzar" a súa posición financeira.
Os participantes é o plan son provedores de Endesa nas principais áreas de negocio, com a xeración, distribución ou comercialización.
Así, de entre as 500 empresas seleccionadas --o 25% das cualificadas para traballar con Endesa--, 33 son galegas, a maioría (27) da provincia da Coruña, aínda que tamén hai de Pontevedra (5) e Lugo (1).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.