Calquera movemento artellado fóra das coordenadas sistémicas, xa non é tan so criminalizado baixo a lóxica do estigma social da "radicalidade", senón que é reprimido, illado e invisibilizado. Esta lóxica da reprodución do que se deu en chamar normalidade social, que non é máis que a conservación dos privilexios clasistas da estructura económica capitalista, comezou a crebarse paseniñamente mais dun xeito firme.
Durante os últimos 35 anos, o artigo 47 da Constitución do Estado Español, serviu como motor económico de crecemento e desenvolvemento económico neoliberal fundamentado na especulación inmobiliaria así como no espolio vivencial, reflectido na privatización do espazo público e na anulación do dereito á autonomía persoal e colectiva so acadada vía empregabilidade ou produtividade económico financeira. Nesta orde, as relacions económico-sociais entre produtores de bens e distribuidores de servizos foron converténdose en relacións carentes de equidade. Así, no caso da vivenda, estabeleceuse un terrible mantra constantemente repetido: "un piso nunca perde valor" ou "mellor mercar que alugar". Nos dous casos, o sentido da propiedade individualizada convértese en vector da razón instrumental, e non soamente iso, senón que tras ese proceso de individualización escóndese a competencia para o logro como forma de relación ante un ben básico (a vivenda) e o utilitarismo económico como "sentido común" (concepto que tan ben desenmascarou Gramsci, e M. Foucault sustituiu polo de "saber do próximo").
Velaquí o comportamento autómata no devir histórico da nosa sociedade, onde o plantexamento crítico foi desacreditado como utopía e a reproducción sistémica acreditada como valor engadido.
O movemento destituínte que supoñen as accións de ocupación de espazos abandonados para o seu uso, rehabilitación e integración na "res publica" comeza a agromar xa non como forma de resistencia, senón como resposta e constitución de "realidades outras" ante a privatización do dereito á existencia. O que noutrora era rapidamente estigmatizado e vilipendiado, comeza a ser aclamado como resposta cívica e exemplar.
Pisos baleiros co cartaz de "Se Vende" namentres familias enteiras son desaloxadas polo impago de hipotecas criminais cuxos autores gozan da impunidade que a súa clase social ostenta, xa non son vistos como oportunidades de negocio, senón como signos claros do desequilibrio inherente a un sistema só "pracenteiro" cando o crédito fluía con desenfreo e irresponsabilidade.
Desafiuzamentos express (cunha lei elaborada por un goberno ¿socialista?) de alugueres impagados ou cunha leve moratoria, que a clase propietaria enrocada nun benestar sintético se nega a revisar á baixa, xa non son vistos como "oferta-demanda" senón como ataque constante a un dereito á existencia que so é posíbel tendo diñeiro.
O paso da xestión da abundancia ao reparto da escaseza artellado dende as institucións políticas en connivencia coas financeiras, xa non é contemplado como un mal menor, senón como roubo á baixa clase social. As exiguas rendas dun traballo asalariado en crise, escaso e claramente precarizado, xa non é un "algo" que aturar, se non un "todo" ante o que loitar...
Son puntos que comezan a converter en lexítimo o que dende ese "sentido común" materialista e capitalista foi estigmatizado e criminalizado porque fuxía do aparello de control do Estado de dereito neoliberal e oligárquico.
A reticencia a liberarse das cadeas do consumismo inerte e moribundo. O medo á disidencia do relato da competencia e á riqueza, en troques do valor da cooperación e a autoxestión. As dúbidas ante un futuro difuso e incontrolable cando a certeza radica no noso espazo de acción concreto e manexable. Non son máis que evidencias do cambio que xa está en marcha. Ese que se practica e conquista alén de formas políticas clásicas vertebradas como aparellos de partido necrosados e inertes ao magma social en constante cambio.
É o tempo da revolta dos non retribuídos, das explotadas, dos precarios, das pensionistas, dos excluídos, das silenciadas. Nese relato que é a Historia tivemos moitos nomes: vulgo, pueblo llano, servos da gleba, escravos... na actualidade, iso que se dá en chamar minoría, somos todos e a maioría non é mais que un grupo selecto de técnicos da xestión funcional, da economía especulativa e da política despótica.
O saber do común foi cultivado en pliegues de resistencia, en lugares angostos disidentes da razón instrumental. Os “lugares outros” de liberdade e autoxestión sempre existiron, ao saber artellado en torno a estes só lle falta a hexemonía e a práctica comunitaria.
Dende un centro urbano clasista, oligarca e altamente aburguesado, os berros da cidadanía en pé de loita situaron a xustiza por riba dun marco legal ilícito e falto de equidade. O medo á liberdade aflorou como crítica e reticencia intra-clase. Mais a revolución non se constrúe nos tempos do capital, senón na nosa propia dinámica histórica. Afeitos ao paternalismo estatalista e á protección do partido político clásico, é o tempo de unírmonos. De esixir sen medo o dereito a vivir, á nosa autonomía e liberdade, sen anclaxes clásicos nin victimistas. O pobo que non se vende.
A teoría erroneamente abandonada e constantemente reformulada da loita de clases. Fronte ao intento do desafiuzamento de nós mesmos, a ocupación real do noso espazo soberano. @htejon