Por Alicia Casas | Compostela | 25/07/2021 | Actualizada ás 22:05
Pasaron xa cinco anos dende que Mauricio García Pereira protagonizou un dos escándalos máis graves da industria agroalimentaria francesa nos últimos tempos. Cinco anos xa dende que saíran á luz os 25 vídeos que, gravados con cámara oculta, mostraban que no matadoiro máis grande de Francia asasinaban vacas preñadas todos os días e deixaban morrer aos tenreiros afogados no seu propio líquido amniótico.
Unha vaca morta colgada dunha pata e un ventre que se move é unha imaxe que Mauricio García Pereira viu durante tamén cinco anos, dende o 2011 ata o 2016, e que compartiu co mundo.
O galego que chegou a Francia por familia e comezou a traballar no matadoiro de Limoges por non atopar outro traballo, criouse na granxa que por aquel entón era a máis grande de Galicia e unha das máis grandes do Estado e logo expropiada. Nela, conta, aprendeu a amar e a respectar os animais. De todo o contrario vai o seu libro 'Ma vie toute cru', xa traducido a castelán en 'Maltrato animal, sufrimiento humano'. Nel fala dun mundo de violencia banal desdramatizada que viviu durante sete anos.
De animais enfermos de tubercolose que soben nos camións destino ao matadoiro, de matar 35 vacas por hora cravando o coitelo no pescozo dunha cando aínda a anterior está a tremer, de deixar morrer tenreiros que xa teñen pelo e están a piques de nacer, de tirar os corpos ao lixo, de xogar coas cabezas ao fútbol, dos berros que escoitas, dos cheiros que ules, de xefes que tratan a operarios como cans.
Mauricio García Pereira foi nas listas europeas do partido La France Insoumise. Deu conferencias no Senado de París, no Parlamento Europeo e en Estrasburgo. Aínda agora seguen a matar vacas preñadas a fondo e todos os días.
Malia que te aconsellaron o contrario, decidiches denunciar a cara descuberta que mataban vacas preñadas no matadoiro máis grande de Francia e de titularidade pública. Sufriches algunha represalia?
A verdade é que directamente ningunha. A única que recibín, ridícula ademáis, foi en xaneiro deste ano. Unha denuncia do novo director do matadoiro por difamación nunha entrevista que fixen no 2018, e estou esperando a ver se hai xuízo ou non.
Indirectamente por suposto que sufrín represalias. Eu vivo en Limoges, cidade máis pequena que A Coruña onde todo mundo se coñece. Da noite a mañá fixen o que naide esperaba, excepto algúns e sobre todo algunhas asociacións de protección de animais e institucións moi importantes como a Universidade de Dereitos Humanos de Limoges e Brive ou a Fundación Brigitte Bardot.
Publicamente eu son intocable! A outra cara da moeda é que hoxe en día naide quere darme traballo en Limoges, e eu tampouco estou disposto a retroceder no pasado. Nunca máis soportarei nin unha soa vez que no traballo o xefe me fale mal ou me falte ao respeto.
Do mundo de violencia banal e desdramatizada que viviches no matadoiro falas como un “mundo de machos”. Podes concretar a que te refires con isto?
Pois si. Mulleres que traballen nun matadoiro ides encontrar moi poucas, e as poucas que ides encontrar traballan nas oficinas ou son responsables dalgún servizo: sanidade, seguridade no traballo ou servizo veterinario. En Limoges, que eu saiba, ninguén recorda ver traballar a unha muller nas tres cadeas diferentes de animais despois de máis de cuarenta anos. E penso que se houbera máis mulleres, as cousas trocarían no bon sentido e moito máis rápido. Certas cousas non trocan porque os homes non queren que troquen.
Hoxe en día o problema é que non hai diálogo posíbel. E de abrir o diálogo, certos responsables que están aí dende hai décadas deberían deixar os seus “canapés políticos” e deixar sitio ás novas xeracións e ás novas ideas de renovación dos xóvenes agricultores. Escoitar e formar ás novas xeracións, que queren trocar este sistema de sobreconsumo que está a destruír o noso Planeta Terra e creando unha distancia social irrecuperable. O futuro dos nosos cativos é seu.
Falabas de que a maioría dos traballadores que comeza a traballar no matadoiro de Limoges son extranxeiros e sen estudos. Sufriches racismo?
Por suposto! Na Francia de hoxe en día penso que é o problema máis importante a nivel de sociedade que hai. Un dos alcumes que me puxeron no matadoiro foi “Espinguoin”, en referencia aos únicos 50 soldados españois que participaron no desembarco dos Aliados en Normandía durante a Segunda Guerra Mundial.
Eiquí o problema sobrepasa xa a palabra racismo. Para min a verdadeira pregunta é, onde vai o noso Humanismo? Os verdadeiros valores humanos, eses polos que os nosos avós e os nosos pais se bateron e loitaron e morreron a maioría.
