GC Aberto

Parabéns para o pobo xitano de Ferrol

Por admin | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/07/2021

Comparte esta noticia

Canto precisamos de resaltar sempre as noticias positivas en todo. Iso dá-lle sentido á vida e

Bandeira do pobo xitano
Bandeira do pobo xitano | Fonte: RTVE

esperanza aos tempos que nos toca vivir. Un pobo só sae de verdade adiante cando desde dentro, desde a súa propia idiosincrasia, é capaz de mirarse en espellos limpos para imitarmos modelos propios e desde aí abrirse ao mundo. Cando son eles, nós, mesmos os que se preparan para lideraren a súa propia evolución, o seu pensar e o seu auténtico facerse. Protagonistas da propia historia en autentica liberdade. Velaquí a síntese literal da noticia no noso Diario de Ferrol.  

Sábado, 3 de xullo 2021:

“EL ALUMNADO GITANO ROMPE BARRERAS EN EL ÁMBITO EDUCATIVO Y

PROFESIONAL”. “Sergio Jiménez será el primer universitario apoyado por la Fundación Secretariado Gitano de Ferrol, (FSG). Pero Sergio no es el único que ha sabido aprovechar el apoyo de la Fundación Secretariado Gitano y el programa ‘Promociona’. Como él, Adrián Romero, Andrea Borja y Silvana Jiménez han formado parte de este programa y tienen mucho futuro por delante.”

Non sobra ningún dos apoios que se poidan recibir por parte de quen nos acompaña DE VERDADE na propia evolución cara a unha maioría de idade persoal e comunitaria. Pero sempre serán os propios rapaces, os adultos e os grupos, os que de verdade entendan e conserven os verdadeiros valores. Os de fóra non nos libramos de impor modelos, tipo superestruturas, que axiña rezuman dependencia, supeditación, imposición e, no fondo, alienación. Os imperialismos alienan. O pobo xitano é, está sendo, vítima do lucro dos seus expropiadores. Todos o somos en diversos graos.

Pero non é así neste caso. A educación liberadora consiste en que a persoa se faga consciente das propias capacidades e dos valores obxectivamente auténticos, e coa axuda dos demais poida avanzar no proceso de converterse en persoa autorrealizada, (A. Maslow), sendo verdadeiros protagonistas do desenvolvemento integral e completo en todas as dimensións.

Todas as felicitacións e ánimos para estes amigos de etnia xitana. E sobre todo para as mulleres novas e ás romí, como nais e educadoras. Moito ánimo para as súas familias. Todo un exemplo. Incluso heroico. Sen elas e sen o seu apoio decidido estas mozas e mozos non irían adiante. Que grande esperanza! Hai moita tarefa e camiño por diante. Seino ben. Traballei intensamente colaborando con eles durante dez anos con empatía mutua e sincera. Por iso sei do que falo e por iso hoxe relouco de ledicia e esperanza. E felicito ao noso xornal, Diario de Ferrol, pola súa sensibilidade en recoller esta nova.

Oxalá volvan tamén polo idioma romanó. Sei unhas 100 palabras. É unha riqueza a non perderen. O que digo para eles vale para nós, as galegas e galegos, e para a nosa lingua e cultura galegas, falada, escrita e normalizada en todo e para todo e en pé de igualdade con todas as linguas do mundo. Son expresión xenuína dun pobo e, por tanto, patrimonio espiritual da humanidade por moi pequeniño que sexa o colectivo que así se expresa e afirma. Xa está ben de tanta persecución e de tanta autoxenreira e complexos aprendidos e enfermizamente internalizados e autointegrados.

E que non veña ninguén con andrómenas de exclusivismos. Temos o inimigo na casa. Hai

excluídos porque hai excluidores. Hai escravos porque hai sistemas escravistas. Só estes son, están e impoñen monolingüísmos reducionistas e imperialistas. Só os pobres son os verdadeiramente políglotas. Teñen de valerse en todos os idiomas dos imperialistas. E nin así se lles dá lugar de viviren e existiren. Hai moito redentor, propio ou foráneo, ao servizo de intereses alienadores que non alentan unha verdadeira pedagoxía liberadora, aquela que nos ensinou Paulo Freire, na “Pedagogía del oprimido”. Seremos libres cando sexamos auténticos xestores e xestionadores da propia evolución integral, integrada e integradora, persoal e colectiva, nun salubre concerto mundial. Parabéns!, amigas e amigos.

Para que vale o galego? Para sermos nós! Para que valen os meus apelidos, os xentilicios e

patronímicos? Para ser de verdade eu! Nin máis nin menos ca ninguén. Eu! E de non ser así serei un ninguén. Un alienado. “Un expropiado de min mesmo”. Un escravo ao servizo total dos caprichos de “mi amo”. E se penso así, cando me crea con poder, convertereime nun escravizador do outro, da outra: Son meus! Eu son o dono! E estou convencido: “La maté porque era mía!”. Témolo oído, verdade? Aí está a raíz! Que razón tiña Castelao: “Denantes mortos que escravos!”

Felicitemos, pois, ás mestras e mestres, ao Secretariado Xitano e a cantos traballaron e traballan nestes medios difíciles e de moi limitadas oportunidades. Oxalá nunca caiamos na trampa. Xesús de Nazaré dixo: “O meu Reino non é ‘deste mundo’. Vale dicir: deste ‘sistema’. Por iso o mataron. Parabéns ao Secretariado Xitán. Ás familias e educadores. Entre todos abriremos camiños na noite. Dimo o corazón.

Alendoi! Chachipén! PARABÉNS! E grazas! “Coma a irmáns e irmás vos falo!”

Xaquín Campo Freire. Xaquín de Roca. 07-07-2021.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta