Cambalache

Son dos que creo que a historia non se repite, pero si que existen certos feitos que semellan paralelismos que acontecen nas sociedades cada certo tempo, fitos que nos indican que debemos coñecer o pasado para, na medida do posible, entender o presente e intuír o futuro.

Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 10/11/2013

Comparte esta noticia

E moitas veces, por estar tan metidos nos problemas actuais, esquecémonos  de pensar con serenidade e revisar a historia para atopar claves do que acontece  a día de hoxe.

Nos anos trinta do século pasado Enrique Santos Discépolo escribiu e musicou un texto con ritmo de tango, chamado Cambalache. Entre outras moitas cousas o texto  dicía:

“Siglo veinte Cambalache problemático y febril, el que no llora no mama y el que no afana es un gil... es lo mismo el que labura noche y día como un buey,  que el que vive de  los otros,  que el que mata, que el que cura,  o está fuera de la ley.”

Pois ben, agora que levamos un decenio do século XXI, parece que esta etapa ten certa semellanza a dos inicios do século anterior que describe a famosa cantiga. E para argumentar o que digo vexamos algúns feitos que acontecen ó noso arredor e que amosan que xa non hai ética social e menos política como denunciaba Discépolo. Os que mandan e nos gobernan, son os que primeiros vulneran a lei; son os que pagan en B, son os que predican unha cousa e á hora de gobernar practican outra totalmente diferente. Son os que fan o contrario do que prometen; son os que din que as reformas fanse para mellorar e realmente son contrarreformas que están a empeorar a situación laboral, de acceso os servizos básicos  como a sanidade e o ensino e crean unha ruptura social. Pero eles seguen afirmando que estamos a saír do túnel pois xa se ve a luz.

Con todo, os cidadáns vendo que quen nos goberna practica a corrupción sistematicamente; que no entorno da máxima representación do Estado, tamén hai corruptelas; que os Estado rescata os bancos a conta dos cidadáns, e estes teñen grandes beneficios e non  se devolve o prestado; que nas Dputacións e Concellos acontecen cantidade de irregularidades;  que no mundo da empresa hai que rouba e explota a quen pode sen pudor. etc.
Polo que, a  xente búscase a vida como pode. Desta maneira os nosos mozos, os mellor preparados,  emigran. Os membros dunha  familia para  aforrar gastos, viven no mesmo fogar e renuncian a independencia,  e as nosas autoridades, sobre todo as da Xunta, actúan como bedeis ás ordes do goberno de Madrid e repiten como loros as consignas que lles dan dende capital do reino. E desta maneira poderíanse citar un longo etc.  Así,  diante   o triste   panorama a xustiza camiña a trancas e barrancas,  pois actúa con moitas luces e sombras; con atrasos incomprensibles co que, moitos casos dos grandes prescriben, e tamén  con  moitos erros e miradas para o outro lado.

A cantiga aludida afirmaba que o século   vinte foi moi problemático e febril. E foino ate superada a segunda  guerra mundial, e algo semellante está acontecer nos comezos deste novo milenio. Pois Europa está en crise, e  nesta sociedade sumamente  complexa vivimos todos un tanto enlamados no lodo das contrariedades ás que nos leva un liberalismo atroz que soamente busca grades beneficios económicos e convértenos a todos en  números, e os problemas en estadísticas frías, por mor da insolidariedade social froito dos seus principios e da súa propia existencia.
E como a solución ós problemas actuais é difícil e os representantes políticos non están á altura do momento, e  cando o desprestixio da clase política e das institución democráticas aparece. Polo que hai que medir moito os pasos pois, nese intre, aparecen os caudillos revestidos de demagoxias e populismo.

Dicía ó principio que era necesario coñecer o pasado, para non tropezar na mesma pedra como aconteceu noutros tempos. Pois diante a complexidade do momento, nacido basicamente da globalización económica, e da competitividade con países emerxentes, onde os dereitos sociais case non existen, o radicalismo político, o extremismo  envolvido de populismo, agocha os perigos e a confusión para levarnos a revivir épocas escuras que poden ser moi convulsas. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Manuel Herminio Iglesias Natural de Seixalbo, concello de Ourense 1949. Diplomado en Maxisterio (Ciencia Humanas) e Música. Comprometido coa labor social, cultural e política, fundou diversas asociacións. Foi, dende xuño do 2009 ate xuño de 2011 concelleiro de Infraestruturas, Mobilidade e Perímetro Rural no concello de Ourense. Preside dende o ano 1997 a Asociación Cultural Agromadas. www seixalbo.com