Todo perdido, ou máis ben vendido, diante dos “reis” do Capitalismo. Os cartos gañaron as cartas e eu tiña todos os triunfos.
A psicóloga coa que contactaches despois da túa experiencia no matadoiro de Limoges explicouche que as secuelas serían de por vida. En que se materializan día a día estas secuelas?
As secuelas lévoas dentro, iso non poderei olvidalo na vida. Hoxe aínda teño pesadelos nos que me vexo indo a traballar ao matadoiro. Pero o peor para min é que, despois de denunciar esta aberración e percorrer toda Francia, Europa e o Mundo, continúan a asasinar todos os días vacas preñadas. Non só en Limoges, en todos os matadoiros de Francia.
Coa experiencia que dá o tempo e o coñecemento do sector, afirmarías que este tipo de prácticas están xeneralizadas noutros matadoiros?
Por suposto que si. O matadoiro de Limoges non é o único. En Francia, entre os municipais e os privados, hai 256 matadoiros. E, en maior ou menor cantidade, en todos matan vacas preñadas todos os días. Naide sabe a cantidade de tenreiros que morren no ventre na súa nai cada día en Francia… Centenas, miles? Cos anos, cantos millóns? Eu seguirei loitando para que algún día na Francia e en toda Europa haxa unha lei que prohíba a matanza de vacas preñadas.
A quen consideras responsable deste sistema de explotación animal e humano?
Ao Capitalismo, claro. O sistema económico actual é a causa de que os pequenos granxeiros e carniceiros independentes non sexan competitivos cos prezos da gran distribución. O mercado está dominado polas grandes marcas privadas da agroalimentaria.
En Francia, cada dous días hai un suicidio dun “pequeno” granxeiro. É a causa de suicidio profesional máis alta de todas e só falan unha ou dúas veces ao ano nos informativos. Todos somos responsables do que pasa, cada un leva a súa parte.
Cando falas da túa experiencia no matadoiro de Limoges a contrapós á túa infancia na granxa de Abegondo. Como foi esta etapa da túa vida?
A infancia foi sen dúbida algunha a mellor época da miña vida. Eu crecín no ambiente ideal, aínda que ao final rematara todo en traxedia… Non podo explicar todo eiquí e agora, pero os interesados poden lelo na miña autobiografía 'Maltrato animal, sufrimiento humano', traducido da versión orixinal en francés 'Ma vie toute cru' de Edicións Plon.
Cres que se no plato aparecera explícito o sufrimento humano e animal, a xente comería menos carne?
Por desgracia en 80 anos pasamos dunha sociedade que morría de fame a causa das guerras e que lle faltaba de todo a unha sociedade que non sabe comer porque hai de todo. O que hai é que ser consciente da sobreexplotación. Estamos a consumir máis do que a Terra pode producir, e cada ano é peor. Temos que educar ás novas xeracións de xeito diferente, pero todo iso é moi complicado de trocar a curto tempo. Fai falla moito tempo, moitas xeracións aínda, a loita continúa.
A última vez que falamos contigo, contaches que reduciras o consumo de carne (especialmente da vermella). Variaches máis a túa alimentación?
Claro. Eu xa non comía moita carne pero agora menos. Aínda que cando vou a Galiza é imposible renunciar a unha ración de polbo!
Hai pouco un vídeo no que o ministro de Consumo Alberto Garzón recomendaba un consumo moderado de carne e falaba da súa pegada ecolóxica e na saúde levantaba a polémica. Políticos, sociedade en xeral e gandeiros reaccionaban. Por que escandaliza tanto?
Eu estou totalmente dacordo co ministro. Non coñezo a situación exacta dos gandeiros españois, pero aquí en Francia os “pequenos gandeiros” que teñen menos de cen animais xa non son rendíbeis. Non son competitivos no mercado contra as grandes explotacións ou contra os prezos da carne doutros países.
O que di o ministro escandaliza porque para poñer todo iso en práctica habería que trocar todo o sistema económico, dende os granxeiros ata o consumidor. Habería mesmo que educar aos nosos fillos e ás próximas xeracións de xeito diferente. Farían falta moitos millóns e moito esforzo humano para trocar todo.
Unha sociedade na que a maioría de homes e mulleres foran vexetarianos sería unha solución, pero aínda estamos moi lonxe diso. Pero paréceme moi importante que a nivel poítico se comecen a interesar en falar publicamente, mesmo se escandaliza a unha parte da sociedade. Débese continuar por esa liña se verdadeiramente queremos avanzar no bon camiño polo benestar da xente, das xeracións futuras e dos animais destinados ao consumo.
Hai que prohibir e pechar certos tipos de granxas. A maioría dos animais como porcos, galiñas ou coellos, non ven a luz do día en toda a súa vida, viven enlatados uns cos outros. As condicións de vida da maioría dos animais moi pouca xente as coñece, e o problema é que tampouco queren saber. O que importa é o prezo da carne e canto máis barata, mellor! Poucas persoas poden permitirse o luxo de comprar a carne de mellor calidade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.