O ensaio

“Quedan prohibidas las restricciones tanto a los movimientos de capitales, como a los pagos entre estados miembros y entre Estados miembros y terceros países. Artículo III-45 de la Constitución Europea” A crise da representatividade que ao longo dos últimos anos, está constantemente enunciada, non foi unha escusa pra que os partidos políticos da esquerda institucionalizada iniciaran unha re-formulación de cadanseu proxecto. Nin sequera o berro de “Non nos representan” foi un aviso para a comandancia partitocrática. Foi unha declaración de intencións. Un golpe na mesa, rotundo e altisonante, de diferentes xeneracións ante unha situación sociopolítica que agromou da mais que mencionada “crise económica”.

Por Héctor Tejón | A Coruña | 04/01/2014

Comparte esta noticia
Namentres as rúas se convertían en parlamentos, as prazas en ágoras improvisadas e os barrios nos lugares efectivos e afectivos da resistencia daquela multitude, que adormilada durante décadas, espertaba dun doce sono (no caso da sintética clase media) ou pronunciaba a súa decadencia (no caso da minorizada e invisibilizada clase baixa). A clase política observaba con arrogancia e distanciamento esta promulgación, esta destitución concreta e multivariábel que seus gobernados facían manifesta en torno aos seus gobernantes. As eleccións estatais do 2011 mostraban coma a abstención eleitoral conformábase coma unha resposta crítica e razonada e non coma unha actitude pasotista e desentendida da cotidianeidade máis política das últimas decadas. 
 
No 2012 Galicia levou a cabo uns comicios eleitorais marcados, novamente, pola abstención(51%) e pola perdida constante de apoios aos partidos tradicionais (PP,PSOE,BNG) e visibilizándose, unha parte deste fenómeno, coa irrupción de AGE no parlamento. O proxecto encabezado por Anova, EU, e os partidos verdes de Equo e Ecosocialistas irrumpía con forza no parlamento galego, non a suficiente como pra destronar ó PP de Feijoo que revalidaba maioría absoluta.
 
Ao longo destes meses, comentouse que AGE foi un xeito outro de iniciar unha nova andaina política. A recente dimisión dun dos seus deputados e a pantagruélica xestión do que simplemente tería sido unha sustitución tranquila(inexplicables “cuotas” na coalición). Mostrou o pior da cultura de partido con escasa ou nula cultura política. Namentres Feijoo vende as nosas entidades económicas, afunde noso sector naval, privatiza nosa sanidade e sacraliza o corpo das mulleres, os berros de AGE que notrora alentaron aos mais de 200.000 votantes, son ecos escépticos dunha forma tradicional de facer política.
 
Non so iso, como plataforma eleitoral e eleitoralista o portavoz da citada coalición enuncia a invitación a “un ensaio” pra “creba democrática e a restauración borbónica” nas vindouras eleccions europeas. Mal comezamos, cando a necesidade social se lle chama “ensaio”. Mal imos cando o convite á solución pasa por formar parte da orixe do problema. Peor continuamos se o único programa é a enunciación rancia dun mantra caduco e que a ninguén interesa, ou canto menos, non plantexado baixo esas coordenadas.
 
Se tomamos a cercanía dos procesos eleitorais como marca de interese e vinculación ao citado proceso, as eleccións europeas e tendo en conta coma están concebidos os partidos políticos,  son interesantes pra financiación directa destes e seus correspondentes compromisos (liberacións, contratacións a crédito e manteñemento de status de clase). Xogar con algo tan serio coma é a situación actual onde o desemprego, a pobreza, a fame e a carencia son as compañeiras diarias da mesma multitude que berrou e demostrou que “non nos representan” ía en serio, so o pode facer precisamente quen non a padece. Ao engano premeditado, discursivo e retórico, chámaselle “real politik” en angostos e solemnes recunchos nas cúpulas da partitocracia. Namentres a política presente nas relacions sociais mediadas pola carestía nas necesidades básicas, ábrese paso en forma de escepticismo nos partidos-aparato e desconfianza ante promesas eleitorais con data de caducidade.
 
Non nos enganemos. Son os xeitos de ver, estar e reproducir a vida o que nos diferencia e integra nun proxecto de cambio e transformación real. Non coa institución coma fin último, nin o partido coma mecanismo exclusivo de lexitimación da actuación e actividade política. O movemento de transformación vai alén duns comicios concretos coas súas competencias dadas, dunhas figuras determinadas co seu status histórico-político determinado. Practícase a diario, con cada plantexamento crítico e contrario á determinista lóxica reproductiva  do sistema. Son esas formas as que achegan e repelen a uns actores sociais de outros. É inevitable. 
Cecais, pretender estandarizar toda repulsa política ao eleitoralismo é coma pretender que tódalas plantas chámense toxos. Do mesmo xeito, ligar exclusivamente unha confrontación política ás persoas que a sosteñen é invisibilizar as dinámicas das cales proveñen. 
 
Europa non é a chave de nada. A creba democrática xa está na rúa; freando desafiuzamentos (cun intento de represión vía lei anticidadá) organizando a desobediencia médica á privatización sanitaria. Normalizando a okupación e producción de espazos abandonados, a autoxestión dos saberes e a producción dos afectos nunha outra forma de producir e reproducir noso mundo social mais cercano. Por iso, a pregunta non é “con quen” ir a Europa, se non “pra que” estar nas institucións. E a esta cuestión, ninguén resposta, porque mellor non formulala. Non vaia ser que os discursos so sexan retórica vacía, os programas políticos unha amalgama ridiculista, e o interese polo poder a realidade que aviva os créditos financieiros que os partidos, alegremente solicitan, pra acudir a unha institución que pra nada ou pouco vai servir. Iso si, a lexitimación sempre “en nome de.” pero as xentes caladiñas, non vaia ser que mostremos que ese ensaio electoral son as vidas de moitas entendidas coma oportunidade política pra uns poucos. 
Novamente, cambio, o que se di cambio, mais ben ningún. @htejon

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Héctor Tejón Héctor Tejón Sáez, nado na Coruña en 1981. É licenciado e doutorando en Socioloxía pola universidade da coruña. Desenrolou gran parte da súa carreira profesional coma investigador social e docente na facultade de socioloxía da Coruña. É co-autor do libro "La Siniestrabilidad Vial:Un problema desconocido" e artigos en diversas publicacións electrónicas. Actualmente atópase realizando a tese doutoral: " A construcción da identidade posmoderna a través do consumo de cine de masas do século XXI"